A Xunta quixo "reescribir" o informe onde Contas constata que incumpre a lei por non ter un rexistro de entes paralelos

Derradeiro Consello da Xunta presidido por Alberto Núñez Feijóo, o pasado 5 de maio, con Rueda aínda exercendo como vicepresidente en funcións CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A administración paralela é un punto de discrepancia habitual entre a Xunta ao Consello de Contas, o organismo encargado de controlar as finanzas públicas galegas, cuxa composición depende do Parlamento e, polo tanto, a súa composición depende maioritariamente das preferencias do PP. O ente fiscalizador vén reiterando que o presentado polo Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo de 2009 a 2022 como un aforro "histórico" en eliminar este tipo de entes foi realmente "residual". E vén insistindo, ademais, en que o Executivo agora encabezado por Alfonso Rueda incumpre a súa propia lei para controlar estes organismos.

Este choque de pareceres volveuse producir na última avaliación realizada por Contas a respecto da chamada administración instrumental, correspondente ao ano 2020 e entregada este 29 de xullo ao Parlamento xunto con outros 10 informes -outra volta, un venres en pleno verán-. Como en anteriores avaliacións, o Consello constata que "malia ao tempo transcorrido" dende a aprobación da Lei de Organización e Funcionamento da Administración Xeral e do Sector Público de Galicia (a LOFAXGA, do ano 2010), a Xunta "non puxo en marcha o rexistro de entidades dependentes" previsto na propia norma. O rexistro estaba concibido para "inscribir preceptivamente" todos estes entes e inscribir nel os seus principais actos, tales como as contas anuais.

Alegación da Xunta ao informe do Consello de Contas sobre a administración paralela en 2020 e réplica do ente fiscalizador CC-BY-SA Praza.gal

"Como consecuencia desta limitación", repite un ano máis que tivo que analizar o conxunto da administración paralela baseándose no inventario de entidades do sector público do Ministerio de Facenda. A Xunta, molesta con esta cuestión, reclamou corrixir este aspecto do informe no trámite de alegacións. Pero fíxoo dun xeito que, a xuízo do Consello de Contas, parecía encamiñado a tentar "reescribir" o texto para suprimir o reproche.

A Xunta admite que o rexistro de entidades paralelas obrigado pola lei "non está creado", pero pediu ao Consello de Contas que "matice" o seu reproche porque ten publicada unha listaxe da administración paralela no seu sitio web de transparencia

Nesta alegación, remitida dende a dirección xeral antes denominada 'de Avaliación e Reforma Administrativa' e agora, 'de Simplificación Administrativa', o Goberno galego considera que a "afirmación" sobre o incumprimento da lei "debería ser matizada". A Xunta admite que ese rexistro, efectivamente, "non está creado", pero no seu portal de transparencia ten publicada unha listaxe "das 69 entidades instrumentais do sector público autonómico conforme á LOFAXGA", a cal adxectiva como "clara e accesible". "Ademais -agrega- a través deste apartado accédese directamente aos sitios web de cada unha delas".

A Xunta chama ademais a "ter en conta" que "en maio de 2021 iniciouse a tramitación do proxecto de decreto" para crear ese rexistro. Por todo isto, pide "que se corrixa dita afirmación" sobre o incumprimento e substituír a conclusión do Consello por outra na que indique que "a Administración galega publica na súa páxina de transparencia unha relación das entidades que considera como integrantes do seu sector público autonómico segundo a normativa propia aplicable, contida fundamentalmente na LOFAXGA".

Pero Contas non concorda. "Non é obxecto do trámite de alegación sa pretensión de reescribir o informe, senón de argumentar os aspectos nos que hai desconformidade", advirte. E dado que a Xunta nas propias alegacións "recoñece e confirma as afirmacións contidas no informe, que unicamente se refiren á inexistencia do rexistro de entidades obrigatorio esixido pola LOFAXGA", o texto do informe quedou como estaba.

Contas reitera que, malia á redución no número de entidades paralelas, o orzamento que xestionan apenas variou. Segue roldando os 1.700 millóns anuais

Alén da ausencia do rexistro, o informe do Consello de Contas sobre a administración paralela da Xunta volve incidir en aspectos que xa tratara en anos anteriores. Así, por exemplo, Contas volve "salientar" que "a pesar de que o número de entidades descendeu en aproximadamente un terzo dende 2011", redución "concentrada en gran medida na supresión definitiva das [34] fundacións de desenvolvemento comarcal" -aprobada polo Goberno de Coalición de PSdeG e BNG-, a "porcentaxe de gasto público" a través destas entidades "non ten a mesma dinámica".

Así, unha vez extinguidas definitivamente as devanditas fundacións comarcais, a administración paralela veu manexando máis de 1.700 millóns de euros cada ano e na actualidade, unha década despois, segue a facelo. Isto débese en boa medida á aposta da Xunta por "empregar o modelo de axencias" para xestionar "importantes áreas de gasto" que antes da era Feijóo dependían de secretarías ou direccións xerais das consellerías. É o caso, lembra Contas, das infraestruturas, a innovación, o equipamento tecnolóxico, o turismo ou parte das competencias en servizos sociais.

Tanto é así, resalta, que case a metade (concretamente, o 47%) dos orzamentos da administración paralela "son xestionados polas axencias". Como adoito, Contas reitera que "a maior parte dos recursos do conxunto de entidades dependentes foron achegados" pola propia Xunta, polo que "o grao de dependencia financeira do sector instrumental é moi alto, sen que obteñan porcentaxes significativas dos seus fondos" por outras vías. Ese "escaso nivel de xeración de ingresos propios" tamén se produce nas empresas públicas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.