Este venres o presidente da Xunta será recibido por segunda vez por Pedro Sánchez no Palacio de La Moncloa. Será o primeiro encontro oficial entre ambos dende que o PP revalidou o Goberno galego nas eleccións do pasado febreiro.
O pacto de investidura do PSOE co BNG incluíu que Galicia recibise un trato equiparable ao doutros territorios en caso de condonacións de débeda pública
A axenda da xuntanza non difire moito das grandes liñas do abordado por ambos en 2022, pouco despois de que Rueda substituíse a Feijóo na presidencia. Infraestruturas, servizos de alta velocidade ferroviaria coa Meseta, competencias do litoral, autoestrada AP-9 ou fondos europeos para Altri forman parte dunha axenda na que aos poucos foi gañando peso o financiamento autonómico -o modelo está caducado dende hai unha década- e, máis concretamente, o rexeitamento do presidente a que o Estado asuma parte da débeda galega.
A cuestión da condonación de débeda autonómica está no debate público estatal dende que, no outono de 2023, foi un dos aspectos pactados polo PSOE con ERC para obter o apoio á investidura de Sánchez. Os socialistas xa advertiran de que esta posibilidade non se cinguiría a Catalunya, senón tamén ás demais autonomías que se financiaran a través do Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), no que se apoiaron moitos territorios durante a crise financeira da pasada década, pero ao que Galicia apenas recorreu.
"Interésame estar ben financiado, pero a nós todo isto das condonacións de débeda non nos convén", afirmou o presidente en vésperas da reunión na Moncloa
No marco daqueles pactos de investidura estivo tamén o dos socialistas co BNG. Que incluía, entre outras cuestións, un "trato igualitario na condonación da débeda". "Calquera compensación ás comunidades en relación ao FLA", acordaran, traería consigo "unha compensación análoga" a Galicia porque "non se podía condonar débeda a outras comunidades autónomas que se financiaron a través do FLA e deixar fora a Galiza e iso foi o que logrou o BNG”, resumira Ana Pontón.
Con este pano de fondo, e tamén co contexto do acordo de investidura de Salvador Illa en Catalunya, Rueda acode á Moncloa e responde tanto a socialistas como a nacionalistas que ao seu Goberno non lle "interesa" que o Estado asuma débeda galega. "Non temos un problema de necesitar que se condone débeda", afirmou nun foro do xornal El País. "Interésame estar ben financiado, pero a nós todo isto de condonacións de débeda non nos convén", insistiu antes de evidenciar que a "maior parte" do endebedamento galego é cos bancos e non co Estado, ao que debe algo máis de 2.000 millóns de euros.
O argumento de fondo do líder do PP en Galicia é que aceptar esta condonación para a Xunta sería tanto como dar cobertura política a un acordo semellante con Catalunya. Mentres, para Pontón, a posición do presidente é "inédita e disparatada".
Pontón ve a negativa de Rueda "inédita e disparatada": "Prexudica os intereses dos galegos e das galegas única e exclusivamente por seguir as instrucións que lle mandan dende a rúa Génova"
"A ningunha persoa que lle ofrezan reducir un 20% a súa hipoteca diría que non”, comparou durante unha visita a Rianxo. Rueda, lamenta, "prexudica os intereses dos galegos e das galegas única e exclusivamente por seguir as instrucións que lle mandan dende a rúa Génova", en referencia á dirección estatal do PP.
Tamén o PSdeG interpreta que Rueda "claramente antepón os seus intereses estratéxicos de política estatal aos intereses de Galicia". Neste sentido, o voceiro de Economía do partido, Abel Losada, coida que cómpre lembrar tamén a "lamentable xestión" de Feijóo a respecto do FLA, que "permitía financiarse con tipos de xuro menores que os do mercado" pero ao que o ex-presidente decidiu non aproveitar para "tratar de darlle veracidade ao relato que se estaba construíndo", como "un gran xestor " para "dar o salto a Madrid".