O Goberno galego non aclara se adoptou algunha medida nos seus servizos xurídicos ou informáticos para evitar que se volva obviar un correo interno, o que agora obriga a pagar un millón de euros por sobrecustos na Cidade da Cultura
A Xunta terá que pagar un millón de euros por sobrecustos na Cidade da Cultura porque tras acusar recibo dun aviso xudicial o reenvío desa comunicación á persoa encargada do caso acabou considerado como “spam”. Tras desvelar Praza.gal o 24 de outubro o ocorrido, que a propia Xunta cualificou ante a Audiencia Provincial da Coruña como un “grave dano ao erario”, este diario preguntou ao Goberno galego se tomou ou vai tomar algún tipo de decisión a respecto dos seus servizos xurídicos ou informáticos, pero varios departamentos autonómicos veñen desviándose a responsabilidade e evitando contestar.
Segundo o relato dos feitos realizado pola Audiencia da Coruña, a Avogacía da Xunta acusou recibo da comunicación xudicial que lle daba dez días para realizar a súa contravaloración dos xuros que reclamaba a construtora FCC tras gañar un preito por sobrecustos en obras realizadas no Gaiás hai unha década. Pero a Avogacía da Xunta non contestou -o que fixo firme o importe reclamado pola construtora-, segundo ela mesma, porque o aviso entrou no denominado Sistema de Seguimento de Preitos, “pero non á conta de correo electrónico corporativo da letrada encargada nese momento do procedemento, que non recoñeceu a comunicación e a arquivou directamente como ‘spam’”.
A Audiencia da Coruña apuntou a posibilidade de configurar mellor os sistemas informáticos ou dar instrucións aos destinatarios das mensaxes para examinar a carpeta de 'spam', pero a Xunta non aclara se fixo ou vai facer algo ao respecto
A Audiencia da Coruña desestimou as explicacións da Xunta cos argumentos, entre outros, de que “está en mans de quen configura a conta corporativa suprimir a carpeta ‘spam’ ou introducir os filtros necesarios” para evitar o ocorrido, ou mesmo “de forma máis simple, dar instrucións aos titulares das contas para que examinen os correos incluídos na carpeta de ‘spam’”.
Ante estes argumentos da Audiencia, este diario preguntou o 25 de outubro ao departamento de comunicación da Vicepresidencia Primeira do Goberno galego, da que depende a Asesoría Xurídica Xeral, se tomou ou vai tomar a Xunta algún tipo de decisión sobre a persoa deses servizos xurídicos destinataria do correo non atendido ou sobre a configuración dos sistemas informáticos da administración, competencia en última instancia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, integrada na estrutura da Presidencia da Xunta.
Varias horas despois da pregunta á Vicepresidencia Primeira esta contestou que o departamento que debía dar resposta era a Consellería de Cultura, á que este diario repetiu as mesmas preguntas obtendo como resposta inmediata que serían remitidas á Fundación Cidade da Cultura. Este diario advertiu nese momento que as preguntas ían dirixidas ao funcionamento dos servizos xurídicos e informáticos da Xunta, os implicados segundo deixou constancia a Audiencia da Coruña, e non se referían ao sobrecusto orixinal das obras do Gaiás.
Tres días despois, aínda sen resposta, Praza.gal lembrou á Consellería de Cultura as súas preguntas, pero ata o momento sen obter ningunha contestación. Un silencio que se produce malia que, segundo varias fontes consultadas por este diario, varios dos departamentos implicados eran coñecedores desde hai meses da decisión da Audiencia da Coruña de desestimar as explicacións da Xunta e poñer o foco no seu mal funcionamento interno.