Nas súas primeiras semanas como líder do PP, o aínda presidente da Xunta vén reiterando dúas esixencias contra o Goberno de España: baixar impostos e reducir o "tamaño" e "gasto burocrático" do propio Executivo do PSOE e Unidas Podemos. En boa medida, reproduce tamén neste punto a súa estratexia de oposición ao Goberno de coalición de PSdeG e BNG en Galicia (2005-2009), ao que receitaba "austeridade" para unha Administración que debía gastar menos "nela mesma".
O Consello de Contas concluíra que o aforro pola supresión de entes paralelos, que Feijóo presentara como "histórico", realmente fora "menor". A Xunta solicitara expresamente borrar esa conclusión e, en troques, reflectir o seu "gran esforzo" ao respecto
En liña con esas esixencias, tras o seu retorno ao poder en 2009 o PP presentou dende a Xunta varios "plans de reestruturación" da Administración paralela, isto é, os entes dependentes do Goberno galego que foran alcumados como chiringuitos. Apenas media década despois, en 2014, o propio Alberto Núñez Feijóo daba por culminada a primeira fase do plan e consideraba como "histórico" o aforro acadado.
Pero o Consello de Contas -órgano encargado de fiscalizar a xestión económica e financeira da Xunta- vén reiterando unha versión ben diferente do acontecido. Nos seus sucesivos informes de fiscalización vén constatando que, en realidade, tal aforro foi "residual" e, malia a unha "redución neta" do número de entidades, a "importancia económica" da súa desaparición foi "menor", duns 17 millóns de euros, segundo calculaba en 2016.
A Xunta amosárase especialmente contrariada por estas conclusións e, no trámite de alegacións, solicitara a súa "expresa supresión", elevaba os aforros a 90 millóns e pedía que constase o "gran esforzo" realizado ao respecto. Contas retrucou que os datos sustentaban as súas conclusións e mantivo o seu texto segundo o previsto.
Proliferación de axencias
Alén dos aforros acadados -"históricos" segundo a Xunta, "residuais" segundo o Consello de Contas- en suprimir algúns destes organismos, nestes anos os fondos públicos xestionados mediante a Administración paralela non só non diminúen, senón que aumentan. O informe máis recente dos elaborados por Contas a este respecto foi publicado no verán de 2021 e refírese ao ano 2019.
Como en anteriores edicións, subliña que "un bo indicador para coñecer a evolución do sector instrumental" é analizar o volume das transferencias e subvencións que os Orzamentos Xerais da Xunta dedican cada ano a estas entidades. E o certo, resalta, é que este montante non deixa de subir dende 2011, cando roldaba os 800 millóns de euros. En 2019 eran xa uns 1.200, en boa medida "como consecuencia da xeneralización do modelo de axencia".
O Goberno de Feijóo trasladou a entes instrumentais "importantes áreas de gasto" que antes eran xestionadas na Administración xeral da Xunta
"A diferenza do acontecido na Administración do Estado e noutras comunidades", sinalaba Contas neste informe, a Xunta optou nos últimos anos por empregar o modelo de axencias" para "xestionar descentralizadamente importantes áreas de gasto" que "ata ese momento eran desenvolvidas de forma centralizada". Isto é, restou competencias a áreas do Goberno como direccións ou secretarías xerais e sumounas, co correspondente orzamento, a axencias como as de Modernización Tecnolóxica, Innovación, Infraestruturas ou Turismo, entre outras. Nelas, ademais, Contas non ve "acreditado" que a Xunta "estea a aplicar os mecanismos de xestión transparente" que prevé a lei.
Unha lei aprobada en 2010 fixa que a Xunta debe contar cun rexistro público destas entidades. Non comezou a tramitar a súa aprobación ata 2021 e polo momento segue pendente
A transparencia segue a ser, precisamente, unha das materias pendentes da Administración paralela, como vén lembrando o propio Consello de Contas dende que, en 2010, a propia Xunta impulsou a Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Aquela norma incluía a creación dun "rexistro de entidades do sector público" na que todas esta entidades deberían inscribirse e depositar as súas contas, para un maior control.
Tras anos de críticas tanto do Consello galego como do Tribunal de Cuentas estatal, a Xunta comezou a tramitar a creación deste rexistro en xullo de 2021. Máis dun ano despois e cando xa transcorreu máis dunha década dende a lei que obriga a crealo, o rexistro segue "pendente de aprobación", polo que o Consello de Contas ten que seguir utilizando como referencia a información referida a Galicia que consta no Inventario de Entes Públicos do Ministerio de Facenda, práctica que Feijóo criticou abertamente porque "e administración paralela en Galicia sabemos máis na Xunta”, argumentou en 2019.