A AP-9, esixencias de máis subvencións públicas entre beneficios récord

Cabinas de peaxe da AP-9, nunha imaxe de arquivo difundida pola empresa concesionaria © Audasa

O PP atribúe a Sánchez os custos das peaxes que cobra Audasa na AP-9 grazas a unha concesión que remataría en 2023 se Aznar non a prorrogase ata 2048

"Gracias a Pedro Sánchez, recorrer Galicia a través de la AP-9 cuesta por primera vez más de 20 euros". O pasado 4 de xaneiro o PP de Galicia difundía esta mensaxes a través das redes sociais pouco despois de que o Ministerio de Transportes fixese oficiais os incrementos nas tarifas das peaxes das autoestradas de titularidade estatal para 2025, resultado de aplicar criterios coma o IPC e, no caso da Autoestrada do Atlántico, tamén outros como compensar as medidas contra a inflación de anos previos ou as obras de ampliación da ponte de Rande.

Os conservadores acompañaron a mensaxe cunha fotomontaxe na que o presidente do Goberno de España e o ministro de Transportes rían a gargalladas mentres Sánchez sostiña billetes na súa man. Encadrárona nunha campaña política centrada, esencialmente, en culpar o socialista de que suban as peaxes nesta vía e de que circular por ela en vehículo privado non sexa "gratuíto".

Máis subvención ou rescate

Nesas apelacións os populares obvian que só existen dúas vías para paliar ou cancelar os custos directos de circular pola AP-9, cuxa concesión a Audasa segue vixente por mor da prórroga aprobada no ano 2000 polo Goberno de José María Aznar, que a estendeu dende o 18 de agosto de 2023 ata o mesmo día de 2048. Unha delas é a que o actual Goberno de España xa aplica, os diferentes plans de descontos que, dende este pasado 1 de xaneiro, soben as bonificacións de ata o 75% para usuarios recorrentes que viaxen en turismos, así como outros descontos para vehículos pesados, no marco dos pactos de investidura dos socialistas co BNG.

As actuais subvencións para aplicar descontos de ata o 75% están financiadas con máis de 80 millóns de euros neste 2025. A outra vía posible para influír nas tarifas dende o poder político é o rescate da concesión

Estes descontos non implican unha perda de ingresos para Audasa, senón un cambio na súa orixe. O que as persoas usuarias da autoestrada non pagan abónao o Estado. Non en van, para aumentar os descontos ata o 75% o Goberno de España elevou a partida que os financia ata 81,6 millóns de euros neste 2025. Nesta liña, Transportes chegou a cuantificar nuns 2.300 millóns os orzamentos públicos que prevé gastar en manter as bonificacións ata o remate das concesión.

Mostra disto son tamén as contas da propia empresa concesionaria. Nun contexto de sucesivos récords de ganancias (só no primeiro semestre de 2024, o dato máis recente dispoñible, os seus beneficios achegáronse aos 40 millóns de euros), os fondos públicos representan xa arredor do 30% dos seus ingresos por peaxes, tanto os novos descontos coma os tramos con peaxe na sombra, isto é, os que son completamente gratuítos á hora de circular pero cuxos tráficos paga posteriormente o Estado.

A outra vía para incidir dende o poder político nos custos das peaxes da AP-9 pasaría polo rescate da concesión. Isto é, dala por rematada antes do 2048 fixado polo Goberno de Aznar, un procedemento que o Consejo de Estado recomendou estudar por ser menos gravoso para as arcas públicas. Tanto o Goberno do PP de Mariano Rajoy coma o actual Executivo de PSOE e Sumar desbotaron ata agora o rescate alegando que tería un custo de ata 4.000 millóns de euros, se ben outros estudos coma o encargado recentemente polo BNG a un equipo da Universidade da Coruña e outras análises expertas reducen o custo a menos de 1.000.

A cuestión do rescate está tamén viva por mor do procedemento de infracción contra España aberto pola Comisión Europea, que ve ilegal a prórroga de Aznar, cuxos efectos seguirían sendo os mesmos no caso de que as competencias fosen transferidas á Xunta

A cuestión do rescate está viva no debate público non só por razóns de oposición á prórroga de Aznar ou por mor dos custos das peaxes. Tamén polo procedemento de infracción que a Comisión Europea ten aberto contra España ao considerar ilegal a extensión da concesión no ano 2000 sen sacala a concurso público. Ese proceso segue en marcha e, como publicaba este martes Faro de Vigo, é previsible que non haxa unha decisión ao respecto antes do vindeiro verán.

Todos estes elementos, dende as bonificacións pola vía das subvencións ata un eventual rescate, seguirían sobre a mesa tamén no caso de que as competencias de xestión da autoestrada fosen transferidas á Xunta. Esa transferencian é a que vén reclamando o Parlamento de Galicia por unanimidade a través dunha lei que o Congreso dos Deputados tramita por terceira vez dende mediados de 2024. A tramitación desta lei está sendo enlentecida por sucesivas ampliación dos prazos para presentar emendas. O último aprobado pola Mesa do Congreso, o décimo sétimo, remata o 4 de febreiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.