Os descontos na AP-53 pactados polo BNG co PSOE estarán activos a comezos de 2025

Cabinas de peaxe na AP-53 © Grupo Itínere

A vía de alta capacidade que une Santiago con Ourense ten dous treitos. Ata Dozón é unha autoestrada construída polo Estado, froito da teimosía da teimosía da Xunta nos tempos do lalinense Xosé Cuíña como conselleiro de Política Territorial, na que tamén acabou poñendo cartos o Goberno galego. Da Xunta acabou dependendo o tramo ata a capital ourensá.

A parte galega da vía ten un sistema de peaxe na sombra -asumido pola Administración e non polas persoas usuarias- polo que a Xunta ten comprometidos máis de 300 millóns de euros ata 2057. A parte estatal funciona cun sistema de peaxe ordinaria que ata agora era a única do Estado sen ningún réxime de descontos para, por exemplo, viaxes recorrentes.

A aplicación de descontos na AP-53 pola vía da subvención estatal foi un dos puntos incluídos no acordo polo que o BNG comprometeu o seu "si" á investidura de Pedro Sánchez en 2023 e ambas formacións ratificaron este pasado martes que estará activo a comezos de 2025. Os socialistas mesmo propiciaron que fosen os soberanistas galegos quen o anunciasen para, horas despois, confirmalo o ministro de Transportes, Óscar Puente.

O tramo de peaxe tradicional da AP-53, entre Santiago e Dozón, viña sendo o único do Estado sen bonificacións. O ano vindeiro aplicaranse rebaixas de ata o 75% para tráficos recorrentes, avanzou o Bloque e confirmou o ministro de Transportes

Carme da Silva, senadora do BNG, resume en que o pacto implicará descontos de ata o 75% nas tarifas da AP-53 "no primeiro trimestre de 2025, haxa ou non novos Orzamentos do Estado". "Isto vai supor -resume- que unha persoa usuaria da AP-53 que faga o traxecto Lalín-Santiago pase de pagar 13,4 euros a 3,35". A tarifa vixente durante este 2024 veu sendo de 6,70 euros por traxecto dende Compostela ao Alto de Santo Domingo (Dozón) para vehículos lixeiros e de 11,35 ou 13,50 para vehículos pesados.

Horas despois, en resposta a unha pregunta do PP no Senado, o ministro Puente ratificaba o avanzado por Da Silva. "O Goberno ten un compromiso co BNG e vaino cumprir", sinala Puente e "por iso imos tomar medidas que non afectan só á AP-9", onde as subvencións ás peaxes suman "302 millóns de euros dende 2018", sintetiza.

Carme da Silva, senadora do BNG, anunciando o acordo para aplicar os descontos na AP-53 CC-BY-NC-SA BNG

"Dende logo", avanza Puente, no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2025 incluiranse 7,6 millóns para descontos na AP-53. "Pero se isto non fose posible, imos contemplar 27,6 millóns adicionais, incrementando o xa comprometido ata os 83,2 millóns" e así "empezar coas bonificacións a primeiros do próximo ano".

A ampliación das subvencións ás peaxes da AP-9 reciben o visto e prace do Consello de Ministros do día 23 para entrar en vigor o 1 de xaneiro

Ese total de millóns para subvencionar peaxes inclúen a aplicación dos descontos adicionais na AP-9 tamén pactados entre socialistas e nacionalistas e que, segundo avanzou Da Silva e confirmou Puente, recibirán o visto e prace do Consello de Ministros o vindeiro 23 de decembro. Desta maneira, os descontos adicionais "de até o 75%" estarán en vigor o 1 de xaneiro.

Defende Da Silva que "co traballo político do BNG na defensa dos intereses dos galegos e galegas imos conseguindo avances" mentres "o PP foi responsábel doloso de que a Galiza teña as autoestradas coas peaxes máis caras do Estado, mesmo as de maior duración concesional e de dubidosa legalidade". Neste sentido, tamén Puente contrapón a esixencia de descontos na AP-53 formulada polos populares co feito de que fose o Goberno Aznar o que decidiu que a autoestrada ata Dozón se abrise cun modelo de peaxe e non como autovía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.