O ministro Puente avanza que a semana vindeira o Goberno de España aprobará a vía urxente para achegar 26,7 millóns máis ao plan de descontos da AP-9, "incrementando o xa comprometido ata os 82 millóns de euros" nun só ano
No ano 2021 o Goberno de España activou unha das cláusulas do acordo do PSOE co BNG polo que a formación soberanista dera o seu voto a prol da investidura de Pedro Sánchez o ano anterior: un plan de subvencións ás peaxes da AP-9 que tivo como principal medida a bonificación íntegra das viaxes de volta para todos os vehículos con dispositivo telepeaxe. O pasado 2023 socialistas e nacionalistas acadaron outro pacto para volver investir a Sánchez con, entre outras accións, descontos adicionais na Autoestrada do Atlántico.
A ausencia duns novos Orzamentos Xerais do Estado neste 2024 impediu ata o momento materializar as novas bonificacións. Pero sucederá en breve. Así o anunciou este mércores o ministro de Transportes, Óscar Puente, en resposta ao deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego. Será por unha vía de urxencia que, no Consello de Ministros do martes vindeiro, permitirá achegar 27,6 millóns de euros adicionais a este plan de descontos.
"Comprometémonos, no marco do acordo de lexislatura asinado entre BNG e PSOE" e por iso, "no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado contemplamos" esas cantidades. "A intención é, aínda que co orzamento prorrogado non se dispón de crédito, tramitalas canto antes para que se poidan materializar o antes posible", resume Puente para anunciar que, tras esa inxección por vía urxente, nun só ano o orzamento público destinado a subvencionar peaxes na AP-9 "incrementará o xa comprometido ata os 82 millóns de euros".
O pactado entre socialistas e nacionalistas consistía en elevar o actual sistema de bonificacións ata o 75% do custo da peaxe co foco nas viaxes recorrentes
Estas novas achegas chegarán nun contexto no que, atendendo ás contas de Audasa, no último ano completo -2023- os fondos públicos xa supuxeron un 30% dos ingresos da compañía por peaxes, que ascenderan a 93 millóns de euros. Nesa suma contan as devanditas bonificacións, máis tamén outros pagamentos do Estado como as peaxes na sombra -tramos gratuítos para as persoas usuarias no momento da circulación, polos que paga Transportes a posteriori-.
Á espera desa aprobación e da concreción definitiva dos novos descontos, a ampliación das bonificacións pactada entre ambas forzas consistía en que o actual modelo de desconto do 50% para quen faga o mesmo traxecto de ida e volta dende os mesmos puntos e ademais sume 20 viaxes ao mes, o desconto chegue ao 75%: o 50% actual -con independencia do número de viaxes- e a metade da viaxe de ida. Ademais, esas viaxes recorrentes (un mínimo de 20 mensuais) pasarían a ter o desconto do 50% con independencia do punto de inicio ou fin.
O PSdeG encadra a nova achega no "camiño cara á gratuidade da AP-9"
"É evidente -sinala Rego- que aplicar o previsto no acordo de 2020 foi un avance que logrou aliviar a carga para as persoas e empresas que teñen que usar esa vía de forma habitual. Agora corresponde amplialas segundo o previsto", agrega o deputado do BNG, quen en todo caso urxe o Ministerio tanto a "axilizar a transferencia" das competencias á Xunta dunha autoestrada cuxa concesión "está condenada a desaparecer pola vía dunha decisión xudicial", di en referencia ao procedemento de infracción aberto pola UE contra o Goberno de España pola prórroga ata 2048 aprobada no 2000 polo Executivo de Aznar.
Tamén o PSdeG aplaude o avance do novo sistema de descontos. Para os socialistas galegos, a nova achega á que dará o visto e prace o Consello de Ministros supón outro paso no "camiño cara á gratuidade da AP-9". "Dende o PSdeG valórase especialmente que o Goberno deseñase os mecanismos necesarios para non ter que agardar a uns novos Orzamentos, xa que noutras ocasións non se puido contar cos votos doutros grupos e deputados galegos para que medidas deste tipo saísen adiante", resaltan.