O Estado debe indemnizar a Dragados con 7,7 millóns por unha decena de suspensións, reaxustes e modificados decididos por PSOE e PP no Ministerio de Fomento para o treito Lavacolla-Arzúa, iniciado en 2009 e rematado en 2019
O 16 de xullo de 2009 o Ministerio de Fomento formalizou o contrato coa construtora Dragados para executar o treito de 18 quilómetros entre Lavacolla e Arzúa da Autovía Santiago-Lugo (A-54). Ía custar 88 millóns de euros cun prazo de execución de tres anos e dous meses, pero non foi posto en servizo ata case dez anos máis tarde, o 24 de maio de 2019, dous días antes das eleccións municipais daquel ano.
Agora unha sentenza da Audiencia Nacional que condena o Estado a indemnizar a construtora con 7,7 millóns de euros relata a sucesión de suspensións, reaxustes e modificados do proxecto decididos polos sucesivos equipos socialistas e populares que houbo á fronte do Ministerio de Fomento durante a execución da obra.
Ese treito que ía custar 88 millóns de euros suma xa 123 millóns, 35 máis do previsto, case un 40% de sobrecusto. E aínda faltan por rematar outros dous, entre Palas de Rei e Melide, previsto para este ano, e entre Melide e Arzúa, para 2024, cando fará 28 anos do inicio do primeiro treito da A-54, entre Santiago e Lavacolla, en 1996.
O contrato para o treito entre Lavacolla e Arzúa da A-54 foi adxudicado en xuño de 2009 por 88,3 millóns de euros e un prazo de execución de 38 meses, e formalizado en xullo. Pero segundo relata a Audiencia Nacional os traballos tardaron case catro meses en comezar porque aínda non se executaran as expropiacións. Desbloqueado ese trámite, a primeira pedra da obra colocouna o 5 de decembro de 2009 o daquela ministro de Fomento socialista, José Blanco.
Nesa data o prazo de remate fixouse oficialmente no 4 de febreiro de 2013, os 38 meses en que se adxudicara o contrato. Pero oito meses máis tarde, en xullo de 2010, chegaba o primeiro “reaxuste de anualidades” derivado dunha decisión da Secretaría de Estado de Planificación en Infraestruturas para “adecuar o orzamento do contrato á dispoñibilidade orzamentaria”. A crise económica estaba a afectar a todo tipo de actuacións impulsadas por diversas administracións, e tamén lle ía tocar á A-54, que viu como a súa data de remate pasaba do 4 de febreiro de 2013 ao 2 de maio de 2015.
As obras xa tardaron catro meses en comezar porque non estaban feitas as expropiacións, e despois houbo máis demoras para "adecuar o orzamento do contrato á dispoñibilidade orzamentaria"
Pero despois chegarían máis reaxustes, suspensións e modificados dos que apenas se deu información pública e contra os que xa no seu momento a empresa construtora alegou advertindo dos custos que lle suporían. En maio de 2012, xa coa popular Ana Pastor á fronte de Fomento, houbo un novo reaxuste novamente por falta de cartos que adiou o remate outro ano, a maio de 2016. En xullo de 2012 suspendéronse traballos á espera dun modificado do proxecto que non foi aprobado ata maio de 2013 e que volveu adiar o prazo de remate, agora a maio de 2017, outros dous anos. Pero polo medio, en outubro de 2012 e febreiro de 2013, habería outros dous reaxustes de anualidades, seguido doutro máis en agosto de 2013.
Non quedaría aí a cousa xa que en outubro de 2015 se propón un novo modificado, que non sería autorizado ata un ano máis tarde, en outubro de 2016, o que volveu implicar novas suspensións parciais de traballos. E dous novos reaxustes orzamentarios, un deles xa cun terceiro ministro á fronte de Fomento, o tamén popular Íñigo de la Serna. Finalmente, o treito sería posto en servizo o 24 de maio de 2019, co cuarto responsable distinto no ministerio, agora novamente un socialista, José Luis Ábalos.
Se a obra fora adxudicada por 88,3 millóns, os proxectos modificados incrementaron o custo ata 115,7 millóns. Pero a esa cifra hai que engadir outros 7,7 millóns que agora a Audiencia Nacional condena a pagar á construtora polos custos indirectos e gastos xerais que lle supuxeron as demoras acumuladas responsabilidade da administración.
Os dous treitos aínda pendentes da A-54, Palas-Melide e Melide-Arzúa, tamén afectados por diversas demoras, está previsto que entren en servizo a finais deste ano e do próximo respectivamente, 28 anos despois do inicio do primeiro treito entre Santiago e Lavacolla
Dragados reclamou 8,7 millóns amparada nunha peritaxe de parte cuxos cálculos foron avalados no fundamental como “correctos e razoables” por un perito xudicial independente que estudou o caso. O xulgado só denegou unha parte da indemnización que reclamaba a empresa porque non acreditou adecuadamente que determinado persoal estivese adscrito realmente a esa obra. Pero admite que si ten dereito a 7,7 millóns porque, como di o perito xudicial, “os atrasos nas obras son tecnicamente imputables á Administración”.
Actualmente a A-54 ten dous treitos en obras, entre Palas de Rei e Melide, cuxo remate está previsto para finais deste 2023, e entre Melide e Arzúa, para finais de 2024. Son dous treitos que viron demorar o seu inicio e cambiar os seus trazados por condicionantes ambientais impostos polo seu paso polo espazo protexido da serra do Careón. Pero unha vez aprobado o trazado definitivo, a licitación das obras aínda seguiría a rexistrar problemas. Os dous treitos saíron a concurso a finais de 2015, pero uns meses despois Fomento decidía anular eses procedementos e convocar novas licitacións nas que os criterios económicos pesasen un 70% do total fronte ao 30% dos criterios técnicos. Iso non impediu que, cos traballos en marcha desde hai cinco e seis anos, tamén nestes treitos houbese modificados de proxectos que volveron encarecer e demorar a obra.