O Consello de Contas vén criticando que o uso de fórmulas de pago aprazado, empregadas de xeito recorrente polos gobernos de Feijóo, "xera incerteza canto á sustentabilidade das finanzas e traslada a carga dos investimentos presentes a xeracións futuras"
18.200 millóns de euros, case o dobre dos 9.800 millóns que había cando Feijóo chegou á presidencia en 2009. Ese é segundo o Consello de Contas, ente independente fiscalizador das administracións galegas, o monto total da débeda e compromisos de gastos futuros que ten a Xunta de Galicia. Como comparación, todo o seu orzamento para este ano, co que paga milleiros de soldos, executa todo tipo de obras e mantén a sanidade ou a educación públicas, ascende a 12.600 millóns.
Para chegar a este punto os sucesivos informes anuais emitidos polo Consello de Contas -o último este verán, con datos ata o 31 de decembro de 2021- van deixando constancia de como os gobernos de Feijóo non só aumentaron o endebedamento financeiro da Xunta senón tamén os encargos de grandes actuacións a través de colaboracións público-privadas que hai que seguir pagando durante anos. Uns compromisos que se foron desviando da administración xeral a entes paralelos cuxa fiscalización vén sendo máis dificultosa para Contas, que censura a hipoteca de "xeracións futuras".
Mentres, tanto na Xunta como agora como aspirante do PP ao Goberno de España, Feijóo centra boa parte dos seus discursos económicos en criticar as débedas herdadas e en defender que non se debe gastar máis do que se ingresa. E en descualificar eses compromisos a longo prazo como "pufos" que personaliza en Pedro Sánchez.
Segundo reflicten os sucesivos informes do Consello de Contas, cando Feijóo chegou á presidencia da Xunta en 2009 os compromisos de gastos futuros da Xunta ascendían a uns 9.800 millóns de euros. Nos anos seguintes, en plena crise, o goberno galego non renunciou a seguir impulsando novas grandes actuacións así que ante o recorte dos orzamentos anuais e as dificultades para obter financiamento ordinario optou por recorrer ás colaboracións público-privadas para impulsar infraestruturas como o novo hospital de Vigo ou novas autovías como a da Costa da Morte, aínda inacabada.
No caso do hospital vigués, cuxa construción custou algo máis de 300 millóns de euros pero polo que haberá que pagar á concesionaria máis de mil millóns entre a súa posta en servizo en 2015 e 2035, Feijóo chegou a culpar posteriormente o ex-presidente Zapatero de ter que recorrer a esa fórmula de pagamento aprazado.
E no caso das autovías, no pasado xa se impulsaran infraestruturas con peaxes na sombra -en varios casos planificadas cando Feijóo era conselleiro de Fraga e das que despois tamén renegou-, pero os compromisos de pagos futuros disparáronse durante a súa presidencia.
Uns 6.000 millóns fóra do rádar durante media década
Durante varios anos uns 6.000 millóns de euros de compromisos futuros quedaron fóra do radar da fiscalización do Consello de Contas pola aposta de Feijóo por crear axencias públicas
Estas débedas futuras veñen sendo fiscalizadas polo Consello de Contas non sen dificultades, segundo consigna o propio ente nos seus informes anuais. Así, no seu informe de 2012 os compromisos futuros caeron artificialmente porque ese ano a Xunta creou a Axencia Galega de Infraestruturas, á que traspasou a xestión e o pagamento das autovías con peaxes en sombra que antes asumía a administración xeral. Así que eses compromisos futuros deixaron de figurar na conta xeral da administración que o Goberno galego remitía ao Consello de Contas.
En 2015, ante a falta de información explícita na conta xeral da Xunta, Contas pasou a tomar directamente os datos de compromisos futuros dos orzamentos de cada organismo paralelo. E dun ano para outro a cifra pasou de 12.000 a preto de 18.000 euros. Daquela, cando menos durante a primeira media década dos gobernos de Feijóo case 6.000 millóns de euros comprometidos para o futuro estiveron fóra do radar da fiscalización.
Pero esa non foi a única dificultade que vén atopando Contas para fiscalizar os compromisos futuros da Xunta. Boa parte desa débeda foi desviándose da administración xeral a novos entes paralelos. De feito, Contas caracteriza esa singularidade dos gobernos de Feijóo sinalando que "a diferenza do acontecido na Administración do Estado e noutras comunidades, a Xunta de Galicia optou por empregar o modelo de axencias para xestionar descentralizadamente importantes áreas de gasto".
Pero a Xunta carece aínda, malia ser unha obriga por lei desde hai máis dunha década, dun rexistro oficial da administración paralela, a mesma que prometeu reducir e cuxa reestruturación cualificou de aforro "histórico", o mesmo que Contas viu "residual".
"A diferenza do acontecido na Administración do Estado e noutras comunidades, a Xunta de Galicia optou por empregar o modelo de axencias para xestionar descentralizadamente importantes áreas de gasto", di Contas
Contas vén reclamando desde hai anos ese rexistro de entes paralelos, e ante a súa inexistencia recorre a un listado estatal. Facer iso supúxolle en 2019 críticas directas do propio Feijóo: "De administración paralela en Galicia sabemos máis na Xunta", dixo o daquela presidente.
As críticas da Xunta a Contas e os obstáculos para o seu traballo non impiden que siga teimando nas súas dúbidas sobre as hipotecas asumidas polo Goberno galego. Así, no informe deste ano o ente fiscalizador segue lamentando que a Xunta non avance previsións sobre novos compromisos de gasto futuro que pretenda acometer en cada exercicio. E, como en anos anteriores, salienta que "a adquisición de novos compromisos futuros a través de fórmulas de colaboración público-privada" require "unha determinación moi precisa entre as necesidades que prioritariamente se deben atender con recursos públicos e cales son os proxectos ou infraestruturas para os que está xustificado diferir o gasto a orzamentos futuros".
Usar ese tipo de fórmulas de pago aprazado, conclúe o Consello de Contas un ano máis, "xera incerteza en canto á sustentabilidade das finanzas e traslada a carga dos investimentos presentes a xeracións futuras".