A demora da Xunta en abonar a unha empresa 2.100 facturas condénaa a pagar 40 euros por cada unha: 84.000 euros, xuros á marxe

Feijóo nun congreso de xestión sanitaria en 2019, época da demora no pagamento de facturas á empresa de subministros médicos CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Sergas pagou con atrasos durante catro anos a unha empresa de subministros sanitarios que acabou reclamando ante a xustiza 30.000 euros de xuros de demora do 8% e unha contía fixa de 40 euros por “custos de cobro” de cada factura

Durante anos o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, gabouse de que Galicia cumpría o seu compromiso de ter as súas débedas “ao día” e pagar as súas facturas con dilixencia. Non o fixo así o Sergas cando menos entre 2017 e 2021 cunha empresa de subministros médicos á que pagou sistematicamente tarde 2.100 facturas. Agora un xulgado de Santiago vén de condenar ao Goberno galego a pagar a esa empresa non só xuros de demora do 8% polo tempo de máis que tardou en abonarlle as facturas senón tamén 40 euros por “custos de cobro” de cada factura, o que suma un total de 84.000 euros.

Sentenza que condena á Xunta a pagar 40 euros por cada unha das 2.100 facturas que pagou tarde a unha empresa CC-BY-SA Praza Pública

Segundo establece a sentenza, a Xunta ten 30 días para pagar as facturas desde que llas presentan as empresas, o que faculta a estas a reclamar os xuros de demora acumulados -a un tipo do 8% para os anos en que sucederon os feitos- por cada día que pasen sen cobrar entre o día 31 e o día en que efectivamente reciban o pagamento. Por outra banda, esa posibilidade de reclamación prescribe aos catro anos. Así que en setembro de 2021 a empresa en cuestión presentou unha reclamación administrativa ante o Sergas polos xuros das demoras que sufriu no cobro de 2.100 facturas desde 2017, catro anos antes. O Sergas non contestou e a empresa acabou recorrendo á xustiza. 

A Xunta non negou que abonase as facturas "de maneira tardía" e alegou para reducir tanto os xuros das mesmas como os "custos de cobro" a só 40 euros por todas, pero o xulgado di que deben ser 40 euros por cada unha

Durante o proceso xudicial a Xunta non negou que abonase as facturas “de maneira tardía”. Si tentou reducir á metade, a uns 17.700 euros, os 30.200 euros que reclamaba a empresa, pero o xulgado avalou as contas desta e non as da administración. E non só no que respecta aos xuros de demora pola contía das facturas senón que tamén declarou “o dereito da demandante a percibir un custo de cobro fixo por cada unha das facturas obxecto de reclamación de 40 euros”. Isto é, un total de 84.000 euros fixos polas 2.100 facturas a sumar aos xuros ao 8% que xerasen estas. O Goberno galego non tivo éxito na súa pretensión de que os 40 euros por “custos de cobro” se fixasen de xeito global e non por cada factura.

Sede dos xulgados de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza tamén admite a reclamación da empresa de que para o cómputo dos xuros se teña en conta o IVE das facturas, xa que achegou ao proceso xustificantes de que declarou e ingresou ese imposto ás arcas públicas sempre antes de cobrar as facturas. 

A empresa mesmo concedeu un beneficio á Xunta, xa que, como constata a sentenza, o cómputo dos xuros debería realizarse, segundo establece a norma, entre o día 31 despois do rexistro da factura e a data de “cobro efectivo”. Porén aceptou que a segunda data non fose a do seu cobro efectivo senón a do día seguinte á orde de pagamento realizada pola Xunta. O único punto que non admitiu a sentenza foi que a empresa puidese engadir ás cifras reclamadas os “xuros dos xuros” non ingresados ou o que se denomina “xuros anatocistas”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.