Tras agardar o ministerio ás últimas horas de 2024 para facer públicas as porcentaxes de suba, a súa aplicación concreta a cada treito, redondeada de cinco en cinco céntimos, deixa estas taxas, ás que se aplican novos descontos
Ata a tarde do 31 de decembro, a menos de oitos horas para a súa entrada en vigor, agardou o Ministerio de Transportes para comunicar a porcentaxe de suba das peaxes nas autoestradas de titularidades estatal. Así que non foi ata o propio día 1 de xaneiro que as propias concesionarias fixeron públicas as novas taxas concretas para cada treito e tipo de vehículo tras redondear de cinco en cinco céntimos a porcentaxe aprobada polo ministerio. Feito ese proceso, así é como quedan as peaxes en Galicia neste 2025, no que tamén entran en vigor novas rebaixas na AP-9 á espera de que o fagan tamén na AP-53.
Na AP-9 a suba autorizada polo ministerio foi do 5,34%, máis que a inflación do último ano para compensar de xeito progresivo en varios exercicios que hai dous anos non subisen tanto como a inflación. Ademais, nesta autoestrada aplícase un 1% máis para ir compensando ao longo de varios anos a obra de ampliación da ponte de Rande. Feitos estes axustes e sen ter en conta as novas rebaixas para usuarios recorrentes e vehículos pesados -algúns deles pasan a pagar menos que os vehículos lixeiros- a viaxe en coche entre A Coruña e Vigo queda en 20,45 euros, 1,05 euros máis que o ano pasado.
Na AP-53, onde se prevén rebaixas para usuarios frecuentes ao longo deste ano grazas ao pacto acadado entre PSOE e BNG, a suba autorizada polo ministerio foi do 3,89%. Tras o redondeo as novas peaxes deixan a viaxe de Santiago a Lalín en 7 euros, 30 céntimos máis que ata agora.
Á espera de que se concreten as rebaixas anunciadas por PSOE e BNG, o comunicado por estes partidos apunta que na AP-53 haberá descontos de ata o 75% para os usuarios recorrentes.
No que afecta ás autoestradas autonómicas, a AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor, a Xunta autorizou subir as peaxes un 1,7%. Unha inflación que non foi actualizada nos anos 2023 e 2024 grazas a achegas das arcas públicas por parte da Xunta. Así, a viaxe entre A Coruña e Carballo queda nos mesmos 2,60 euros mentres que entre Vigo e Baiona sobe 5 céntimos, ata 1,75 euros. Xunto coas bonificacións para usuarios recorrentes, viaxes nocturnas ou familias numerosas, o Goberno galego sinala que en 2025 destinará 4,9 millóns de euros para subvencionar peaxes nestas dúas autoestradas.