Vai xa unha trintena de campañas electorais de todos os niveis, das municipais ás europeas pasando polas galegas ou as xerais, nas que a autovía A-54 entre Lugo e Santiago é materia de promesas, reproches e inauguracións. A deste 26M non é unha excepción; no comezo da carreira electoral o presidente da Xunta abriu fogo laiándose de que o trazado completo desta autovía non vaia estar rematado para o Xacobeo 2021, culpando o Goberno do PSOE de que a execución dos treitos centrais (Palas-Melide e Melide-Arzúa) se prolongue alén dese ano, tal e como prevían os contratos asinados polo Goberno de Rajoy. Agora é o Executivo socialista en funcións o que move peza co anuncio da apertura dun novo treito en vésperas da cita coas urnas.
Fomento confirma que os novos 18,5 quilómetros da autovía Lugo-Santiago entran en servizo este 24 de maio de 2019, polo que estarán abertos 66 dos 94 quilómetros do trazado máis de vinte anos despois da inauguración do primeiro tramo, de Compostela ao aeroporto
Hai semanas que o treito da A-54 de Lavacolla a Arzúa está practicamente rematado e nos últimos días os operarios ultimaron detalles de pintura e sinalización, entre outros últimos axustes. Na liña do avanzado por varios medios de comunicación, o Ministerio de Fomento confirmaba este luns que a posta en servizo destes 18,5 quilómetros se producirá o 24 de maio, dous días antes das eleccións. Esa apertura non está limitada polas restricións da lexislación electoral, que si impiden solemnizala cun acto inaugural do ministro Ábalos ou de calquera outro cargo. Tampouco pesaba restrición ningunha sobre o anterior movemento do Goberno central a respecto desta infraestrutura, a autorización do enlace orbital de Santiago, no primeiro día de campaña das xerais.
O treito vai quedar aberto permitirá viaxar ata as proximidades de Arzúa dende a contorna do aeroporto da Lavacolla, unido por autovía coa cidade de Santiago en xaneiro de 1999 no que acabaría sendo o primeiro treito da A-54. Deste xeito, dende a inauguración do tramo (sen rematar) Santiago-Lavacolla por parte de José María Aznar ata esta posta en servizo do novo Lavacolla-Arzúa transcorreron xa máis de vinte anos.
Polo outro extremo, dende Lugo, están xa en servizo algo máis de 40 quilómetros, dende a cidade da Muralla ata preto de San Pedro de Meixide, en Palas de Rei. Eses treitos (Nadela-Guntín, Esperante-Vilamoure e Guntín-Palas) dende a capital lucense foron obxecto de ata tres inauguracións durante o ano electoral de 2015 por parte do Goberno de Rajoy.
O gabinete de Rajoy estaba aínda no poder tamén cando foron formalizados os contratos para a execución das partes centrais da A-54, que unirán Arzúa con Palas. O último dos contratos, o do treito Arzúa-Melide, foi formalizado en decembro de 2017 -en 2015 sufrira atrasos por cambios nos criterios de adxudicación- e solemnizado coa colocación dunha primeira pedra pouco despois polo daquela ministro, Íñigo de la Serna, xunto ao presidente da Xunta.
Fomento detalla que con esta apertura xa será posible percorrer por autovía 66 dos 94 quilómetros que separarán ambas cidades cando a A-54 estea rematada, reducindo uns 15 minutos o tempo actual de viaxe e liberando ademais notablemente de tráfico a N-547 ao seu paso por concellos como O Pino, con abondoso tránsito veciñal e de peregrinos a Santiago. Os cruzamentos co Camiño Francés propiciaron, ademais, a construción de pasos peonís sobre a vía ou por baixo dela.
Feijóo carga contra o Goberno do PSOE porque a A-54 non vai estar rematada para o Xacobeo 2021, aínda que os contratos formalizados no tempo de Rajoy xa fixaron o remate para a contorna de 2022
Co pano de fondo da inminente posta en servizo o propio presidente da Xunta cargaba este mesmo luns contra a xestión de Fomento desta infraestrutura. Nunha entrevista publicada polos xornais do grupo El Progreso, Feijóo afirma que "pediu explicitamente ao Goberno que a autovía Lugo-Santiago estivese rematada para 2021", cadrando co Xacobeo, e a "contestación" foi que "o orzamento de investimentos en Galicia baixa un 30%". En realidade, ese descenso -do 19%- era o previsto no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado que non chegou a ser aprobado e os tramos pendentes da A-54 xa foran adxudicados antes, en tempos de Rajoy, cos devanditos prazos de remate na contorna de 2022