A anterior carreira sucesoria de Feijóo: unha batalla interna que presentou como "primarias"

Feijóo, proclamado como líder do PPdeG en xaneiro de 2006 CC-BY-SA PPdeG

O presidente da Xunta non aclarou este mércores no Parlamento, como era previsible, se vai abandonar a presidencia para optar ao liderado estatal do PP. Pero o plan está en marcha. Boa parte da prensa conservadora editada en Madrid olla cara a un Alberto Núñez Feijóo que a priori partiría como favorito por mor da diferenza positiva entre apoios e rexeitamentos internos. O campo no que se librará a contenda deixouno marcado Mariano Rajoy; a sucesión non será produto dunha designación 'dixital' pola banda de quen marcha, como fixo Fraga con Aznar e este, co propio Rajoy. Non haberá primarias porque os estatutos do partido non as contemplan; pero si un proceso congresual rexido polo novo sistema de "dobre volta" -unha votación de toda a militancia e outra, só de delegados que poden manter ou non o voto da militancia- no que caben unha ou varias candidaturas. Isto é, un sistema só lixeiramente distinto ao da anterior carreira sucesoria á que concorreu Feijóo no ano 2006. Nas súas verbas, unhas "primarias".

Ao actual presidente galego gustaríalle escribir o relato do seu ascenso á cúpula da madrileña rúa de Génova e facelo en termos semellantes aos que utiliza para relatar como chegou á cadeira de Fraga. Isto é, que no seu expediente conste que venceu nun congreso por unha elevada porcentaxe de votación entre os delegados que conformen o seu plenario. Isto foi o que sucedeu o 15 de xaneiro daquel 2006 no compostelán Palacio de Congresos de Galicia ao que chegou como candidato único. Fíxoo despois dunha dura pugna interna, a batalla final que libraron como tales os sectores alcumados como boinas e birretes. Nela os poderes tradicionais do PPdeG non sucumbiron de vez, pero si tiveron que flexibilizar as súas teses para acomodarse a un escenario no que o aznarismo e as súas pólas en Galicia venceron.

Ao actual presidente galego gustaríalle escribir o relato do seu ascenso á cúpula da madrileña rúa de Génova en termos semellantes aos que utiliza para relatar como chegou á cadeira de Manuel Fraga

A carreira sucesoria de Fraga iniciouse dous anos despois de que a dirección de Aznar elixise a Feijóo para eliminar do escenario político galego ao daquela conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuíña, en plena crise pola xestión política do naufragio do Prestige. Entre as súas credenciais destacaba o aval de José Manuel Romay Beccaría, baixo cuxa máxima confianza ocupara xa naquela altura unha sucesión de cargos relevantes como secretario xeral do Sergas, presidente do Instituto Nacional de Salud -en vías de extinción polos traspasos autonómicos- e mais de Correos. Na volta a Galicia asumiu a poderosa carteira de Cuíña e un ano despois, a vicepresidencia primeira da Xunta, de nova creación.

A vicepresidencia segunda do que deu en ser derradeiro gabinete de Fraga ocupáraa José Manuel Barreiro. Con Barreiro tivo que compartir protagonismo nos meses en que o ex-presidente continuou no Parlamento e con Barreiro estivo na liña de saída da sucesión. Con eles púxose a competir quen xa era agardado, Cuíña, e tamén Enrique López Veiga, antigo conselleiro de Pesca. Os catro lanzáronse á recolleita de avais para o congreso e dende Madrid o xa presidente do partido, Mariano Rajoy, tentaba aparentar indiferencia ante unha loita que o incomodaba. "Mire, yo soy liberal", respondeu á prensa cando o cuestionarion pola existencia de catro candidatos fronte á súa preferencia de que houbese un só.

De catro candidatos a un

Feijóo, Barreiro, Cuíña e López Veiga CC-BY-SA PPdeG | Parlamento de Galicia

Dirixentes como Romay Beccaría ou Louzán foran claves nos movementos de apoios cara a Feijóo e en detrimento de Cuíña, lembran persoas implicadas naquel proceso

A batalla estaba lanzada e o primeiro en caer foi López Veiga, que tras a elección de delegados e delegadas para o Congreso admitiu que non lle daban as "contas". Mentres, Cuíña aseguraba que, se gañaba, ía "refundar" o PPdeG "en clave galega sen paliativos e radicalmente democrática" co primeiro obxectivo de frear a "paulatina perda de autonomía" a respecto da dirección estatal. As posibilidades do ex-conselleiro dependían, entre outros factores, dos movementos de José Luis Baltar e os seus afíns, así como das posicións que adoptasen os numerosos alcaldes do partido. Non foron poucos os rexedores, lembran persoas implicadas directamente naquel proceso congresual, que consultaron con Romay cal era a aposta de Rajoy para Galicia e que ponderaron tamén onde os deixaría partidaria e institucionalmente ubicárense con Baltar ou con dirixentes tamén poderosos na época como Rafael Louzán, na altura presidente da Deputación de Pontevedra.

A loita era tensa e rebentou de vez nos primeiros días de decembro de 2005. Aproveitando os actos do Día da Constitución en Ourense, Baltar pai fixo o anuncio á prensa: os alcaldes de Pontevedra baixo o influxo de Louzán ían apoiar masivamente a Feijóo e Cuíña, dadas as circunstancias, retiraba a candidatura. E sen Cuíña no congreso, os seus delegados tiñan "liberdade" para apoiar a Feijóo. O mesmo que os ourensáns. Con López Veiga e Cuíña fóra, o de Barreiro era só cuestión de tempo e dúas semanas despois anunciaba a integración da súa lista na de Feijóo; a cambio, o ex-conselleiro sería vicepresidente do partido.

Así foi, en síntese, como os catro candidatos quedaron só nun e como o congreso competitivo tornou en conclave de aclamación do actual presidente da Xunta. Aquel 15 de xaneiro Feijóo levou 2.257 votos a prol fronte a uns residuais 90 sufraxios en branco e 8 nulos. "Don Manuel, nunca serei un Xudas", asegurou o novo presidente orgánico no seu primeiro discurso, onde tamén mantivo que se Rajoy "non fose o presidente nacional do partido, eu nunca me presentaría a este congreso", como recollera daquela El País. O daquela atribulado líder do PP español ofreceu en Santiago un balance ao seu xeito de todo o acontecido: "Quizás no se me note, pero estoy muy emocionado. Estoy que me salgo", resumira Rajoy sobre o resultado da elección de Feijóo.

Feijóo, no Parlamento como líder da oposición © Vieiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.