“Completar o enlace ferroviario entre a Mariña Lucense e o nó de Monforte de Lemos”. Iso era o que reclamaba hai ano e medio Ciudadanos nun documento distribuído nas últimas horas da campaña das eleccións autonómicas do 25 de setembro de 2016. Era unha das 30 medidas que a formación de Albert Rivera esixiría á lista máis votada se quería contar co seu apoio para formar goberno, ofrecemento que quedaría en nada tras os cero escanos que obtivo combinados coa maioría absoluta reeditada polo PP de Alberto Núñez Feijóo. A proposta de Ciudadanos causaba sorpresa por reclamar unha conexión ferroviaria entre o centro de Lugo e a súa costa que non está sobre a mesa de ningún outro partido ou administración desde hai décadas. Pero non era novidosa.
O proxecto, licitado en marzo de 1918 para facilitar os movementos de minerais, quedou deserto polo seu custo e dificultade. Nas últimas eleccións autonómicas Ciudadanos propuxo “completar o enlace ferroviario entre a Mariña Lucense e o nó de Monforte”.
Esta semana cúmprense cen anos desde que en marzo de 1918 se licitou a construción dunha liña ferroviaria entre Vilafranca do Bierzo e Vilaoudriz, na Pontenova, que na práctica suporía dar saída ao mar a boa parte do interior de Lugo. Porén, o proxecto quedou deserto polo seu custo e dificultade.
Nunha época na que aínda non existía a liña do que hoxe é o Feve Ferrol-Ribadeo-Xixón, que se executaría nos anos 50 e 60, Galicia só tiña dúas conexións externas de ferrocarril: Por Tui cara a Portugal e por Monforte cara a Ponferrada. Porén, xa existía unha pequena liña duns 35 quilómetros entre o porto de Ribadeo e as minas de ferro de Vilaoudriz, na Pontenova, que funcionou entre 1903 e 1964. E liñas similares impulsadas por explotacións mineiras funcionaban ou estaban en proxecto tamén no Bierzo. Así que a idea era conectar Vilaoudriz con Vilafranca, a onde tamén chegaba o tren, a través do val de Meira ata Becerreá e desde alí cruzar o porto de Pedrafita. Pero aquela era moita montaña para a época.
Mapa das liñas ferroviarias actuais e, en verde, a hoxe convertida en vía verde entre a ría de Ribadeo e a Pontenova, que se pretendía prolongar ata Vilafranca do Bierzo [Imaxe: Adif]
Cen anos despois a mellora das comunicacións ferroviarias da provincia de Lugo seguen a ser promesas de futuro
O proxecto, o máis avanzado dos barallados naquela altura que finalmente non se chegaron a facer, licitouse hai agora cen anos, a finais de marzo de 1918, pero quedou deserto. Iso non evitou que tanto antes como despois xurdisen diversas propostas e variantes que na práctica supuñan conectar esa futura liña coa Monforte-Lugo-A Coruña e dar así saída cara ao litoral non só ao interior leste da provincia senón tamén á propia capital.
Cen anos despois, unha proposta similar está só sobre a mesa de Ciudadanos, mentres que as prioridades hoxe declaradas da inmensa maioría dos partidos e administracións son outras. En materia ferroviaria, unha vez que toda a provincia de Lugo sabe que non vai ter AVE, a presión política maioritaria diríxese cara á lenta mellora da liña convencional Ourense-Monforte-Lugo-A Coruña para reducir todo o posible a duración das viaxes dos viaxeiros ao tempo que se reclama a modernización da liña Monforte-Ponferrada como eixo principal para as mercadorías. A falta de ferrocarril, e co ministerio de Fomento apostando para a zona polo transporte por estrada, a comunicación da Mariña co interior está hipotecada pola néboa recorrente da A-8, cuxa solución segue sen data. Cen anos despois do fracaso da liña entre Ribadeo e o Bierzo, a comunicación ferroviaria da que dispón o litoral lucense é a obsoleta liña de Feve que, malia as promesas, segue a languidecer.