A conselleira de Economía, tamén presidenta da sociedade público-privada coa que a Xunta impulsa o proxecto de Altri, equipara cun "castigo a Galicia" a posibilidade de que a factoría non chegue a recibir os 250 millóns de fondos europeos que pide
Impulsa Galicia é unha empresa público-privada fundada pola Xunta da man de Abanca en 2021. A intención, explicara o Goberno daquela presidido por Alberto Núñez Feijóo, era "apoiar a maduración" de proxectos de empresas que optasen en Galicia aos fondos europeos Next Generation e "axudar" na procura de investimentos "para o seu desenvolvemento".
María Jesús Lorenzana, na súa condición de conselleira de Economía, é a presidenta desta sociedade. A mesma que en outubro de 2021 escolleu a Altri como aliada para levantar unha factoría centrada explicaran daquela, na fabricación de fibras téxtiles sostibles a partir de madeira dos montes galegos. Na altura o foco non estaba aínda no papel central da fabricación de celulosa no proxecto nin o seu emprazamento en Palas de Rei.
Este pasado mércores Lorenzana acudiu a Palas de Rei xunto a unha delegación de dirixentes do PP para expresar o seu apoio á instalación de Altri e reclamar do Goberno de España que facilite o seu financiamento público mediante fondos europeos -aspira a uns 250 millóns-. Fíxoo acompañada por, entre outros, a número dous do partido en Galicia, Paula Prado, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, de cuxo departamento na Xunta depende a avaliación ambiental do proxecto da celulosa portuguesa.
O ministro de Economía, preguntado por Altri, evidencia que cos fondos da UE "non se pode financiar nada que dane obxectivos medioambientais ou sociais"
Despois de que, nunha entrevista publicada no anuario do Foro Económico de Galicia, o ministro de Economía, Carlos Cuerpo, evidenciase ao ser preguntado polo proxecto de Altri que cos fondos europeos de recuperación "non se pode financiar nada que dane obxectivos medioambientais ou sociais", os populares galegos dan en subir o ton. Fano equiparando os intereses de Greenfiber -a sociedade de Altri coa enerxética Greenalia que canaliza o proxecto co apoio da sociedade da Xunta- cos de Galicia.
Segundo Lorenzana, o Goberno de España non facilita os fondos europeos para Altri e iso é tanto como "castigar a Galicia". Neste sentido, asegura que o Executivo central "está loitando por conseguir financiamento para proxectos que nin sequera teñen iniciado a súa tramitación ambiental" -a de Altri está en trámite- pero "non fai o mesmo" coa celulosa de Greenfiber. Aínda que supoña, afirma, "un investimento de 1.000 millóns de euros".
A responsable de Medio Ambiente, pola súa banda, evidencia que a avaliación ambiental da factoría de Altri en Palas "aínda non concluíu", se ben Vázquez dá por feito que cumprirá as esixencias. Porque, asegura, "os informes que xa son públicos conclúe que cumpre estritamente todos os parámetros establecidos pola normativa europea, estatal e autonómica". É por iso que a conselleira insta o Goberno de España, pero tamén a BNG e PSdeG, a que "non deosten a nosa terra" e apoien a instalación da fábrica e o seu financiamento con fondos públicos.
Ulloa Viva protesta no exterior do acto do PP e ironiza con que "as mesmas persoas que piden esperar os informes técnicos" sexan as "máximas defensoras" do proxecto da celulosa
O acto do PP en Palas, no que participou o alcalde popular da localidade, Pablo Taboada, xunto con outros cargos, foi recibido cunha concentración de protesta organizada por membros da plataforma Ulloa Viva, impulsora das mobilizacións contra Altri na comarca. O colectivo ironiza con que "as mesmas persoas que din que hai que esperar os informes técnicos" exerzan como "máximas defensoras" da autorización e financiamento da fábrica.
A plataforma oposta a Altri coida que a presenza dos cargos do PP na comarca se debe, en boa medida, a que comezan a asumir que existirán dificultades para que a empresa "consiga fondos europeos". Reprochan, asemade, que visiten a vila pero "non queiran falar" coa veciñanza que protesta e opten por "facer que non nos ven".