O Consello de Contas censurou que en 2014 o Goberno galego optase por pagar máis ás concesionarias en lugar de recuperar a xestión pública das vías, e agora o presidente presenta a segunda opción como "ideal" pero condiciónaa á "capacidade económica" da Xunta
"O ideal sería poder chegar a un rescate desas concesións, pero iso entra na responsabilidade e capacidade económica dun goberno". Así respondeu este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ás criticas formuladas polo Consello de Contas nun informe no que analiza diversas eivas das autovías de peaxe en sombra planificadas e xestionadas polo seu antecesor, Alberto Núñez Feijóo. O informe do ente fiscalizador censura a decisión da Xunta en 2014 de pagar máis ás concesionarias para garantirlles o negocio en lugar de rescatar as autovías, e agora Rueda, falando en presente e futuro, di que "o ideal" sería rescatalas, decisión que condiciona á dispoñibilidade orzamentaria da administración galega.
O informe de Contas feito público o pasado xoves censurou as propias decisións tomadas nos primeiros anos deste século, na maior parte dos casos con Feijóo como conselleiro de Fraga, de realizar as autovías con peaxe en sombra sen os suficientes estudos que o avalasen. E despois critica a decisión de autorizar o reequilibrio concesional solicitado polas concesionarias a mediados da pasada década cando se comprobou que o tráfico que tiñan era menos que o calculado pola Xunta.
Segundo Contas, naquel momento sería máis barato deixar crebar as empresas para despois asumir a xestión pública das infraestruturas que a decisión que finalmente se tomou de pagarlles máis do previsto inicialmente.
Esa decisión supuxo segundo Contas que "se incrementaron en 205 millóns de euros os pagamentos que se realizan aos concesionarios", ante o que o ente fiscalizador recomenda á Xunta volver negociar coas empresas, agora que a súa situación xa é mellor, para "xerar aforros nos orzamentos públicos por valor de, cando menos, 44 millóns de euros".
Preguntado polas recomendacións de Contas, o presidente Rueda dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves que "haberá que facer as correccións que sexan posibles". "Intentaremos na parque que sexa posible aplicalas", dixo, para engadir que "o ideal sería poder chegar a un rescate desas concesións, pero iso entra na responsabilidade e capacidade económica dun goberno, volvo dicir que hai que aplicar o orzamento con moito sentidiño".
Malia as críticas de Contas tamén á xestión das novas liñas de bus, Rueda di que a Xunta está a ter "unha actuación na súa gran parte axeitada" e limita as eivas a "prácticas dalgunhas empresas" que non citou
Xunto co informe sobre as autovías, Contas tamén fixo pública outra análise sobre a reorganización das concesións de autobuses interurbanos acometida en 2020. O ente fiscalizador criticou tamén a falta de planificación adecuada das novas liñas así como diversas carencias no control que a Xunta está a facer de como as empresas están a cumprir coas súas obrigas. Porén, fronte á asunción das recomendacións de Contas no que respecta ás autovías, Rueda minimizou o alcance do informe sobre os autobuses. Así, pronunciouse en liña coas declaracións da súa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que o pasado luns asegurou que "Galicia é referente en transporte público".
Segundo o presidente, o informe de Contas "fala das prácticas dalgunhas empresas", que non citou, máis que das actuacións da administración. "Non vou entrar niso, son prácticas empresariais, pero en xeral sobre a actuación da Xunta, nun deseño tan complexo, haberá que facer algunha corrección pero creo que foi unha actuación na súa gran parte axeitada", asegurou. Porén, Contas, como é o seu deber, dirixe as súas recomendacións á Xunta, non ás empresas, entre as que en todo caso constata a situación de "dominio" do grupo Monbus, un feito que está a facer que a xustiza veña condenando á Xunta por permitilo tanto nas liñas de transporte xeral como nas de transporte escolar.