0 Gardados para despois

O PP esixe a Pedro Sánchez o traspaso da AP-9 que o Goberno de Rajoy vetou tres veces

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A aceleracións dos tempos políticos provocada polo triunfo da moción de censura do PSOE ao Goberno de Mariano Rajoy e a inmediata toma de posesión de Pedro Sánchez como novo presidente do Executivo español provocou tamén en Galicia mudanzas instantáneas. Nun contexto político marcado pola expectativa de remuda na presidencia da Xunta a causa dunha eventual marcha de Alberto Núñez Feijóo ao liderado estatal do PP, os conservadores galegos aseguran estar centrados en lle poñer deberes ao gabinete de Sánchez a respecto de Galicia. Entre eles, afirman, estará a esixencia da transferencia á Xunta das competencias sobre a Autoestrada do Atlántico, o mesmo traspaso que o Goberno de Rajoy vetou tres veces en apenas ano e medio.

Dende o convencemento de que "Galicia non pintará nada nese gabinete" o secretario xeral dos conservadores, Miguel Tellado, advertía de que o PPdeG vai estar "especialmente vixiante" en dez asuntos entre os que figura a "transferencia da AP-9 e a supresión da peaxe de Redondela, coa que insistirán nos acordos do pleno do Parlamento de Galicia". Un acordo do Parlamento galego foi, precisamente, o primeiro que vetou o antigo Goberno de Rajoy cando, aínda estando en funcións, enviou ao Congreso un informe con cálculos económicos erróneos para que a reclamación unánime do lexislativo galego non chegase nin sequera a tramitarse.

O gabinete de Rajoy bloqueou con cálculos económicos erróneos as dúas peticións de traspaso reclamadas por unanimidade dende o Parlamento de Galicia e mais a proposta formulada por En Marea no Congreso

Como vén informando Praza.gal, o gabinete de Rajoy aferrouse para este veto ao artigo 136.4 da Constitución, que dá ao Executivo estatal a competencia exclusiva sobre aumentos de gastos ou diminución de ingresos. Así, os antigos responsables de Presidencia e Fomento aseguraban que a proposición de lei para o traspaso, acordada por unanimidade en Galicia, provocaba novos gastos que os Orzamentos Xerais do Estado non podían asumir. No entanto, o Tribunal Constitucional sentenciou o pasado abril que eses vetos non se axustan á legalidade se non especifican a que partidas concretas afectan dentro do orzamento en curso.

Ese primeiro bloqueo foi repetido polo Goberno de Rajoy en dúas ocasións máis: contra un novo texto remitido pola Cámara galega -redactado co asesoramento dos letrados parlamentarios para esquivar o veto- e contra outra proposición impulsada directamente no Congreso por En Marea. Para que ese veto gobernamental triunfase o PP contou coa colaboración de Ciudadanos, partido co que suma maioría na Mesa do Congreso, órgano que en última instancia pode decidir se admite ou non o bloqueo de textos lexislativos, como sentenciou o propio TC facendo súas as advertencias que xa lanzara a Asesoría Xurídica do Congreso.

Dúas novas oportunidades

No Congreso volve estar en trámite a petición por iniciativa de En Marea e no Parlamento volverase aprobar a lei do traspaso por unanimidade tras volvelo propoñer o BNG

Alén da declaración do PP galego deste venres, o certo é que a reclamación do traspaso da AP-9 segue formalmente en marcha por dúas vías. O pasado 26 de abril, tras a sentenza do TC, En Marea volveu rexistrar a súa proposición de lei no Congreso. A conformidade sobre a tramitación desta iniciativa xa corresponde ao Goberno de Pedro Sánchez, o mesmo que o pronunciamento sobre a que será terceira petición do Parlamento de Galicia, toda vez que dende maio está en marcha unha nova proposición de lei por iniciativa do BNG. Prevese que este novo texto, actualmente en trámite na Cámara galega, volva saír cara a Madrid co voto favorable dos catro grupos do lexislativo galego.

Atendendo aos tempos que marcan o traballo do Congreso o máis probable é que o primeiro texto sobre o que se teña que pronunciar a Mesa da Cámara Baixa sexa o formulado por En Marea. Non en van, o habitual é que as propostas de lei que chegan dende os parlamentos autonómicos tarden meses ou mesmo anos en seren tramitadas; no caso da transferencia da AP-9 foi o veto do Goberno de Rajoy o que precipitou os tempos para así evitar que a existencia dunha maioría parlamentaria favorable ao traspaso permitise aprobala en pleno.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.