Traspaso ou rescate? Guía para non perderse no votado sobre a AP-9

Cabinas de peaxe da AP-9 © Audasa

As respostas do ministro Puente sobre un custo de ata 6.000 millóns polo traspaso e rescate da autoestrada axitaron o sempre candente debate sobre a AP-9 na semana en que o Congreso aprobou por terceira vez tramitar a lei galega para a transferencia

"Transferir as competencias ten un custo de entre 1.260 e 2.600 millóns de euros e rescatar a concesión, 4.000 millóns". "Dende logo, o Ministerio non ten máis de 6.000 millóns para afrontar o rescate. Se alguén pon os cartos e nos di de onde saen, encantados de rescatala e transferila".

Estas declaracións do ministro de Transportes, Óscar Puente, en resposta á prensa durante unha visita a Lugo centrada nas obras da súa estación intermodal, axitaron o sempre candente debate político en torno á autoestrada AP-9. Máis aínda por producírense no remate dunha semana que principiaba cun amplo apoio do Congreso dos Deputados a iniciar por terceira vez o trámite da lei galega para o traspaso da autoestrada á Xunta. 

O ministro de Transportes, Óscar Puente, este 14 de xuño de 2024 visitando as obras da nova estación ferroviaria de Lugo xunto á alcaldesa da cidade, Paula Alvarellos CC-BY-NC-ND Ministerio de Transportes

Pero ese, o do traspaso, non foi o único debate no Congreso centrado nos últimos días na Autoestrada do Atlántico. Foron dous. E neles confluíron, combináronse ou mesturáronse aspectos como a transferencia xunto aos descontos nas peaxes e o rescate da concesión, esta última unha posibilidade que cobra forza non só polas reivindicacións de forzas coma o BNG -e agora tamén do PP, que a rexeitou mentres gobernou en España-, senón tamén polo procedemento de infracción que a UE ten aberto contra España por mor da prórroga concedida polo Goberno de Aznar no ano 2000 para estendela ata 2048.

A eventual aprobación da lei galega non implica o rescate, pero si que o Estado asuma os custos no caso de que, por exemplo, a prórroga de Aznar fique anulada como consecuencia do procedemento de infracción que ten aberto a UE

O primeiro dos debates, o do traspaso, é o que menos controversia suscitou. PP, PSOE e BNG concordaron no Congreso con reiniciar o proceso nun debate no que, non obstante, emerxeron os matices. Por exemplo, pola banda do PSdeG o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu de que o máis "importante" da cuestión non é tanto a "titularidade do asfalto" como que a cidadanía acabe por non ter que pagar ao circular por el.

A eventual aprobación da lei galega non implica o rescate pero, na hipótese de que saíse adiante sen modificacións, si cargaría ás arcas do Estado o custo dunha fin da concesión como consecuencia, por exemplo, de decisións da UE. "A administración xeral do Estado asumirá as obrigas económicas e financeiras en caso de que se declarase a nulidade das prórrogas mediante as cales se acordou a ampliación do período concesional", di o texto.

Pouco despois, nese mesmo pleno, o BNG defendeu unha moción derivada dunha anterior interpelación formulada ao respecto por Néstor Rego ao ministro Óscar Puente. A iniciativa defendía, en síntese, "a anulación da prórroga" aprobada polo gabinete Aznar no 2000, tres anos antes de privatizar a AP-9, "a asunción da xestión directa, a supresión das peaxes e o impulso da transferencia" a Galicia.

Alén de tramitar a lei, o Congreso tamén aprobou unha moción do BNG a prol do rescate da autoestrada á que se sumou o PP e ante a que o PSOE se abstivo subliñando que "o que realmente interesa aos galegos é que se sigan a rebaixar as peaxes"

Nesta segunda iniciativa, que non é vinculante para o Goberno de España e que tamén foi aprobada (181 a prol, 32 en contra e 132 abstencións), si emerxeron as diferenzas. Alén do obvio apoio do deputado do Bloque, ao "si" engadiuse o PP, mentres que o PSOE optou pola abstención. Os socialistas interpretaron esa votación como "descolgarse do acordo" da lei da transferencia, di a deputada Patricia Otero, quen salienta que "o que realmente interesa aos galegos é galegas é que se sigan a rebaixar as peaxes" e "por iso os socialistas non pararemos de traballar ata que consigamos a gratuidade".

O BNG, pola súa banda, apunta que alén da súa posición política a prol dunha "AP-9 galega e libre de peaxes", a fin da concesión mediante o rescate é "unha oportunidade que se abre" co expediente aberto pola Comisión Europea, en verbas de Ana Pontón. Neste sentido, a líder do Bloque coida que o ministro Puente "perde toda a credibilidade" ao falar de 4.000 millóns de custo dun eventual rescate e de 6.000 en total.

Ana Pontón e Néstor Rego, en conferencia de prensa sobre a AP-9 este 14 de xuño de 2024 CC-BY-NC-SA BNG

O Goberno de Rajoy tamén manexou a cifra de 4.000 millóns para rescatar a AP-9. Aplicando os criterios da lei de contratos e diversos estudos, fontes expertas situaban o montante entre 2.500 e 2.900 millóns

Incide Pontón en que esa cifra, a de 4.000 millóns, tamén foi ofrecida polo Goberno de España cando o presidía Mariano Rajoy, en 2016. E  "demostrouse que se estaba facendo sobre a recadación" das peaxes e "e non sobre os beneficios", que "é como se ten que facer, segundo a lei de contratos". 

Aplicando os criterios da lei, de estudos recentes e de fontes expertas, Praza.gal puidera estimar daquela que o rescate da AP-9 custaría entre 2.530 e 2.923 millóns de euros. Trátase de cantidades pouco superiores aos 2.300 millóns reservados polo Estado para subvencionar as peaxes da autoestrada ata 2048.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.