Tras unha década de incumprimento legal a Xunta tramita un rexistro dos seus entes paralelos

Feijóo, tras o Consello da Xunta do 10 de xuño CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Consello de Contas e Tribunal de Cuentas viñan criticando que a inexistencia dese listado impide fiscalizar correctamente á administración galega

En 2010 a Xunta impulsou a Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, un texto que estableceu a creación dun “rexistro de entidades do sector público” no que debían inscribirse e depositar as súas contas os entes paralelos da administración. Porén, ese rexistro segue sen existir na práctica unha década despois porque a Xunta nunca o desenvolveu regulamentariamente, proceso cuxa tramitación vén de iniciar agora tras anos de críticas do Consello de Contas galego e do Tribunal de Cuentas estatal pola imposibilidade de fiscalizar correctamente a administración paralela.

O Tribunal de Cuentas certificou hai uns meses que a Xunta leva dez anos sen cumprir coa obriga que ela mesma se estableceu de crear un rexistro de entes paralelos, o que dificulta a súa fiscalización CC-BY-SA Praza Pública

A lei de hai dez anos que agora o Goberno galego se decide a cumprir iniciando a tramitación do rexistro foi o primeiro gran paso de Feijóo para cumprir a súa promesa de poñer orde nos “chiringuitos” -como el mesmo os denominaba- de PSdeG e BNG, malia que a gran maioría foran creados durante os gobernos de Manuel Fraga. Porén, é agora, máis de dez anos despois, que a Xunta vén de expoñer ao público o proxecto de decreto polo que se regula o rexistro de entidades do sector público de Galicia.

Neste tempo o Consello de Contas e o Tribunal de Cuentas censuraron en varias ocasións que a inexistencia dese rexistro “impide coñecer as entidades que a Xunta de Galicia considera como entidades instrumentais” e, polo tanto, cumprir o seu cometido de fiscalizalas como parte da administración. 

“De administración paralela en Galicia sabemos máis na Xunta”, criticou Feijóo ao Consello de Contas por usar datos estatais ante a inexistencia do rexistro galego que agora se tramita

En ausencia do rexistro galego que agora se comeza a tramitar, no que ademais de consignar os principais datos das entidades deberán depositarse as contas destas para a súa fiscalización, o Consello de Contas vén empregando para os seus traballos o Inventario de Entes Públicos do Ministerio de Facenda, un compendio con finalidades distintas ao futuro rexistro. Malia incumprir a Xunta a súa propia obriga de ter un rexistro dos entes, o presidente Feijóo chegou a criticar a Contas en 2019 por recorrer ao inventario estatal para elaborar o seu informe daquel ano. “De administración paralela en Galicia sabemos máis na Xunta”, dixo Feijóo

Porén, ao tempo que Feijóo restaba validez aos datos do Goberno central como fonte do Consello de Contas, a web de transparencia da propia Xunta, no apartado que ten reservado ao rexistro de entidades que nunca se creou, segue remitindo como toda e única información ao respecto a un enlace ao inventario estatal.

Feijóo nun acto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), creada en 2010, e balance do Tribunal de Cuentas sobre novos entes paralelos creados polas comunidades autónomas CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Na última década, ao tempo que suprimía entes paralelos, boa parte creados por Fraga, a Xunta de Feijóo puña en marcha outros 50 novos, o 26,9% dos creados por todas as comunidades autónomas

Neste tempo, sen un rexistro galego fiable, o Consello de Contas sinalou varias veces como “residual” o aforro logrado na última década pola supresión dalgúns entes paralelos. E a finais do pasado ano o Congreso dos Deputados publicou as súas conclusións e validación, asumíndoo como propio, dun informe específico elaborado polo Tribunal de Cuentas estatal sobre os entes paralelos de todas as comunidades autónomas que certifica que Galicia foi a comunidade autónoma que máis novos entes paralelos creou, 50, o 26,9% das novas creacións en todo o Estado.

Na última década a Xunta suprimiu 99 entes, a metade deles, 48, fundacións, das cales 34 eran as fundacións comarcais creadas polos executivos de Fraga nos anos noventa e a cuxos xerentes, varios deles cargos do PP, o Goberno de Feijóo recolocou en postos creados específicamente para eles en oficinas de emprego. Pero fronte a esas supresións a Xunta creou no mesmo tempo outros 50 novos entes, o 26,9% dos 186 creados por todas as comunidades autónomas. Ou eses son os cálculos do Consello de Contas e o Tribunal de Cuentas, porque aínda será agora cando a Xunta detalle, a través do rexistro que está a tramitar, cales son os seus entes paralelos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.