Feijóo gábase de non "deixar débedas" na Xunta malia aumentalas máis do 90%

Un intre do Consello da Xunta deste xoves © Ana Varela

O segundo Goberno de Alberto Núñez Feijóo está a piques de facer 100 días ao mando da Xunta e o presidente aproveita para facer un primeiro balance. Tras o Consello deste xoves o titular do Goberno galego realizou un optimista balance do primeiro treito da lexislatura, cen días que "serviron para constatar que estamos tomando as medidas necesarias" para acadar "os grandes obxectivos", tales como "seguir blindando o autogoberno" ou "ser un referente en eficiencia". Como xa acontecera no seu anterior mandato o líder conservador asenta nos números boa parte do seu autodiagnóstico e, a preguntas da prensa, aposta por sacar peito para presumir de contención da débeda. "Hai gobernos que prefiren gobernar a costa de deixar débedas aos seus cidadáns" pero este non o fai, afirma. Isto é completamente certo? Os datos oficiais din o contrario.

Segundo a análise que o Banco de España realiza trimestralmente segundo o denominado "protocolo de déficit excesivo" Galicia pechou o terceiro trimestre de 2012 -último dato dispoñible- cunha débeda pública de 7.622 millóns de euros, moito menos que as autonomías máis endebedadas -Catalunya supera os 45.000 e a Comunitat Valenciana, os 25.000- pero moito máis que as que teñen menos débeda -Navarra, por exemplo non chega aos 3.000 millóns-. Esta cantidade é un 92,8% superior á que figuraba nos mesmos rexistros do organismo regulador no cuarto trimestre de 2009, isto é, no último ano no que aínda gobernou -parcialmente- o Goberno bipartito. Daquela a débeda galega era de 4.842 millóns de euros.

Dende aquela altura a débeda pública non deixou de subir e cada trimestre, sen excepción, incrementou a respecto do anterior. Así, no primeiro trimestre de 2010 a débeda era de 5.304 millóns e ao remate dese mesmo ano xa acadaba os 6.161. O exercicio de 2011 comezou con 6.176 e rematou con 7.009 millóns. A continuación, en 2012, ao remate do primeiro trimestre a débeda acumulada acadaba os 7.381 millóns, cifra que seguiu a medrar ata os devanditos 7.622 millóns de euros. Isto prodúcese nun contexto no que, como xa detallou Praza Pública, nos Orzamentos Xerais da Xunta para 2013 xa hai 1.110 millóns de euros dedicados a afrontar a débeda pública, 290,9 dos cales corresponden ao pagamento de xuros, cuxo custe aumentou un 97% dende 2009. 

A débeda pública era de 4.842 millóns a finais de 2009 e agora supera os 7.600

Neste contexto, o presidente opta por mesturar o concepto da débeda con outro moi ligado a este, pero que non é igual: o déficit. Así, ante as críticas da oposición por non acollerse ao máximo de déficit público permitido polo Goberno central -o tope era o 1,5% e Galicia rematou 2012 no 1,19%- Feijóo sinala que non chegar ao máximo permitiu "evitar uns 180 millóns máis de débeda pública". "Poderíamos gastar máis, pero deberíamos máis", di o popular, quen "non ve beneficio ningún en incumprir as nosas obrigas". É neste punto onde introduce a mestura: "me gustaría que se puxesen de acordo os que critican o excesivo endebedamento e os que critican que nos endebedemos menos", sentenza, para retrucar as críticas non pola débeda, senón polo déficit. 

Un intre do Consello da Xunta deste xoves © Ana Varela
Fonte: Banco de España CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.