O ente fiscalizador di que o contrato de colaboración público-privada co que a Xunta dispón de 75 aparellos durante oito anos por 88 millóns en lugar de mercalos directamente non tivo unha “transferencia do risco” real ao socio privado
En 2013 o Sergas lanzou un longo proceso de consultas previas dun “contrato de colaboración entre o sector público e o sector privado” para unha "solución global que cubra as necesidades de diagnóstico por imaxe, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia”. Fronte aos diversos sistemas previos de contratación dese tipo de alta tecnoloxía por parte de cada hospital ou área sanitaria con distintas compañías, pasaríase a un novo sistema centralizado no que “os equipos e sistemas postos a disposición da Administración son propiedade do contratista, ostentando o Sergas un dereito de uso sobre eles”. A Xunta pagaría uns 88 millóns de euros en oito anos a contar desde a adxudicación, concretada en 2015, e o contratista tería que garantir o uso dos equipos no que se denomina “pago por dispoñibilidade”. O presidente Feijóo cualificou a operación como "o maior plan renove de tecnoloxía sanitaria".
Antes de que aquel contrato remate e a Xunta teña que formalizar un novo o Consello de Contas vén de facer pública a súa fiscalización do mesmo [aquí o PDF], na que admite efectos positivos pero tamén unha insuficiente planificación por parte do Sergas, sen unha transferencia “real” do risco de dispoñibilidade dos equipos ao socio privado, como se pretendía.
A análise de Contas, que vén de facerse pública en pleno Nadal, comeza indicando que a Xunta recorreu hai unha década a ese tipo de contrato para obter 75 novos equipos, “máis do 30% da base instalada”, ante a contracción das contas públicas pola crise daqueles anos, o que lle impedía asumir o pagamento de novos equipos médicos dun golpe pero si “nun marco temporal máis amplo”. Para iso estimouse a demanda futura de servizos “utilizando como base unicamente o exercicio 2012”, o que para Contas “é insuficiente xa que os datos dun único exercicio poden verse afectados por factores tanto externos como internos”.
Canto á actividade sanitaria posteriormente realizada cos novos equipamentos, Contas constata que esta aumentou, pero lamenta que a información facilitada polo Sergas é “insuficiente para avaliar as necesidades reais de demanda” e o seu efecto nas listas de espera “non se viu impactado da mesma forma”.
Feijóo cualificou o contrato como "o maior plan renove de tecnoloxía sanitaria", pero Contas bota en falta que o Sergas non deseñase mellor o contrato
O ente fiscalizador tamén censura que para o deseño do contrato non tivo en conta “a evolución dos mercados financeiros, utilizando tipos de xuros excesivos” e censurando que o peso que tivo ese factor na avaliación das ofertas recibidas foi demasiado elevado. E aínda que Contas admite que o tipo de contrato elixido foi o que garante “un menor impacto no cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e de débeda pública” e foi “a máis adecuada neste ámbito no que o gradiente tecnolóxico é elevado”, para a súa elección non se analizaron outras posibles modalidades contractuais.
O tipo de contrato, por diálogo competitivo, supón consultar primeiro ás empresas do sector polas mellores posibilidades do mercado, para despois formular unha licitación ben axustada a esas características. Ese proceso de consulta, di Contas, “permitiu axustar as previsións financeiras do contrato acadando un aforro do 11%”. Porén, o contrato non só inclúe a posta a disposición dos novos equipos senón tamén a actualización tecnolóxica dos xa existentes, pero a facturación emitida no mesmo non permitiu a Contas “determinar, de forma clara” canto se correspondeu coa dispoñibilidade dos equipos e canto coa actualización tecnolóxica.
E no que respecta ao “risco de dispoñibilidade”, un dos motivos da colaboración público-privada que facía que a administración puidese penalizar ao adxudicatario cando os equipos non estivesen dispoñibles, “transferindo” así ese risco, o informe indica que eses descontos “non alcanzan nin o 1% da facturación do período, polo que se conclúe que non existe unha transferencia do risco ao socio privado”. Isto é, ese non foi finalmente un elemento determinante do contrato.
Ante esta análise, o Consello de Contas emite catro recomendacións á Xunta para este tipo de contratos: debe mellorar as fontes de información para estimar os seus contratos e elixir períodos de referencia máis amplos, debe axustar as condicións financeiras dos contratos “á realidade dos mercados”, debe “mellorar o deseño deste tipo de contratos asegurando que a transferencia de riscos ao socio privado sexa real e efectiva”, e “hanse de planificar, a medio e a longo prazo, as necesidades tanto de novos equipos como a reposición da base instalada para poder garantir a actualización tecnolóxica permanente e manter e mellorar os estándares de obsolescencia, así como para poder planificar os recursos financeiros suficientes para atendelas”.