Todo o grupo popular no Congreso, agás o seu líder, votou a favor dunha moción do BNG que "insta ao Goberno do Estado a que inicie os trámites para a anulación da prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP-9"
"O Congreso insta ao Goberno do Estado a que inicie os trámites para a anulación da prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP9 e asuma a xestión directa da autoestrada e a supresión das peaxes".
Así pediu este pasado mércores o Congreso que se anule a decisión de Aznar do ano 2000 de prorrogar 25 anos máis, de 2023 a 2048, o remate da concesión a Audasa da AP-9. Foi a través dunha moción presentada polo BNG que saíu adiante grazas ao voto a favor do PP (coa ausencia de Feijóo) e de Sumar, xa que o PSOE votou en contra.
A prórroga da concesión da AP-9 a Audasa decidida por Aznar en 2000, que foi seguida dous anos despois pola privatización da concesionaria que ata daquela era unha empresa pública, está a ser investigada pola Comisión Europea, que a considera ilegal por non mediar un concurso público. Porén, nese proceso ante a UE o actual Goberno de España vén defendendo a legalidade da prórroga ante o risco de ter que asumir una custosa indemnización a Audasa se a concesión é anulada.
A Comisión Europea está a investigar a prórroga, pero o Goberno de España actual defende a súa legalidade ante o risco de ter que asumir unha custosa indemnización a Audasa, o que explicaría o voto en contra do PSOE
Neste contexto, o mércores pasasdo o Congreso debateu unha moción presentada polo deputado do BNG, Néstor Rego, que tiña tres puntos. O primeiro era o antedito, reproducido textualmente, que pide iniciar os trámites para "a anulación da prórroga". O segundo punto pedía ao Estado un estudo das vías xurídicas para esa anulación e do custo que tería a xestión directa da AP-9. E o terceiro punto amosaba o "compromiso" dos grupos co tramitación da transferencia da titularidade da autoestrada á Xunta.
Os tres puntos foron votados por separado e nos tres casos o PP votou a favor das propostas do BNG. Non o fixo así o PSOE, que no primeiro punto votou en contra e nos outros dous a favor.
No caso do primeiro punto que pide anular a prórroga de Aznar, o detalle da votación facilitado polo Congreso permite comprobar que votaron a favor 136 dos 137 deputados que ten o grupo parlamentario do PP. O único deputado popoular que non votou, por non estar no hemiciclo nese momento, foi Alberto Núñez Feijóo. Nas bancadas do PSOE tampouco estaba o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Rueda asegura levar "15 anos reclamando o traspaso da AP-9" para censurar que o Transportes a free malia xustificar o bloqueo mentres gobernou Rajoy
Por outra banda, mentres no Congreso se debatía e votaba esa moción e o ministro de Transportes, Óscar Puente, arrefriaba a posibilidade de transferir a titularidade, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aseguraba que leva "15 anos reclamando a transferencia da AP-9". Porén, os populares galegos xustificaron durante anos os sucesivos argumentos do Goberno de España cando estaba en mans do PP para negarse a transferir a autoestrada.
Feijóo chegou a vincular a negativa a transferir a titularidade coas reivindicacións independentistas de Catalunya, asegurando que estas facían que non fose bo momento "para falar de transferencias". Non foi ata a chegada de Pedro Sánchez a La Moncloa que Feijóo fixo desa reclamación unánime do Parlamento de Galicia unha arma política contra o Goberno de España.