Antes de emitir o seu informe crítico sobre a reestruturación do transporte público os auditores consultárono co Goberno galego, que defendeu o que fixera como "un logro", pero Contas di que o seu cometido non é eloxiar senón propoñer melloras
O pasado xoves o Consello de Contas fixo público un informe crítico sobre a reorganización das liñas de bus interurbano acometida pola Xunta en 2019 e 2020. Como fai en todos os casos, antes de divulgar o seu estudo Contas someteuno a alegacións por parte da Xunta, proceso no que o Goberno galego lamentou que o ente fiscalizador das administracións galegas non eloxiase o que considera "un logro" e "un fito". A resposta que obtivo de Contas foi que nos seus informes non pode incluír valoracións "xustificativas ou laudatorias" das actuacións das administracións e que o seu traballo é facer "propostas para a mellora na xestión" das políticas publicas.
O informe feito público o xoves -xunto con outro sobre a xestión das autovías con peaxe en sombra, polas que a Xunta está a pagar máis do que debera- recolle todo tipo de eivas. Desde a falta dunha planificación estratéxica dos medios de transporte de cada núcleo de poboación ata a ausencia de control sobre se as concesionarias estaban a pagar o canon ao que se obrigaran ou a consolidación do dominio do sector por parte de grandes grupos como Monbus en detrimento de empresas máis pequenas polas que dicía apostar a Xunta.
O director de Mobilidade da Xunta, Ignacio Maestro, considerou "reprobable" que Contas só emitise valoracións "en negativo", pero o ente fiscalizador desmontou as súas alegacións
Sempre que Contas fai unha auditoría dalgunha política pública somete o seu informe provisional ás consideracións das administracións implicadas. Despois, á vista das alegacións que estas fagan, corrixe ou non as súas apreciacións no informe definitivo. Deste xeito, o informe final ten xa incorporadas as alegacións das administracións que Contas considera que debe atender, pero non as alegacións que considera infundadas, que se detallan noutro documento paralelo cos argumentos que levaron ao órgano fiscalizador a desbotalas.
No caso do informe sobre a reestruturación das liñas de bus a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que encabeza Ethel Vázquez formulou alegacións a través da Dirección Xeral de Mobilidade á cuxa fronte está Ignacio Maestro. Ese documento de alegacións foi asinado por Maestro o pasado 16 de maio e nel cualifica de "reprobable que a práctica totalidade das conclusións [de Contas] recollan valoracións en negativo ou, no mellor dos casos, neutras" e que "en ningún suposto se teñan en conta aqueles elementos que representan un logro en todo este proceso".
Segundo Maestro, "todo o proceso representa un fito que non puido ser acadado por ningunha outra administración autonómica", o que segundo el "é, sen dúbida, un elemento que debeu ser obxecto de mención ou, cando menos, de consideración á hora de expoñer as conclusións do informe".
O documento de alegacións do director de Mobilidade remata "agardando que as mesmas sexan tomadas en consideración e, por tanto, reformulando en grande medida" o informe, e mesmo pide que Contas llo volvese enviar "revisado".
A resposta que obtivo Mobilidade de Contas é que si tivo en consideración todo o exposto pola Xunta e que mesmo se mencionan eses feitos no seu informe, pero que o seu traballo non é eloxiar ás administracións senón recomendarlles melloras. Contas lembra que os órganos de control económico das administracións "deben evitar incluír comentarios ou valoracións subxectivas, xustificativas ou laudatorias". Pero engade que "con independencia disto, e en contra do alegado, débese resaltar que cando se apreciaron melloras, estas sinaláronse nas conclusións" do seu informe sobre os autobuses.
Así, Contas cita como positivas a propia "actualización de todo o sistema de transporte público", a ampliación de zonas atendidas, a integración e optimización dos servizos regulares cos escolares ou a modernización en xeral do sistema. Cuestións "todas elas, a modo de referencia, contidas no informe", lembra Contas.
Contas censura que Mobilidade incluíse nas súas alegacións "opinión infundadas" e "interpretacións incorrectas" do seu traballo
Porén, o ente fiscalizador lembra que aínda que diga todo iso no seu informe, as conclusións do mesmo formúlanse para mellorar as políticas públicas. "As conclusións non están formuladas como un resumo executivo, senón que extractan as principais incidencias que permiten fundamentar propostas para a mellora na xestión da prestación", di Contas, que desestima esas alegacións e censura que Mobilidade lance nas súas alegacións "opinións infundadas" e "interpretacións incorrectas".
Tras as críticas de Contas á súa xestión, este luns, no Parlamento de Galicia, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, presentou a Galicia como "referente en transporte público".