O vindeiro 17 de xullo Pedro Sánchez recibirá o presidente da Xunta no Palacio de La Moncloa. Nun clima político aínda marcado pola súa renuncia á carreira pola sucesión de Mariano Rajoy, Alberto Núñez Feijóo vén debullando nos últimos días cales serán as demandas que formulará ao novo titular do Goberno central. Como nos case tres anos nos que conviviu con José Luis Rodríguez Zapatero como xefe do Goberno de España, Feijóo avanza esixencias en materia de financiamento autonómico e tamén sobre os prazos do AVE -o último horizonte é 2020-, pero tamén afirma que esixirá a Sánchez a transferencia de competencias sobre a AP-9 a Galicia, traspaso que o propio PP tentou volver bloquear hai pouco máis de dez días no Congreso dos Deputados.
No marco dunha entrevista na Radio Galega o presidente da Xunta considerou a pasada fin de semana que bastará con instar a Sánchez a ser coherente para lograr o traspaso. O Goberno socialista non poderá dicir 'non' se "hai un mínimo de coherencia política" porque "nos últimos anos, o Partido Socialista en Madrid e en Galicia dixo que si á transferencia da autoestrada", polo que "o único que hai que facer agora é concretar cales son os investimentos previstos na autoestrada, cal é o custo das peaxes, que o sabemos todso, e asinar o real decreto de transferencias" para que as competencias muden de mans.
Ese roteiro para o traspaso é, precisamente, o que marcaban as proposicións de lei que o goberno de Mariano Rajoy vetou ata en tres ocasións en apenas ano e medio. Como vén informando ese diario, ese veto gobernamental baseouse en cálculos económicos erróneos e foi alén das facultades que a Constitución outorga ao Goberno central para bloquear leis que provoquen variacións nos Orzamentos Xerais do Estado, segundo o criterio fixado polo Tribunal Constitucional o pasado abril. Por esta vía o antigo gabinete de Rajoy impediu dúas veces que chegase a votarse no pleno do Congreso a lei para o traspaso que chegou ás Cortes co aval da unanimidade do Parlamento de Galicia e fixo o mesmo cando a lei da transferencia foi formulada por En Marea.
O pasado 12 de xuño o PP tentou volver vetar o traspaso na Mesa do Congreso, pero Ciudadanos aludiu á recente sentenza do Tribunal Constitucional para deixar de apoialo e a iniciativa promovida por En Marea seguiu adiante
Pero tras eses tres vetos chegou a devandita sentenza do Tribunal Constituciona e tamén a moción de censura que tombou o Goberno de Rajoy. O pasado 12 de xuño a Mesa do Congreso reuniuse para avaliar as leis que estaban paralizadas polos vetos gobernamentais, entre elas a do traspaso da AP-9 que presentara En Marea. O PP volveu apoiar mantelas vetadas, pero o grupo que fora o seu aliado para o bloqueo, Ciudadanos, mudou de criterio apoiándose no ditame do TC. A proposta de En Marea quedou desbloqueada e, case ao mesmo tempo, expirou o prazo legal no que o Executivo socialista podía ofrecer argumentos para tentar vetar a proposición de lei que este mesmo grupo presentara para procurar un segundo intento de transferencia cun texto case idéntico. Foi así como deixou, por partida dupla, de existir veto á lei do traspaso, toda vez que os tres votos do PP na Mesa do Congreso non foron dabondo para paralizala.
Dez anos despois das últimas transferencias
Se o traspaso da Autoestrada do Atlántico á Xunta chega a converterse en realidade sería a primeira transferencia do Goberno de España ao galego en máis dunha década
Deste xeito, xa nada impide que no Congreso continúe o curso cara ao pleno da lei do traspaso. Tal e como figura no texto da proposta xa publicado no Boletín Oficial das Cortes Xerais, se o texto é aprobado a Xunta asumirá as competencias sobre a AP-9 que agora ostenta o estado, incluíndo a "potestade sancionadora a respecto de incumprimentos da concesionaria na explotación da autoestrada". Mentres, a Administración Xeral do Esatdo "conservará ao seu cargo" as "obrigas con repercusións económicas e financeiras derivadas da concesión en vigor" que fosen asinadas antes da sinatura do traspaso. Os termos concretos da transferencia ficarían ratificados, en todo caso, nun "acordo da Comisión Mixta de Transferencias Estado-Xunta de Galicia" que se plasmaría no correspondente real decreto de traspasos.
Se o traspaso da Autoestrada do Atlántico á Xunta chega a converterse en realidade sería a primeira transferencia do Goberno de España ao galego en máis dunha década. Non en van, este 1 de xullo faranse dez anos dende que a daquela ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, promulgou os reais decretos que culminaban a tramitación das últimas transferencias negociadas polo gabinete de Zapatero coa Xunta que daqueala dirixían PSdeG e BNG. Menos dun ano despois o PP chegaba á Xunta coa promesa de "recobrar" a "axenda de traspasos pendentes" e de "comezar" a facelo "pola Autoestrada do Atlántico". O que veu despois, no entanto, foi o período máis prolongado da historia da autonomía sen ningunha competencia nova para o Goberno galego.