Máis descontos na AP-9 para usuarios recorrentes e vehículos pesados desde o 1 de xaneiro

Cabinas de peaxe da AP-9 © Audasa

O Consello de Ministros aproba as novas rebaixas comprometidas co BNG e eleva a 81,6 millóns o orzamento reservado para subvencionar peaxes na autoestrada galega en 2025

O Consello de Ministros aprobou na súa reunión deste luns as novas bonificacións de peaxes na AP-9 pactadas entre PSOE e BNG. As novas rebaixas estarán en vigor dentro dunha semana, a partir do 1 de xaneiro. Porén, o Ministerio de Transportes aínda non fixo pública a actualización anual das peaxes das autoestradas estatais segundo a inflación e outras compensacións ás concesionarias, polo que aínda non é posible coñecer a cifra exacta a pagar por cada usuario no novo ano.

Imaxe da ponte de Rande CC-BY-SA Praza Pública

As novas rebaixas de peaxes súmanse ás xa aplicadas desde 2021 e engaden novas bonificacións aos usuarios recorrentes. Deste xeito, os vehículos lixeiros que realicen máis de 20 viaxes ao mes e paguen con telepeaxe verán aumentado o seu desconto do 20% ao 50%. No caso dos vehículos pesados a bonificación pasa do 20% ao 50% xa desde a primeira viaxe, independentemente do sistema de pagamento e dos treitos que recorran.

Ademais destes descontos continúan en vigor os anteriores que comezaron a aplicarse hai tres anos, que supoñen a gratuidade das viaxes de volta realizadas no mesmo día ou, máis anteriores no tempo as gratuidades das peaxes de Rande e A Barcala.

Para aplicar o total de descontos na AP-9 o Goberno de España autorizou elevar a 81,6 millóns o orzamento previsto para 2025. En 2021, cando autorizou as anteriores rebaixas, o propio ministerio cuantificou en 2.300 millóns os fondos públicos que serían necesarios para manter as bonificacións ata o remate da concesión en 2048. Malia ese importe e unha petición do Consejo de Estado para estudar a fondo se o rescate da autoestrada é máis barato que subvencionar as peaxes, como manteñen diversos cálculos, sucesivos ministros veñen insistindo con cifras dispares en que poñer fin á concesión de Audasa sería inviable para o Estado. 

Ademais destas novas rebaixas na AP-9, a comezos do vindeiro ano tamén comezará a haber descontos na AP-53 Santiago-Lalín. Neste caso as viaxes recorrentes terán descontos de ata o 75%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.