En 1996 o daquela ministro de Fomento popular Rafael Arias Salgado puxo a primeira pedra do primeiro treito da Autovía Santiago-Lugo (A-54). Este martes, 22 anos e cinco ministros despois, o actual titular da carteira, Íñigo de la Serna, puxo outra primeira pedra, a do último treito da autovía, duns 16 quilómetros entre Arzúa e Melide, que non estará rematado ata 2022, 26 anos despois do inicio da infraestrutura.
O ministro aproveita o acto propagandístico para anunciar 2,8 millóns de euros para a reparación parcial de máis de 200 quilómetros de estradas
A autovía Santiago-Lugo vén sendo empregada como promesa de futuro nunca concretada polos sucesivos gobernos centrais. O seu primeiro treito, que serve de enlace entre Santiago e o aeroporto de Lavacolla, púxose en servizo en 1999, pero houbo que agardar ata marzo de 2015 para que os vehículos circulasen polos seguintes treitos. Foi ese ano, coa presenza de Mariano Rajoy na inauguración do treito Guntín-Palas de Rei, cando se anunciou que o último treito pendente, o Arzúa-Melide cuxa primeira pedra se puxo este martes, iniciaría as súas obras en 2016. Pero non foi así e houbo que agardar outros dous anos, período no que Fomento anulou o concurso que xa tiña convocado e convocou outro novo no que primou o aforro sobre o calidade técnica, de xeito que o importe de licitación de 157 millóns de euros acabou rebaixado a 88 millóns na adxudicación.
Feijóo salientou a importancia do investimento traducíndoo á moeda existente cando se comezou a planificar a autovía o século pasado e asegurou que "en cada kilómetro imos gastar máis de 1.200 millóns de pesetas"
Na colocación este martes da primeira pedra, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou a importancia do investimento traducíndoo á moeda existente cando se comezou a planificar a autovía o século pasado e asegurou que "en cada kilómetro imos gastar máis de 1.200 millóns de pesetas". Pola súa banda, o ministro aproveitou para facer balance de diversas infraestruturas pendentes en toda Galicia, convertendo así un acto sobre unha autovía na súa comprometida visita trimestral para dar conta da evolución das obras do AVE.
No seu discurso, De la Serna anunciou tamén que Fomento destinará 2,8 millóns de euros a reparacións, “cando as condicións climatolóxicas o permitan”, en máis de 200 quilómetros de estradas que presentan un moi deteriorado estado de conservación. Segundo o listado difundido polo ministerio, actuarase en 127 quilómetros da autovía A-6, 46 quilómetros da N-540 Lugo-Ourense, 28 quilómetros da N-547 Lugo-Santiago e 5 quilómetros da N-642 que percorre a Mariña de Lugo. Porén, no listado non se inclúe a N-VI malia a petición unánime ao respecto de todos os grupos políticos representados na Deputación de Lugo.