Antes de aprobar os seus informes e entregalos ao Parlamento o Consello de Contas, órgano que fiscaliza as contas públicas galegas, remite a primeira versión dos textos á Xunta para que o Goberno galego poida formular alegacións, xa sexa para precisar aspectos técnicos, achegar máis datos ou facer constar a súa disconformidade con algunha das conclusións. Así o fixo tamén cos informes que vén de enviar ao lexislativo. Entre eles está o que avaliou o resultado dos "procesos de extinción" de entes da administración paralela da Xunta, un adelgazamento administrativo que o presidente da Xunta presentara como vía para lograr un aforro "histórico" pero que o Consello de Contas leva anos considerando "residual".
Nesta ocasión, ademais do habitual informe anual sobre as entidades instrumentais Contas achegou outro traballo máis amplo sobre os resultados dos tres plans de "racionalización" dos nalgún momento alcumados como chiringuitos no eido político. A análise xa non é só dun ano, senón de case unha década (2010-2016) e a conclusión do Consello é clara: o aforro logrado con estas supresións foi "residual" e o seu impacto económico, "menor", en boa medida porque a Xunta traspasou as funcións e o persoal dos entes eliminados a organismos xa existentes ou a outros de nova creación. Esta conclusión desagradou notablemente ao gabinete de Alberto Núñez Feijóo, que no trámite de alegacións pediu sen éxito que fose borrada.
Aínda que os peches de entes paralelos afectaron a "unha de cada tres entidades existentes", a "importancia económica dun gran número das extinguidas é menor", di o Consello de Contas sobre o aforro que Feijóo anunciara como "histórico"
Aplicando os métodos de análise "en coordinación co Tribunal de Cuentas e as institucións de control externo" do resto de autonomías o Consello de Contas conclúe que entre 2010 e 2016 a Xunta, ao abeiro dos seus tres plans de "racionalización" da administración paralela, reduciu o seu sector público autonómico de 157 entidades a 112. "A pesar de que a redución neta" atinxiu a "unha de cada tres entidades existentes, a importancia económica dun gran número das extinguidas é menor", cre. "En termos económicos -agrega- o aforro derivado das extincións limítase" a 17,03 millóns de euros, dos que "7,53 se corresponden con gastos de persoal", un eido no que o Consello é especialmente crítico.
Eses 17,03 millóns "representan menos do 1% dos fondos xestionados polas entidades dependentes", explica o Consello de Contas, que advirte ademais de que "a baixa dun gran número de entidades veu acompañada da creación doutras novas, principalmente coa forma xurídica de axencia". A súa posta en marcha provocou que "aínda que o número de entidades instrumentais diminuíse dende 2010, o volume de recursos públicos xestionados de maneira descentralizada, en termos relativos, está a aumentar".
A supresión de entes non logrou "aforros económicos significativos" porque as súas funcións foron asumidas por entidades existentes ou mesmo por outras de nova creación, subliña o Consello de Contas
Por estes e outros motivos o Consello de Contas chega a unha "conclusión global" que se afasta do "aforro histórico" prognosticado por Feijóo. "Os procesos de extinción levados a cabo nas entidades dependentes da Xunta (...) simplificaron a arquitectura instrumental da Administración autonómica" e mesmo achegaron a estes entes "maior transparencia" na xestión. Pero "non conseguiron aforros económicos significativos como consecuencia de que se optou por manter as funcións e os medios materiais e persoais das entidades que desapareceron", resalta.
Neste sentido, agrega que "son residuais os supostos nos que se extinguen entidades cuxas funcións deixan de ser prestados por outra entidade dependente da Administración". Desta afirmación afasta "o caso das fundacións de desenvolvemento comarcal", 34 entidades creadas en tempos de Fraga cuxa extinción fora decidida polo bipartito e que culminou en 2010, xa co goberno de Feijóo.
Resposta da Xunta e petición de eliminación
A resposta da Xunta nas súas alegacións foi irada tanto a respecto do carácter "residual" do aforro logrado coas extincións como como coa conclusión segundo a cal as eliminacións de entes "non conseguiron aforros significativos". "Estamos en total desacordo coas ditas afirmacións e solicitamos a súa expresa supresión", sinalou o Goberno galego a través da Vicepresidencia. A razón para pedir o borrado é que "minimizan o esforzo de reacionalización efectuado pola Administración galega".
A Xunta solicitou a "expresa supresión" das conclusións sobre o aforro "residual" na eliminación de entes paralelos e reclamou incluír os resultados do "gran esforzo" realizado nos organismo non suprimidos
O departamento que dirixe Alfonso Rueda sustenta a súa oposición ás conclusións en que "non se están tendo en conta todos os aforros acadados" no conxunto de entidades instrumentais, ata o punto de "xerar unha imaxe distorsionada das actuacións realizadas". Neste sentido, o Goberno galego reprocha ao Consello de Contas que "recolla unicamente unha parte moi residual e parcial dos procesos de reordenación" e deixe "fóra da súa análise" medidas de "eficiencia" na parte da Administración paralela non eliminada, tales como "redución do gasto interno, racionalización de cadros de persoal" ou "rescisións de alugueiros", entre outras.
Contas retrucou que o informe se cingue unicamente ao impacto económico da supresión de entes e mantivo o seu texto segundo o previsto
Tras unha nova acusación de estar a ofrecer unha "análise parcial", a Xunta reclama ao Consello que inclúa no seu informe os aforros logrados nos entes non eliminados que, asegura, ascenderon a 68,7 millóns de euros que, adi, cómpre engadir aos 20,6 que segundo os seus cálculos supuxo a "extinción de entes". Con datos "actualizados a 2018" logrou "un aforro global de 90 millóns de euros", subliña como resultado dun "gran esforzo" que o Consello de Contas debe "incluír" no informe.
Pero a esixencia non tivo éxito no substancial. Na súa réplica o Consello de Contas subliña que "tal e como se sinala reiteradamente ao longo do informe", a súa fiscalización "foi realizada en coordinación co Tribunal de Cuentas" e o resto de organismos homólogos no estado mediante "directrices técnicas" que se refiren unicamente "aos procesos de extinción de entidades" e "non ás medidas adoptadas nos entes subsistentes". Por iso o borrado solicitado pola Xunta non se produciu e o informe foi publicado como estaba previsto.