A conexión entre Curtis e Ordes que viñan propoñendo os nacionalistas requiriría duns 30 quilómetros de nova liña, mentres que a da costa suporía máis de 70 quilómetros por unha zona cuxa complexidade quedou demostrada coa autovía A-8
Os deputados e deputadas do PP no Congreso veñen de presentar unha proposición non de lei na que reclaman ao Goberno de España que en seis meses encargue os traballos necesarios para avaliar a viabilidade técnica e económica dunha liña férrea duns 30 quilómetros entre Curtis e Ordes que permita conectar por tren Lugo e Santiago e doutra de 75 quilómetros entre algún punto entre Baamonde e Begonte e Barreiros, na Mariña. O BNG leva tempo reclamando unha conexión similar entre as liñas actuais Lugo-A Coruña e A Coruña-Santiago que permita trens directos entre Lugo e Compostela, mentres que nas eleccións galegas de 2016 Ciudadanos propuxo unha nova liña entre o interior de Lugo e a Mariña.
Tras non dar pasos ao respecto durante o tempo no que o Ministerio de Fomento estivo en mans populares na pasada década, entre 2011 e 2016 coa galega Ana Pastor á fronte, agora o PP reclama ao actual executivo central estudos para esas dúas novas liñas argumentando que “son amplamente demandadas pola sociedade lucense e suporían un importante paso na dirección de deixar atrás as obsoletas liñas férreas actuais”. Faino argumentando que “desde a sociedade civil lucense e en datas recentes a través dos medios de comunicación [en referencia a un artigo publicado polo enxeñeiro Xosé Carlos Fernández] recobraron actualidade algunhas propostas na dirección de promover novos treitos de liñas de ferrocarril que permitan, utilizando as existentes, conectar a capital lucense con, por unha parte a capital de Galicia, e por outra coa Mariña lucense, concretamente coa localidade de Barreiros”.
Os populares reclaman agora ao Goberno de España que en seis meses encargue os traballos necesarios para avaliar a viabilidade técnica e económica das dúas novas liñas
No pasado máis recente esas propostas que agora di o PP que recobran actualidade xa foron lanzadas por outras formacións políticas entre a indiferenza dos populares. O BNG xa formalizou no mesmo Congreso dos Deputados que o fai agora o PP a proposta que incluíu no seu programa electoral para as eleccións xerais de 2019 de conectar as liñas Lugo-A Coruña e A Coruña-Santiago entre os puntos nos que máis se aproximan entre elas á altura das localidades de Curtis e Ordes. Cunha separación duns 30 quilómetros, unha nova liña transversal permitiría trens directos entre Lugo e Santiago.
No caso da conexión coa Mariña, nas eleccións galegas de 2016 Ciudadanos incluíu como unha das súas principais propostas “completar o enlace ferroviario entre a Mariña Lucense e o nó de Monforte de Lemos”. Agora os populares piden “abordar a conexión ferroviaria da capital lucense coa Mariña” para o que “sería necesario propoñer unha conexión entre a actual liña Lugo-A Coruña nalgún punto entre Baamonde e Begonte, coa localidade de Barreiros, o que suporía a construción duns 75 quilómetros de novas vías aptas para velocidades de 160 quilómetros por hora para mercadorías e pasaxeiros”.
En 2016 Ciudadanos propuxo “completar o enlace ferroviario entre a Mariña Lucense e o nó de Monforte de Lemos" e agora o PP di que conectaría os portos atlánticos cantábricos
O PP engade sobre a proposta do tren entre o interior de Lugo e a Mariña que “unha das súas claras vantaxes sería a de potenciar o necesario corredor Cantábrico, conectando os portos da fachada atlántica galega co norte de Portugal e cos da cornixa cantábrica”. Porén, o texto non di como se resolvería a diferencia de características existente entre as vías de ancho métrico da antiga Feve que recorre a costa norte entre Ferrol e Asturias e o ancho ibérico do resto da rede galega.
Por outra banda, a complexidade de trazar unha nova infraestrutura entre o interior da provincia de Lugo e a Mariña quedou patente cos problemas para decidir o trazado da A-8, que tamén discorre entre Baamonde e Barreiros e cuxa construción atopou diversas dificultades técnicas.
Nun pasado máis remoto chegou mesmo a propoñerse a posibilidade dun tren entre Ribadeo e o Bierzo que cruzase por Meira, Becerreá e Pedrafita aproveitando as liñas hoxe desmanteladas que no seu momento chegaban por un lado desde a costa ata A Pontenova e, polo outro, ata Vilafranca.