Mentres Aznar volve apelar á mobilización xeral contra Pedro Sánchez, en Galicia ecoa o seu nome polas ilegalidades que a UE detecta na prórroga da concesión de AP-9 que aprobou o seu Goberno no 2000, tres anos antes de privatizala
"O que poida facer, que faga. O que poida achegar, que achegue. O que se poida mover, que se mova". En novembro de 2023 o ex-presidente José María Aznar realizou unha das súas habituais alocucións para diagnosticar unha suposta situación límite para a democracia española. Fíxoo para lanzar un chamamento á mobilización xeral contra o Goberno de España, quer en forma de manifestacións, quer doutras maneira.
Nos últimos días Aznar reeditou o seu chamamento a conta dunha eventual reforma do financiamento autonómico para Catalunya. En Galicia, non obstante, o nome do antigo líder orgánico do PP ecoou por outros motivo: as ilegalidades que a Comisión Europea advirte na prórroga da concesión da AP-9 que o seu Goberno decidiu no ano 2000, estendendo a fin do contrato sen concurso público de 2023 a 2048 tres anos antes de privatizala.
Os receos da UE non son novos. Ten aberto un procedemento de infracción contra o Estado español por este motivo dende 2021, cando ao fío dunha denuncia da asociación viguesa En Colectivo concluíu que o estado quebrantou a lei comunitaria ao prórrogar a concesión sen concurso. As explicacións do actual Goberno non convenceron ás autoridades comunitarias, que o pasado abril enviaron unha segunda carta de emprazamento para pedir máis explicacións cun prazo que expiraba o vindeiro 24 de xuño e que agora se prolonga dous meses máis por petición española.
A UE sospeita que a "única explicación verosímil" para a prórroga era a intención de facer máis rendible a venda. O propio gabinete de Aznar deixou por escrito no BOE que Audasa ía acabar atinxida pola súa "política de privatización de empresas públicas"
Alén do percorrido que acabe tendo o procedemento de infracción aberto pola UE e das súas repercusións prácticas no futuro da principal autoestrada galega -mesmo un eventual rescate-, o emprazamento comunitario sitúa no centro da cuestión ao ex-presidente Aznar. Porque, como revelaron Faro de Vigo e a Cadena SER, nas súas comunicacións co Executivo de Pedro Sánchez o comisario europeo de Mercado Interior, Thierry Breton, advertiu de que a prórroga da concesión tivo como "verdadeiro obxectivo" facer máis atractiva a AP-9 para privatizala.
O actual Goberno español de PSOE e Sumar alegara previamente, co obxectivo de evitar as sancións pola decisión de Aznar, que no caso da prórroga da AP-9 cabería aplicar a denominada excepción in house. Trátase dunha vía que permite aos Gobernos non sacar a concurso un contrato coma este cando a operación beneficia a unha empresa 100% pública, como era Audasa no ano 2000.
Pero un ano antes, en 1999, o gabinete de Aznar xa iniciara os trámites para contratar asesorías que o asistisen na privatización. Polo tanto, "a única explicación verosímil" na "prórroga extremadamente prematura 20 anos antes" da fin da concesión é que "tiñan intención de vendela" e querían "obter o máximo beneficio grazas á prórroga". O certo é que, ao aprobar a ampliación, o propio gabinete de Aznar deixou por escrito no BOE que Audasa, como parte da Empresa Nacional de Autopistas (ENA), ía acabar atinxida pola "política de privatización de empresas públicas" que aquel Goberno do PP tiña en marcha.
O BNG avanza a súa intención de reclamar unha comisión de investigación no Parlamento sobre o vencello entre a prórroga da concesión da autoestrada e a súa privatización
Nesta liña, o 25 de xullo de 2003, o Consello de Ministros deu deu o seu visto e prace definitivo á venda do 100% da ENA por 1.586 millóns de euros, a un consorcio participado ao 50% pola construtora Sacyr da man de varias entidades financeiras que encabezaban o Banco de Santander -na altura, Santander Central Hispano- (20%) e mais Caixa Galicia e Caixanova (20% cada unha). Tamén figuraba no accionariado Torreal, o fondo de investimento fundado polo empresario Juan Abelló, que anos despois pasaría, asemade, polo accionariado de Ence.
Con todo este pano de fondo, o BNG avanzou esta semana a súa intención de, paralelamente a seguir o curso do procedemento de infracción en Bruxelas, reclamar a apertura dunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia. Preguntado ao respecto, o PP galego considerou este venres a proposta un "disparate", máis aínda por estar en marcha o devandito proceso na UE, e considerou que a prórroga foi adoptada con todos os controis legais. O PSdeG, pola súa banda, tamén confía no resultado do proceso europeo mentres subliña a política de descontos que ten en marcha sobre as peaxes. Aznar, ao cabo, podía facer e fixo.