Francisco Cacharro Pardo, ex presidente da Deputación Provincial de Lugo, faleceu na mañá deste domingo aos 78 anos. Un dos personaxes máis poderosos da dereita galega nas últimas décadas morreu vítima dun cancro no hospital Polusa, onde levaba ingresado varios días.
A súa morte é a dun dos últimos grandes baróns do PPdeG, o que fora presidente do organismo provincial durante 24 anos, entre 1983 e 2007, e que tamén ocupou o cargo de concelleiro no Concello de Lugo, así como o de senador. Foi, xunto co ex presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o falecido Xosé Cuíña un dos grandes representantes do sector da boina fronte ao dos birretes, do poder popular no rural galego fronte aos líderes urbanos durante a época de Manuel Fraga á fronte da Xunta.
Cacharro foi, xunto con Baltar e Cuíña, un dos grandes representantes do sector da 'boina' no PP galego
Nado en Xaén, a onde foi desterrado seu pai -mestre republicano-, desenvolveu case toda a súa vida en Lugo, onde foi inspector de educación antes de dedicarse de vez á política. A súa traxectoria na política galega foi clave. No momento no que o PP perdeu a Deputación, que pasou a mans dos socialistas, Cacharro Pardo non dubidou en lanzar duras críticas aos seus sucesores, tanto nos populares de Lugo como na dirección galega que encabezaba Núñez Feijóo. Nos seus últimos anos, ao ex barón tamén lle xurdiron polémicas pola súa suposta implicación na operación Muralla, unha investigación xudicial por unha presunta trama de corrupción no organismo provincial, aínda que as acusacións contra el foron arquivadas.
Tras perder a Deputación, non dubidou en lanzar duras críticas á actual dirección do PPdeG liderada por Feijóo
A Fiscalía de Lugo decidiu retirar a acusación contra o ex presidente da Deputación a unha semana de que tivese que comparecer na Audiencia Provincial para a celebración do xuízo. A operación Muralla abriuse na primavera do ano 2006 por presuntas irregularidades que a Fiscalía entendía que se estaban producindo na tramitación de proxectos no departamento de Vías e Obras do organismo provincial.
O portavoz do grupo popular no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, lamentou "profundamente" o falecemento de Cacharro e expresou o seu "máis sentido" pésame á familia. Barreiro dixo do histórico dirixente do Partido Popular que "levou o partido ás máis altas cotas de representatividade na política lucense e galega". Ademais, destacou, nun comunicado, a "dedicación" de Cacharro Pardo polos cidadáns da provincia de Lugo.
O actual presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, lamentou este domingo o falecemento de Cacharro Pardo, “unha persoa que, sen dúbida, ocupa unha parte importante na historia desta provincia e desta administración".
Besteiro lamenta o pasamento dunha persoa que "ocupa unha parte importante na historia desta provincia e da Deputación"
Gómez Besteiro expresou e trasladou, no seu nome e no de toda a corporación provincial, “as máis sentidas condolencias” e o “pésame sincero” “a toda a súa familia e a amigos”. O presidente decretou tres días de loito oficial, que comenzarán na tarde deste domingo e ata o martes incluído, durante os cales se suspenden todos os actos públicos oficiais da institución, e as bandeiras ondearán a media asta e con crespón negro.
Tamén apuntou que a Deputación ofreceu á familia de Cacharro Pardo instalar a capela ardente no Pazo de San Marcos, unha proposta que foi aceptada polo que esta se situará no salón de plenos Provincial. Estará aberta a partires das 18 horas de hoxe.
O BNG amosa as súas "condolencias" á familia preo rexeita que a capela ardente se instale na sede da Deputación
Ante isto, o BNG dixo rexeitar que a capela ardente de Francisco Cacharro Pardo se instale no Pazo de San Marcos, sede da Deputación, e desvincúlase das “decisións unilaterais” do presidente Besteiro, en relación ao pasamento do ex presidente da Deputación.
O voceiro do grupo do Bloque na entidade provincial, Mario Outeiro, mostrou “as condolencias á familia de Francisco Cacharro Pardo polo seu falecemento” pero quixo desmarcarse “por completo” das decisións tomadas por Besteiro, e que o BNG non comparte, en relación tanto á instalación da súa capela ardente na sede da Deputación como aos actos institucionais previstos.