O traspaso da AP-9 a Galicia, nas mans de Ciudadanos tras o pau do Constitucional ao gabinete de Rajoy

Xuntanza da Mesa do Congreso, órgano clave no desbloqueo da lei do traspaso da AP-9 © Congreso dos Deputados

Nas dúas campañas electorais -eleccións xerais repetidas e ao Parlamento- que Galicia viviu en 2016 Ciudadanos incluíu a AP-9 entre as súas resumidas promesas, mesmo chegando a apostar por unha supresión total das peaxes na autoestrada, cuxa concesión non expira ata agosto de 2048. Apenas un mes despois daqueles comicios galegos o Goberno de España iniciou a súa manobra para tentar que a lei enviada polo Parlamento de Galicia ao Congreso co obxectivo de transferir as competencias sobre a AP-9 á Xunta non chegase nin a tramitarse. O gabinete de Rajoy aínda torpedeou noutra ocasión a proposta avalada pola unanimidade da Cámara galega e unha vez máis cando a impulsou En Marea. Estes tres vetos estiveron amparados nun suposto impacto orzamentario cuxo argumentario vén de desmontar o Tribunal Constitucional, o que provoca que a proposta galega emprenda unha nova andaina na que o papel de Ciudadanos será decisivo.

Como fixa o procedemento das Cortes Xerais, antes de ser tramitada a proposta galega tivo que ser sometida á conformidade do Goberno de España, que apoiou o bloqueo no artigo 134.6 da Constitución, o cal dá ao Executivo a competencia exclusiva sobre aumentos de gastos ou diminución de ingresos. Nos tres casos o veto gobernamental non indicaba que partidas exactas do Orzamento en curso se verían afectadas polo traspaso, senón que bosquexaba hipóteses sobre ese impacto económico. Este xeito de proceder, segundo o TC, non é correcto. O veto non é constitucional se non detalla unha "conexión" cos orzamentos "directa e inmediata", e nunca "meramente hipotética". Neste caso, sinalou a sentenza, cabe que o veto sexa erguido na Mesa do Congreso, órgano no que a lei galega naufragou nas tres ocasións.

PP e C's suman maioría na Mesa do Congreso, onde os de Rivera terán que decidir agora se asumen o criterio do Constitucional ou seguen a secundar o veto gobernamental

É neste punto, o da Mesa, no que o papel de Ciudadanos é clave. Aínda que o PP e os de Albert Rivera non suman maioría no pleno da Cámara Baixa, os seus pactos do inicio de lexislatura deron lugar a que si controlen a maioría absoluta da Mesa, un órgano de nove membros con tres populares e dous de C's. Cando nas anteriores ocasións a lei da AP-9 chegou a este órgano ambos grupos xuntaron os seus votos para aceptar o veto do gabinete de Rajoy, pero agora o panorama muda por mor da contundente sentenza do TC, que fai súas as advertencias que xa lanzara a Asesoría Xurídica do propio Congreso.

Unha primeira dilación e as disxuntivas que veñen

Ciudadanos xa tivo unha primeira oportunidade para mudar o seu criterio sobre estes vetos tras a sentenza do Constitucional. Foi o pasado 24 de abril, cando a representación de PSOE e Unidos Podemos na Mesa avogou por reemprender a tramitación das leis afectadas por vetos coma estes -un total de 58- dada a claridade do tribunal de garantías ao respecto. No entanto, os de Rivera aseguraron ter dúbidas sobre o encaixe legal desta reactivación en bloque de iniciativas xa 'arquivadas' pola Mesa, polo que decidiron solicitar un novo informe dos letrados que, na práctica, acrecenta o bloqueo

En Marea volveu rexistrar no Congreso a súa proposición de lei para o traspaso e o BNG avanza que fará o propio no Parlamento galego para volver remitir a iniciativa ás Cortes

Pero a lei da AP-9 vai chegar tamén por outras vías que obrigarán a C's a definirse con independencia do que diga o devandito informe sobre iniciativas xa tramitadas. O pasado 26 de abril o grupo de En Marea volveu rexistrar a súa proposición de lei a prol do traspaso. "A argumentación que dá o TC é válida" para o caso do traspaso tanto cando o propuxo o Parlamento galego como cando o fixo En Marea, sinala a deputada Alexandra Fernández, toda vez que o Goberno "non xustifica de xeito obxectivo" a que partidas orzamentarias concretas e vixentes podería afectar a transferencia. "De aceptar a Mesa o uso inxustificado da facultade de veto non só estaría a impedir que o Congreso exercese a potestade de iniciativa lexislativa, senón que ademais estaría vulnerando os dereitos fundamentais" dos membros da Cámara "á participación política", advirte Fernández.

Ciudadanos terá, daquela, que tomar postura sobre a reeditada iniciativa de En Marea e podería ter que facelo tamén con outra do Parlamento galego. Non en van, o BNG xa avanzou nos últimos días a súa intención de "volver activar o debate presentando no Parlamento unha nova proposición de lei para o seu consenso, aprobación e remisión ao Congreso". Trataríase de repetir o proceso da primeira iniciativa vetada -tamén partira dunha proposta do Bloque-, pero agora aproveitando a "oportunidade" da sentenza do TC, tribanal ante o que, lembran, a propia formacións soberanista ten presentado un recurso contra o veto gobernamental do traspaso.

Fito quilométrico da AP-9 © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.