Autovía ata Melide este ano e intermodal o vindeiro: os anuncios de Transportes en Lugo alén AP-9

Óscar Puente, ministro de Transportes, coa alcaldesa de Lugo, o presidente a Deputación, o conselleiro de Presidencia e outros cargos, visitando as obras da futura intermodal lucense, este 14 de xuño de 2024 CC-BY-NC-ND Ministerio de Transportes

O ministro de Transportes estivo este venres en Lugo. O motivo oficial da visita de Óscar Puente era supervisar a evolución das obras da futura estación intermodal, a última operación urbanística para xuntar bus e tren nas cidades galegas, desbloqueada de vez hai un ano

Como adoito, o ministro aproveitou tamén para repasar outros investimentos do seu departamento na cidade e a súa contorna. No entanto, boa parte da repercusión política e mediática da visita desprazouse uns 70 quilómetros cara ao oeste: cara á autoestrada AP-9 e os debates parlamentarios da última semana sobre a súa transferencia á Xunta e eventual rescate. Pero o certo é que no acto houbo ratificacións e anuncios para Lugo, a súa contorna e as súas infraestruturas, algunhas delas lindeiras co terreo da débeda histórica.

Sobre a intermodal, que se ergue nos terreos da actual estación ferroviaria, Puente deu en ratificar as estimacións que xa ofrecera o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) tras asinar coa Xunta e o Concello lucense en 2023 o convenio para a súa construción. "Temos un ano de obras por diante para ver finalizado o novo edificio da estación de tren", isto é, estará rematada en 2025

O ministro Puente ratifica 2025 para o remate da nova estación ferroviaria lucense e a Xunta di que prevé asinar "este verán" os contratos da terminal de autobuses. Transportes encádrao nun "cambio substancial" das conexións ferroviarias cando remate a modernización xa en marcha da liña a Ourense

A Xunta, pola súa banda, indica que ten previsto poder "asinar este verán os contratos" para a construción da terminal de autobuses, que substituirá á que funciona dende os anos 70 do século pasado a poucos metros da Muralla romana, en pleno centro da cidade. O conselleiro Diego Calvo, agora encargado da área de Mobilidade da Xunta, evitou concretar datas para o remate das obras. 

Defende Puente que, alén da propia nova estación e o seu impacto urbanístico -servirá tamén para comunicar o parque do Sagrado Corazón co centro da cidade, destaca-, a nova infraestrutura acollerá o "cambio substancial" para as comunicacións ferroviarias que suporán os traballos xa en marcha para modernizar -electrificación incluída- a conexión con Monforte e Ourense e acceder, dende a capital ourensá, aos servizos de alta velocidade. Agrega ademais o ministro que o vindeiro outono iniciarán os trámites para contratar o estudo de viabilidade da conexión ferroviaria con Santiago, na liña do respondido recentemente ao BNG.

Obras do treito Palas-Melide da autovía A-54 Lugo-Santiago, nunha imaxe divulgada polo ministro Puente durante a súa visita á capital lucense © Ministerio de Transportes

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, agradeceu a visita de Puente e o avance dunha intermodal que, subliña, sufriu "sete anos de ostracismo" dende que "o Goberno do PP a gardou nun caixón" xunto con "todos os demais proxectos de mellora das comunicacións da nosa cidade". "Lugo atópase de novo hoxe no mapa estatal en materia de infraestruturas" e "proxectos como a electrificación dos tramos A Coruña-Lugo e Lugo-Ourense ou esta estación intermodal son investimentos reais e palpables", di a rexedora.

O treito Palas-Melide da A-54 abrirá "a finais de ano". Faltarán daquela os 16 quilómetros de Arzúa a Melide, coas obras "ao 50%", segundo o Ministerio

Alén do tren, Puente afinou en Lugo os prazos que manexa o seu departamento para os treitos pendentes da autovía Lugo-Santiago, a A-54, que acumula diversas demoras -algunhas mesmo condenadas pola Xustiza- para unha conexión cuxa orixe política se remonta a hai tres décadas. Con 60 quilómetros xa en servizo (de Lugo a Palas de Rei e de Arzúa a Santiago), o ministro mantén que o treito de Palas a Melide, de algo menos de 12 quilómetros, está construído "ao 80%" e "abrirá ao tráfico a finais de ano".

Ficarían así por poñer en servizo 16 quilómetros e medio entre Arzúa e Melide, o tramo máis adiado. No seu caso, as obras están ao 50%, segundo o Ministerio, que non ofrece aínda datas para o seu remate, máis alá de estimar que, "como moi tarde", a finalización chegaría contra fins de 2025.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.