A Xunta vén recibindo condenas similares por tardar en asumir as súas obrigas con provedores malia os discursos dos presidentes Feijóo e Rueda asegurando que Galicia paga en tempo e forma
Por tardar en pagar 2.335 facturas o Sergas terá que abonar agora só en xuros de demora máis de medio millón de euros. Así o vén de sentenciar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha nova sentenza que se suma a outras coñecidas nos últimos meses que igualmente censuraron as demoras do Goberno galego en asumir as súas obrigas con provedores. Porén, fronte aos pronunciamentos xudiciais tanto o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo como o actual titular da Xunta, Alfonso Rueda, veñen gabando que Galicia paga "ao día" e con "axilidade".
A sentenza agora feita pública polo TSXG refírese a unha reclamación formulada por unha empresa financeira á que contratistas do Sergas cederan os seus dereitos sobre 2.335 facturas co pagamento demorado. A empresa presentou en febreiro de 2022 unha reclamación administrativa ao Sergas para que lle pagase algo máis de medio millón de euros en xuros de demora ademais de 40 euros por "custos de cobro" por cada unha das facturas, o que suporía outros 93.400 euros, pero o Goberno galego non contestou.
A empresa recorreu á xustiza e un xulgado de Santiago deulle parcialmente a razón en marzo deste ano, condenando á Xunta a pagar o medio millón de euros de xuros de demora -a cifra exacta concretarase no proceso de execución da sentenza- pero só unha única contía de 40 euros polos custos de xestión de todas as facturas.
Ante esa sentenza tanto a empresa como a Xunta recorreron ao TSXG, pero este tribunal, nunha sentenza con data do 21 de xullo, desestimou os dous recursos e ratificou a sentenza anterior. O TSXG considera que ningunha das dúas partes podía recorrer a sentenza porque as facturas, malia ser 2.335, son "de importe moi reducido e lonxano aos 30.000 euros", límite mínimo para poder recorrer en segunda instancia xudicial este tipo de reclamacións económicas.
Hai un ano a Xunta xa fora condenada a pagar xuros por outras 2.100 facturas demoradas, e en 2020 por atrasos en pagamentos á concesionaria dos helicópteros de emerxencias
A sentenza agora emitida súmase a outras que veñen condenando á Xunta a abonar xuros por demoras no pagamento de facturas. No mesmo eido do Sergas o pasado xaneiro Praza.gal revelou outra condena cun pronunciamento lixeiramente distinto ao actual. Naquel caso outra empresa de subministros médicos reclamaba pola demora de 2.100 facturas e o resultado foi unha condena a pagar non só os máis de 30.000 euros en xuros senón tamén 40 euros de "custos de cobro" por cada factura, o que supuxo 84.000 euros.
Noutras áreas do Goberno galego as demoras no pagamento de facturas xa supuxeron, por exemplo, que a Xunta fose condenada en 2020 a pagar 33.000 euros en xuros á súa concesionaria dos helicópteros de emerxencias.
En 2021 unha reclamación de xuros por parte dunha construtora da Cidade da Cultura rematou coa Xunta pagando 293.000 euros de máis tras non atender un escrito xudicial por consideralo 'spam'
En 2021 un destes casos de reclamacións xudiciais de xuros supuxo que a Xunta tivese que pagar aínda máis do que ela mesma estimaba ao non contestar a tempo unha citación xudicial porque foi considerada spam. Unha empresa construtora da Cidade da Cultura estimou nun millón de euros os xuros que lle tiña que pagar a Xunta e así o trasladou ao xulgado. Pero cando o xulgado trasladou esa reclamación á Xunta para que alegase o que considerase oportuno o escrito foi considerado spam e o Goberno galego non o contestou. Segundo as estimacións da propia Xunta, aquilo supuxo que as arcas públicas tivesen que pagar 293.000 euros en xuros que segundo o seu criterio non lle correspondía asumir. Foi, admitiu o Goberno galego, un "grave dano ao erario".