Os 330 millóns que o Goberno galego di aforrar por pagar antes do previsto as autovías son apenas o 1,8% dos máis de 18.000 millóns que todos os departamentos da Xunta teñen comprometidos para os próximos anos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns que a Xunta vai pagar xa 297 millóns de euros ás concesionarias de catro autovías con peaxe en sombra deseñadas por Feijóo para recuperar a súa xestión antes do previsto (rematarían entre 2035 e 2040) e aforrar así nos próximos anos uns 330 millóns de euros. A contía é apenas o 1,8% dos máis de 18.000 millóns de euros en compromisos futuros de gasto que suman todos os departamentos da Xunta, cartos que as arcas públicas deberán pagar nos próximos anos goberne quen goberne.
Desa contía 1.220 millóns son a débeda que aínda queda por pagar de colaboracións público-privadas planificadas por Feijóo, entre as que se atopaban as catro autovías. Descontando estas, segundo a propia Xunta aínda quedan pendentes de pagar 450 millóns de euros ata 2038 pola aínda inacabada Autovía da Costa da Morte e 770 millóns polo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no que o Consello de Contas vén de revelar un sobrecusto de 470 millóns polo modelo concesional elixido por Feijóo.
Os gastos futuros xa comprometidos pola Xunta veñen sendo analizados polo Consello de Contas, ao que o Goberno galego non facilita datos sistematizados pero que no seu último informe ao respecto sinala que a finais de 2022 ascendían a 18.361 millóns de euros. Deles, 11.606 millóns eran débedas financeiras, aos que hai que engadir outros 733 millóns de gastos financeiros.
Parte desa débeda financeira vén acumulada desde hai varias décadas e gobernos, pero o groso dela disparouse desde 2009, durante os executivos de Feijóo. E hai un tipo de compromisos de gastos futuros que é só atribuíble aos seus gobernos. Son os contratos de colaboración público-privada e concesións de obras públicas, polos que a administración encarga a unha empresa unha actuación determinada de xeito inmediato e despois vailla pagando, xunto co seu mantemento, ao longo de varios anos.
Aos 770 millóns pendentes de pagar polo hospital de Vigo, no que Contas viu un sobrecusto de 470 millóns, hai que engadir 450 millóns pola aínda inacabada Autovía da Costa da Morte
Con esa modalidade deseñou Feijóo as catro autovías de peaxe en sombra agora rescatadas. El mesmo chegou a adxudicar en 2005 como conselleiro de Fraga as de Santiago-Brión e Salnés, deixou licitada con esa fórmula a do Barbanza que acabaría adxudicando en 2006 o goberno de PSdeG-BNG, e adxudicou en 2009 xa como presidente a de Celanova. Por esas catro autovías a Xunta prevía nos Orzamentos deste ano que aínda lle quedaban por pagar máis de 600 millóns de euros ata 2040, polo que ao rescatar agora as concesións pagando 297 millóns ás empresas calcula un aforro futuro duns 330 millóns.
Pero tamén con esa modalidade planificou Feijóo a aínda inacabada Autovía da Costa da Morte, cun longo periplo administrativo no que tamén interveu o Goberno de Emilio Pérez Touriño e que Rueda non inclúe no rescate agora decido. Por esa autovía a Xunta calculou nos Orzamentos deste ano que aínda lle quedaban por pagar 452 millóns de euros ata 2038.
Feijóo tamén empregou as colaboracións público-privadas no eido sanitario. Fíxoo para mercar en 2015 equipamento de alta tecnoloxía e contratar o seu mantemento durante 8 anos cun custo de 88 millóns de euros a pagar durante ese tempo. Eses pagamentos xa remataron, pero en 2023 o Consello de Contas fixo público un informe crítico coa insuficiente planificación daquel contrato e o seu limitado impacto na redución das listas de espera sanitarias.
Tamén na sanidade segue vixente o maior contrato de colaboración público-privada lanzado por Feijóo, o de construción e mantemento durante 20 anos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Cun custo de execución material duns 300 millóns, a Xunta comprometeu 1.600 millóns a pagar entre a súa apertura en 2015 e o remate da concesión en 2035. Unha contía, segundo revelou este verán o Consello de Contas, que acabará sendo 470 millóns de euros superior que se a Xunta executase directamente a obra e o seu mantemento sen recorrer a unha concesión. Por esa concesión aínda quedan por pagar ata 2035 preto de 770 millóns de euros, segundo a propia Xunta, que vén obviando as peticións de rescate da oposición.
Feijóo defendeu a colaboración público-privada como un xeito de acelerar investimentos, pero Contas vén advertindo de que "traslada a carga dos investimentos presentes a xeracións futuras"
Feijóo defendeu o modelo da colaboración público-privada como un xeito de acelerar investimentos, pero o Consello de Contas vén criticando que esas decisións se tomaron sen unha correcta análise e planificación. E que non foron boas.
Se hai un ano o ente fiscalizador dicía que a decisión de facer as autovías con concesións "non foi eficiente xa que se poderían acadar resultados equivalentes a un menor custo", este verán concluíu que facer o hospital de Vigo directamente pola Xunta "é máis eficiente que o contrato de concesión realizado, xa que se poderían acadar resultados similares a un menor custo". En xeral, Contas vén advertindo desde hai anos que a fórmula de pago aprazado "xera incerteza canto á sustentabilidade das finanzas e traslada a carga dos investimentos presentes a xeracións futuras".
Pero hai uns anos tamén Feijóo comezou a renegar do modelo elixido por el mesmo lamentando a débeda que acumulaban as autovías con peaxe en sombra. Mesmo co hospital de Vigo fixo responsable do modelo público-privado que el aprobou ao ex-presidente Zapatero. E hai dous anos, en plena campaña interna para facerse coa presidencia do PP estatal, chegou a reclamar a dimisión de responsables políticos que deixasen débedas. "Cando un político di que inaugura un hospital, hai que preguntarlle: Ese hospital déixao vostede a deber ou está pago? Porque se o deixa a deber, faga o favor de marchar", proclamou.