O veto a transferir a AP-9 culmina o maior período sen novas competencias da historia da autonomía

Rajoy e Feijóo, na festa de toma de posesión do presidente da Xunta, o pasado novembro CC-BY-SA PPdeG

O mes de xullo é de aniversario para o autogoberno galego. Non pola celebración, o vindeiro día 25, do Día Nacional de Galicia, senón porque é o mes no que ficou simbolicamente conxelada, hai xa nove anos, a ampliación de competencias da Xunta. O 1 de xullo de 2008 a daquela ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, promulgou os reais decretos que remataban a tramitación das últimas transferencias negociadas co Goberno galego de PSdeG e BNG, sete naquel ano. Aquela publicación foi o pórtico do período de conxelación competencial máis longo da historia da autonomía galega que, no inicio da terceira lexislatura co contador a cero, ten diante de si un conflito institucional que, dalgún xeito, o culmina: o segundo veto consecutivo do Goberno de España a que o Congreso dos Deputados tramite a lei de transferencia da AP-9 á Xunta, toda vez que a actual composición da Cámara Baixa faría moi probable a aprobación se o gabinete de Mariano Rajoy non tende esa barreira xurídica.

Os últimos decretos de traspaso de competencias ao Goberno galego foron promulgados en xullo de 2008

Ao contrario doutras demandas de novas competencias reclamadas nos últimos anos só pola oposición o bloqueo a transferir a AP-9 impacta de cheo no guión trazado abertamente polo propio PP no programa co que gañou as eleccións galegas do pasado setembro. Nese documento os de Alberto Núñez Feijóo afirmaban a súa intención, grazas á "mellora da situación económica", de "recobrar" a "axenda de traspasos pendentes", isto é, o paquete de competencias que dorme nos caixóns dos gobernos galego e español dende o ano 2009. Para facelo, prometían, ían "comezar pola Autoestrada do Atlántico" e continuar por outras amplamente consensuadas en Galicia como a ordenación do litoral ou a inspección e vixilancia pesqueira, ademais de "reformular" a "negociación da transferencia de competencias en materia de tráfico", fracasada en 2010 no Congreso porque nin PP nin PSOE votaran a prol

No caso concreto da AP-9 a rotundidade da promesa do programa popular semellaba anticipar unha viraxe a respecto dos últimos anos, cando as declaracións de intencións dos responsables conservadores en Galicia non se correspondían coas decisións do propio PP nas institucións estatais. No entanto, apenas dúas semanas despois de lograren a terceira maioría absoluta en Galicia o bloqueo regresou e fíxoo, ademais, por unha vía ata o momento inédita. O Goberno de Rajoy iniciou no Congreso as manobras para evitar que a lei para o traspaso da autoestrada aprobada por unanimidade en Galicia chegase a debaterse. Malia estar baseado nunha hipótese, a do rescate da concesión, formulada a partir de cálculos erróneos o veto mantívose porque tanto PP como Ciudadanos se opuxeron a erguelo na Mesa do Congreso, deitando así no balde do lixo a proposta que en Galicia acadara un consenso total.

O ministro de Fomento deixou claro dende o inicio do seu mandato que non prevé transferir a AP-9 a Galicia

Tras este primeiro boicot, que a dirección do PPdeG xustificou apelando á "responsabilidade", Mariano Rajoy nomeou un novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, que dende o inicio do seu mandato deixou claro que non tiña intención de mudar de postura a respecto da transferencia da AP-9. Así, a comezos de decembro remudou o traspaso por unha comisión de supervisión da autoestrada que, en compaña de Alberto Núñez Feijóo, foi presentada como un paso "histórico". Mentres, non obstante, os grupos parlamentarios galegos tecían un novo consenso para, co asesoramento dos letrados do Pazo do Hórreo, redactar unha nova versión da lei que puidese esquivar o veto.

O segundo veto

Os receos de En Marea, PSdeG e BNG pola posible repetición do veto non impediron, así e todo, que o pasado marzo a nova versión da lei saíse do lexislativo galego avalada, de novo pola unanimidade da Cámara. A xeito de precaución o voceiro do PPdeG naquel debate, Martín Fernández Prado, istou a bancada da esquerda a non reparar nos bloqueos da dirección estatal do seu partido, senón na "coherencia" da cúpula galega. Fernández Prado lanzara, ademais, outra petición preventiva: que a esquerda non "descualificase os deputados en Madrid" se a petición galega era rexeitada.

Ante a ausencia de referencias a un eventual rescate o Goberno de España formulou unha nova hipotése para sustentar o novo veto, ante o que a conselleira de Infraestruturas se declara "sorprendida"

Os temores da oposición ficaron ratificados a pasada semana. Como a lei galega xa non inclúe, nin sequera como hipótese, a posibilidade dun rescate da AP-9, dende o Ministerio de Fomento elaborouse un novo argumentario para dotar de arquitectura xurídica o que De la Serna xa resumira nunha breve declaración: "a titularidade [da AP-9] ten que estar onde está", en Madrid. Unha nova hipótese, a da eventual repercusión dunha rebaixa de peaxes por parte da Xunta, é a base do novo veto xa rexistrado no Congreso, polo que toda a oposición reclama explicacións ao presidente da Xunta.

Mentres, dende San Caetano, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, declarouse nunha entrevista na Radio Galega "sorprendida" polo segundo veto a unha transferencia que, di, "estamos convencidos de que é o mellor para Galicia e de que é legal". A Xunta, asegura, vai "falar" co Goberno de España para "dar argumentos" fronte a unha "decisión" que, agrega, tivo "pouco tempo para analizar". Sexa cal for o resultado desas conversas os propios ritmos parlamentarios e gobernamentais permiten afirmar que, con toda probabilidade, Galicia pechará 2017 como noveno ano consecutivo sen novas transferencias de competencias.

Cabinas de peaxe da AP-9 © Google

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.