O Goberno de España vai encargar un estudo de viabilidade da conexión ferroviaria entre as dúas cidades, segundo vén de responder oficialmente ao BNG, co que pactou a medida para a investidura de Sánchez
É unha vella reivindicación do BNG desde hai anos que incluíu no seu pacto co PSOE para investir presidente a Pedro Sánchez o pasado novembro. En 2021 tamén o PP, desde a oposición, o reclamou no Congreso dos Deputados. E agora é nesa Cámara onde o Goberno de España vén de responder oficialmente ao BNG que vai encargar un estudo de viabilidade para unha posible conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago, inexistente actualmente. Porén, o paso que se vai dar non é máis que o de encargar un estudo. Despois dependerá da vontade política que, no caso de que sexa viable, a obra acabe levándose a cabo.
As liñas A Coruña-Santiago e A Coruña-Lugo discorren a menos de 30 quilómetros entre si á altura de Ordes e Curtis, respectivamente. A primeira liña é a do Eixo Atlántico de alta velocidade, mentres que a segunda está a quedar obsoleta pola súa falta de mantemento e fai que non sexa unha alternativa competitiva para as viaxes entre A Coruña e Lugo. Porén, mellorándoa e uníndoa co Eixo Atlántico permitiría as hoxe inexistentes conexións entre Lugo e a capital galega.
En 2021 o PP, que non fixera nada no Goberno entre 2011 e 2018, pasou tamén a reclamar un estudo de viabilidade da conexión entre as dúas liñas
O BNG xa incluíra a proposta de unir as dúas liñas no seu programa electoral para as xerais de 2019 cunha conexión duns 30 quilómetros entre Curtis e Ordes. Pola súa banda o PP, tras non dar pasos durante o tempo en que o ministerio de Fomento estivo nas súas mans na pasada década, entre 2011 e 2018, pasou en 2021 a presentar unha proposición non de lei no Congreso para que o Goberno de España encargase en seis meses os traballos necesarios para avaliar a viabilidade técnica desa conexión que cuantificaba igualmente nuns 30 quilómetros. Facíao argumentando que "desde a sociedade civil lucense" reactivárase esa demanda, así como a dunha moito máis complexa conexión ferroviaria coa Mariña.
Na negociación para a investidura de Pedro Sánchez o pasado novembro o BNG incluíu a medida facendo que o PSOE se comprometese a licitar neste 2024 o estudo da posible conexión entre Curtis e Ordes. E o pasado 15 de abril o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, preguntou pola cuestión entre outros interrogantes que formulou ao Goberno de España arredor dos insuficientes servizos ferroviarios que existen en Lugo.
A pregunta do deputado do BNG, Néstor Rego, foi a quinta de seis cuestións sobre o tren en Lugo, pero o Goberno de España respondeuna en primeiro lugar
A pregunta de Rego deixaba esa posible conexión entre Lugo e Santiago para o seu quinto punto, tras cuestionar antes a perda de servizos ferroviarios en Lugo. Porén, a contestación do Goberno sitúa esa cuestión como a primeira á que dá resposta sinalando que "actualmente estase traballando na preparación da licitación do estudo de viabilidade da mellora da conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela".
Non hai máis concrecións na resposta do Executivo, que se comprometera a dar ese paso este ano. Despois haberá que facer o estudo, o que adoita tardar non menos dun ano, e avaliar os seus resultados. Pero aínda no caso de que o estudo técnico considere viable a conexión, despois debería haber unha decisión política expresa de facela, o que levaría ao correspondente estudo de impacto ambiental, seguido da redacción do proxecto e da contratación e execución das obras. Un longo camiño aínda por diante para o que ata agora era só unha proposta política pero que xa está a piques de concretarse nun primeiro paso administrativo.