A Cidade da Cultura cifra agora en 293.659 euros o que perderá por considerar a Xunta “spam” un aviso xudicial

Museo de Galicia na Cidade da Cultura, construído por FCC © Cidade da Cultura

O Goberno galego aceptou co seu silencio a petición dun millón de euros en xuros que lle fixo a construtora do Museo a través dun xulgado e agora a auditoría do Gaiás calcula a diferencia entre ese total e o que xa aboara previamente o Goberno galego

293.659 euros é “o impacto económico” que terá para a Cidade da Cultura que a Xunta considerase “spam” a nivel interno un aviso xudicial do que acusou recibo pero ao que non contestou, feito revelado o pasado outubro por Praza.gal. A cifra é concretada na última auditoría da fundación pública que xestiona o Gaiás, correspondente ao exercicio 2020 e feita pública esta semana

En total, a Xunta terá que pagar á construtora FCC uns 2,5 millóns de euros por sobrecustos na execución do Museo de Galicia e 1.005.377,20 euros de xuros de demora desde 2013, cifra esta última que en parte xa fora consignada ou aboada e da que os 293.659 euros son a parte coa que o Goberno galego estaría en desacordo, pero non o alegou a tempo ante o xulgado porque considerou “spam” unha comunicación súa. Desde que Praza.gal revelou o ocorrido o pasado 24 de outubro varios departamentos do Goberno galego veñen eludindo responder do que a propia Xunta considera un “grave dano ao erario”.

Contas da Cidade da Cultura auditadas antes de coñecerse a resolución da Audiencia da Coruña pero feitas públicas agora e que cuantifican en 293.659 euros o impacto da resolución desfavorable finalmente resultante CC-BY-SA Praza Pública

O longo proceso xudicial que deriva na consideración de “spam” dun aviso xudicial e na perda dos 293.000 euros iniciouse cunha demanda da construtora FCC por sobrecustos na construción do Museo da Cidade da Cultura. A finais de 2019 o Tribunal Supremo rematou dando a razón á construtora porque o proxecto do edificio tiña “erros”, “carecía da necesaria definición” e “non estaba suficientemente desenvolvido”. Os sobrecustos foron duns 2,5 millóns de euros, pero quedaban por concretar os xuros de demora que implicaran. 

Un ano antes da sentenza do Supremo Praza.gal xa revelara que a propia Cidade da Cultura xa daba por perdido o preito e calculaba en medio millón de euros eses xuros. Pero cando tras a sentenza do Supremo o xulgado de primeira instancia de Santiago no que comezara o caso iniciou o proceso de execución a construtora formulou unha petición de xuros de 1.005.377,20 euros. Ese cálculo foille trasladado polo xulgado á Xunta dándolle dez días para que contestase coa súa contravaloración ou, do contrario, quedaría validado ese importe, o que así ocorreu.

“Transcorrido con creces o prazo de dez días” sen resposta da Xunta, segundo confirmou posteriormente a Audiencia Provincial da Coruña, o xulgado ditou un decreto aprobando a liquidación de 1.005.377,20 euros en xuros. Foi nese momento cando a Xunta tentou sen éxito recorrer primeiro ante o xulgado e despois ante a Audiencia da Coruña esa resolución xudicial.

Na causa orixinal da que deriva este pagamento de xuros a xustiza sentenciou que o proxecto do Museo da Cidade da Cultura tiña “erros”, "carecía da necesaria definición” e “non estaba suficientemente desenvolvido”

O Goberno galego alegou que a comunicación do xulgado para que formulase alegacións ao cálculo da empresa “chegou ao denominado Sistema de Seguimento de Preitos, pero non á conta de correo electrónico corporativo da letrada encargada nese momento do procedemento, que non recoñeceu a comunicación e a arquivou directamente como ‘spam’”. Isto é, a Xunta recibiu a comunicación e acusou recibo ao xulgado, pero despois non a contestou porque o seu sistema interno a arquivou como spam.

No seu recurso ante a Audiencia a Xunta chegou a argumentar que de rexeitarse a súa petición de volver ao momento procesal no que debía emitir a súa contravaloración dos xuros suporía “un grave dano ao erario”. A Audiencia contestoulle que “a defensa do erario público incumbe de modo especial á recorrente [a Xunta], que debe velar pola correcta recepción das comunicacións”.

Museo da Cidade da Cultura CC-BY-SA Xunta de Galicia

Coa súa resolución a Audiencia da Coruña confirmou a decisión do xulgado de primeira instancia de fixar en 1.005.377,20 euros os xuros a pagar pola Xunta a FCC. Pero antes de que chegase esa sentenza a Fundación Cidade da Cultura formulou as súas contas anuais correspondentes a 2020 que foron rematadas de auditar por Deloitte en xuño e que agora veñen de facerse públicas. Nelas, no apartado dedicado a sinalar as posibles incertezas futuras froito de procesos xudiciais en marcha, saliéntase como un dos principais feitos ocorridos en 2020 o decreto xudicial que fixaba os xuros en 1.005.377,20 euros e sinálase que deles “boa parte xa foron consignados ou aboados en execución”

Engádese que “quedaría por aboar a diferencia, mais a Xunta de Galicia interpuxo recurso de revisión contra dito decreto”, recurso que foi o que desestimaron tanto o xulgado como a Audiencia da Coruña. Antes de que chegase esa desestimación, as contas da Cidade da Cultura sinalan que “o impacto económico de non estimarse o recurso en defensa dos intereses da Fundación sería o seguinte: 293.659 euros”. E remátase indicando que no momento de pecharse as contas do pasado ano aínda non había novidade a respecto dese recurso. 

A Audiencia da Coruña apuntou a posibilidade de configurar mellor os sistemas informáticos ou dar instrucións aos destinatarios das mensaxes para examinar a carpeta de 'spam', pero a Xunta non aclara se fixo ou vai facer algo ao respecto

No auto co que rematou resolvendo sobre a cuestión a Audiencia da Coruña validou o cálculo de 1.005.377,20 euros en xuros e desestimou os argumentos da Xunta a respecto do erro cometido coa clasificación do aviso xudicial como spam. O propio tribunal apuntou a posibilidade de configurar mellor os sistemas informáticos ou dar instrucións aos destinatarios das mensaxes para examinar a carpeta de spam, polo que este diario preguntou ao Goberno galego sobre as posibles decisións tomadas ao respecto. Varios departamentos galegos veñen eludindo desde hai máis dun mes responder a esas cuestións.

Auto da Audiencia da Coruña no que rexeita o recurso da Xunta porque di que estaba nas súas mans configurar mellor o seu correo electrónico CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.