Rueda rescata catro autovías con peaxe en sombra planificadas por Feijóo nas que Contas detectou sobrecusto

Rueda e a conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue, tras o Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

A Xunta tiña pendente de pagar 625 millóns en canons anuais ata o remate das concesións entre 2035 e 2040, pero pagará xa 297 e asumirá directamente a xestión e mantemento das infraestruturas

Hai xusto un ano o Consello de Contas fixo público un informe no que revelou que a Xunta está a pagar de máis por tres das cinco autovías con peaxe en sombra que planificou ou adxudicou Alberto Núñez Feijóo como conselleiro de Manuel Fraga ou como presidente do Goberno galego. Xa daquela o actual presidente, Alfonso Rueda, avanzara que "o ideal sería un rescate" das autovías e este luns confirmou esa decisión para a AG-11 Autovía do Barbanza, AG-41 Autovía do Salnés, AG-31 Autovía de Celanova e AG-56 Autovía Santiago-Brión. 

Polas catro autovías a Xunta aínda tiña que pagar uns 625 millóns de euros ata o remate das súas concesións, que estaba previsto entre 2035 e 2040. Porén, vai pagar xa 297 millóns ás catro concesionarias para rescatalas e así aforrar ás arcas públicas nos vindeiros anos unos 330 millóns, segundo calculou a conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que se negou a cuantificar a indemnización das empresas polo seu lucro cesante e limitouse a asegurar que o rescate será "por mutuo acordo".

Características das autovías con peaxe en sombra analizadas polo Consello de Contas © Consello de Contas

As catro autovías que agora vai rescatar a Xunta foron planificadas con peaxe en sombra cando Feijóo era conselleiro de Fraga. El mesmo chegou a adxudicar en 2005 as de Santiago-Brión (a Dragados, Extraco e Francisco Gómez e Cía) e Salnés (a Copasa, Puentes e Caixanova), deixou licitada con esa fórmula a do Barbanza que acabaría adxudicando en 2006 o goberno de PSdeG-BNG (a Sacyr e Caixagalicia), e adxudicou en 2009 xa como presidente a de Celanova (a Copasa e Extraco). 

Este ano a Xunta prevía pagar 45 millóns polas catro autovías, cuxas concesións rematarían entre 2035 e 2040

Foron unhas infraestruturas cuxa construción material asumida inicialmente polas concesionarias custou uns 330 millóns de euros pero polas que a Xunta ten que pagarlles anualmente un canon no que tamén sen inclúe o mantemento e que neste 2024 ascende a uns 45 millóns de euros. Un modelo de contratación que "non foi eficiente xa que se poderían acadar resultados equivalentes a un menor custo", dixo o Consello de Contas.

Unha vez en servizo as autovías, foron os gobernos de Feijóo os que xestionaron diversos incidentes que se foron producindo coas concesionarias e aceptou renegociar á alza con varias das empresas as súas condicións económicas. Uns acordos que Contas considerou negativos para as arcas públicas porque a Xunta está a pagar máis do que debera polas infraestruturas.

Gasto plurianual nas autovías de peaxe en sombra previsto nos Orzamentos da Xunta deste 2024 CC-BY-SA Xunta de Galicia

O ente fiscalizador puxo o foco na decisión da Xunta, a mediados da pasada década, con Feijóo como presidente e Agustín Hernández como conselleiro de Infraestruturas, de renegociar tres das cinco concesións (Salnés, Barbanza e Celanova) "debido a que o tráfico era inferior ao previsto", o que supuxo que "se incrementaron en 205 millóns de euros os pagamentos que se realizan aos concesionarios". Contas chegou a considerar máis beneficioso que a Xunta deixase quebrar naquel momento as empresas que a súa decisión de renegociar á alza as concesións. 

Así que Contas recomendou á Xunta que revisase os acordos de reequilibrio coas concesionarias e limitase os pagamentos "as cantidades indispensables para asegurar a viabilidade financeira dos contratos", xa que segundo os seus cálculos "existen posibilidades de reducir as tarifas abonadas pola administración e xerar aforros nos orzamentos públicos por valor de, cando menos, 44 millóns de euros".

Para o Consello de Contas, o modelo concesional elixido por Feijóo "non foi eficiente xa que se poderían acadar resultados equivalentes a un menor custo"

Tras coñecerse hai un ano as conclusións do Consello de Contas o propio Rueda valorou que "o ideal sería poder chegar a un rescate desas concesións", pero condicionouno á "capacidade económica" da Xunta. E agora o seu Goberno dá ese paso asegurando que o rescate vai aforrar á Xunta 330 millóns ata o remate das concesións, uns 30 millóns ao ano. Unha vez rescatadas, terá que ser a Xunta a que asuma o custo de mantemento das infraestruturas que ata agora corría por conta das concesionarias.

Conclusións do Consello de Contas sobre as autovías de peaxe en sombra que din que a xestión da Xunta "non foi eficiente" xa que podía conseguir o mesmo a menor custo CC-BY-SA Praza Pública

Por outra banda, o rescate non chegará á quinta autovía con peaxe en sombra, a da Costa da Morte, a máis cara das cinco que ten a Xunta. Aínda sen rematar, o Goberno galego ten comprometidos nela uns 30 millóns ao ano ata 2038.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.