A Deputación de Lugo descobre que o PP vendeu 60.000 metros urbanizables públicos a tres días de perder o poder

José Tomé, presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, amosando o plano coas parcelas vendidas polo goberno provincial do PP en 2007, este 7 de maio en conferencia de prensa © Deputación de Lugo

"Creo que isto só ten un nome e chámase pelotazo". Así resume José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, o que asegura que o seu goberno (PSdeG-BNG) vén de descubrir que aconteceu na institución tres días antes da histórica perda do poder na institución por parte do PP en 2007, cando por primeira vez socialistas e nacionalistas lograron desbancar a Francisco Cacharro Pardo -falecido en 2015-, na altura todopoderoso barón popular, e elixir como novo presidente a José Ramón Gómez Besteiro.

Tomé, actual presidente, asegura que a operación formalizada polo goberno de Cacharro en xullo de 2007 por 3 millóns foi descuberta hai apenas un mes, cando a Deputación se dispuña a renovar os equipamentos do parque de Paradai, na contorna dos terreos

Foi o pasado abril, isto é, case dezasete anos despois da fin do cacharrismo -o PP só volveu erguer o bastón de mando lucense durante apenas tres meses no ano 2015, grazas a un voto tránsfuga que despois rectificou-, cando, asegura Tomé, constataron que "tres días antes do cambio de goberno, o 11 de xullo de 2007", a institución daquela gobernada por Cacharro "vendeu a un particular" -do que evita revelar o nome- "un total de 66 parcelas de solo público titularidade da Deputación" na contorna do actual parque de Paradai, na cidade de Lugo. En total, "59.382,43 metros cadrados de terreo, cualificado como solo urbanizable, por un importe de 3.031.041,63 euros".

Parcelas da Deputación de Lugo na contorna do parque de Paradai, na capital lucense, e terreos vendidos en 2007 CC-BY-NC-SA Deputación de Lugo

A descuberta desta venda, sinala o mandatario socialista lucense, produciuse porque o mantemento dos terreos da Deputación na contorna de Paradai, próximos tamén ás vías do tren, era competencia de Suplusa, a antiga sociedade urbanística provincial extinguida en 2021. En marzo de 2023, indica, "a sección de inventario da Deputación" solicitou no Catastro "o cambio dos datos de titularidade das parcelas" da Deputación e o pasado abril o servizo de Medio Ambiente, ao proxectar unha "mellora de equipamentos no parque de Paradai", observaron que "parte das propiedades son de titularidade privada".

"Algunhas" das 66 parcelas vendidas "a un particular" mesmo levaban "mobiliario urbano incluído", asegura Tomé, que di que o revela "por hixiene democrática": "Tanto tempo despois, vémonos na obriga de seguir limpando as consecuencias da mala xestión do PP"

Os técnicos, relata o tamén alcalde de Monforte, reveláronlle a situación a el mesmo "hai en torno a un mes", momento no que "deu orde de que a Deputación deixe de facer o mantemento" e se limite ás parcelas que si son públicas. Pero que non actúen alí onde o goberno do PP vendeu as 66 parcelas, "algunhas delas, ata co mobiliario urbano incluído, como bancos e sinais", e tamén atinxindo a sendeiros, mantén.

A operación de venda, especifica, foi escriturada o propio 11 de xullo de 2007 e "rexistrada no Rexistro da Propiedade o día 13 do mesmo mes". É dicir, na véspera da primeira toma de posesión de Besteiro, o que para Tomé supón unha "extraordinaria rapidez" e, en calquera caso, unha operación que "pon de manifesto a maneira de entender a xestión pública que ten o PP, poñendo os intereses particulares por riba dos xerais", acusa. 

Francisco Cacharro Pardo, tomando posesión por penúltima vez como presidente da Deputación de Lugo en 1999 © Deputación de Lugo

"Tanto tempo despois, vémonos na obriga de seguir limpando a Deputación de Lugo das consecuencias da mala xestión, da neglixente e irresponsable xestión do Partido Popular", abonda Tomé, quen asegura que revela estes feitos por "transparencia" e "hixiene democrática" cara á veciñanza da provincia. "Nun tempo no que debemos traballar pola rexeneración democrática, a cidadanía debe coñecer este tipo de actuacións", abonda.

O PP admite a venda, afirma que Besteiro "estaba ao tanto" e reducen a denuncia de Tomé a unha "guerra" no seo do PSdeG

O PP de Lugo, pola súa parte, admite a venda e enmárcaa nun concurso público celebrado no seo de Suplusa naqueles anos. Alén disto, informa El Progreso, a formación que dirixe na provincia Elena Candia asegura interpretar a denuncia de Tomé como un "ataque" ao ex-presidente da Deputación e, dende o pasado abril, outra volta secretario xeral do PSdeG.

Manteñen os conservadores que Besteiro "estaba ao tanto da venda das parcelas". Así o "ratificou", afirman, "votando a favor no consello de Suplusa" e "dando luz verde á continuidade do proceso" xa como presidente. Segundo a formación conservadora, cómpre interpretar o revelado por Tomé como unha "guerra" no seo dos socialistas e reprochan ademais ao mandatario provincial que critique a xestión de Cacharro, xa falecido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.