A autovía Santiago-Lugo, arma electoral trinta campañas despois

O ex-ministro De la Serna e Feijóo, na ata agora última colocación dunha primeira pedra da A-54, no treito Arzúa-Melide en marzo de 2018 Dominio Público Xunta de Galicia

No ano electoral de 2015 o trazado da autovía Santiago-Lugo acolleu ata tres inauguracións doutros tantos treitos organizadas polo Goberno de Mariano Rajoy en vésperas das eleccións municipais (Nadela-Guntín) e mais das eleccións xerais (Esperante-Vilamoure e Guntín-Palas de Rei). Cando se celebraron aqueles actos xa pasaran máis de vinte anos dende que a A-54 aparecera, a xeito de primeiros estudos, entre os plans de quen en 1992 era ministro de Obras Públicas, Josep Borrell.

Vinte e sete anos despois Galicia viviu xa pasou por unha trintena de campañas electorais para as xerais, galegas, europeas ou municipais, como a que agora se está desenvolver. En practicamente todas elas a autovía Santiago-Lugo foi arma electoral en ambas cidades, nas vilas polas que pasa ou pasará e mesmo máis alá. Esta campaña non foi unha excepción; a A-54 volveu aparecer pero desta volta non da man do partido que goberna na institución que a constrúe, agora o PSOE, senón en forma de dúbidas que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, di ter sobre a súa data de remate.

Feijóo láiase de que o treito central da A-54, de Melide a Palas, non vaia estar rematado para o Xacobeo 2021 aínda que os contratos adxudicados polo Goberno de Rajoy xa situaban o remate entre finais de 2022 e comezos de 2023

O pasado martes Feijóo fixo campaña en Melide, vila que acolleu numerosas mobilizacións na pasada década reclamando a autovía e tamén centro dos treitos máis complexos da A-54, Palas-Melide e Melide-Arzúa, que mesmo tiveron que mudar os seus trazados orixinais polo impacto que tiñan no espazo protexido da serra do Careón. Ademais, unha vez subsanados eses condicionantes ambientais, a finais de 2015 o Ministerio de Fomento convocou os concursos para contratar as obras, pero anulounos e reiniciounos para mudar algunhas das súas condicións.

Feijóo, coa alcaldesa e candidata do PP en Melide, no acto no que expresou as súas dúbidas sobre a A-54 CC-BY-SA PPdeG

Alí, nun encontro con militantes no que pediu o voto para a actual alcaldesa, Dalia García -quen substituíu no posto á actual conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, cando Feijóo a designou conselleira cinco meses despois das municipais de 2015-, Feijóo especulou coa posibilidade de posibles atrasos nos treitos finais da autovía porque as obras "non avanzan". "Todo parece indicar" que Lugo e Santiago non estarán unidas completamente por autovía no Xacobeo 2021, lamentou, para a continuación lanzar a previsión de que o remate non se producirá ata o seguinte Ano Santo, o de 2027, a causa desas obras "semiparadas".

Tras a inminente apertura do treito Lavacolla-Arzúa Oeste estarán abertos ao tráfico uns 60 quilómetros da A-54 vinte e tres anos despois da colocación da primeira pedra da autovía

Efectivamente, as obras desta autovía non van esta rematadas en 2021. Non en van o contrato do treito Arzúa-Melide, formalizado en decembro de 2017 e solemnizado polo propio Feijóo meses despois coa colocación simbólica da primeira pedra co daquela ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, fixa un prazo de execución das obras de ata 60 meses, cinco anos. Daquela, no suposto de que o contrato sexa cumprido estritamente e non experimente atraso ningún os traballos non estarían rematados ata finais de 2022 ou comezos de 2023. Cuestión diferente será se xorden novas demoras ou paralizacións como as aludidas por Feijóo, cuxo control si corresponde ao Goberno de Pedro Sánchez.

Cuestión diferente é o avance das obras do treito da A-54 que irá dende Lavacolla, na contorna do aeroporto de Santiago, ata as proximidades de Arzúa (Arzúa Oeste). O groso destas obras está rematado e nas últimas semanas operarios das construtoras realizan labores de pintado e sinalización e outros remates, polo que a súa apertura é inminente. Deste xeito, 23 anos despois da colocación da primeira pedra do primeiro treito -de Santiago a Lavacolla, en 1996- estarán abertos ao tráfico uns 60 quilómetros dos cen que terá a autovía cando estea rematada de vez, nunca antes de finais de 2022.

Situación de cada treito da A-54 Santiago-Lugo, co Melide-Arzúa á fin adxudicado (2018) e o Lavacolla-Arzúa en obras, a piques de rematar neste 2019 Dominio Público Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.