Contas pide actualizar o financiamento autonómico caducado en 2014 e máis transparencia da Xunta nas rebaixas de impostos

Unha conferencia de presidentes autonómicos durante a presidencia de Mariano Rajoy, cando caducou o sistema de financiamento © Goberno de España

O ente fiscalizador publica unha análise sobre os resultados para Galicia do modelo vixente e cuantifica en mil millóns ao ano o déficit de financiamento estatal, pero recomenda que tamén o Goberno galego mellore a súa capacidade tributaria

O Consello de Contas publicou a primeira hora da tarde deste mércores un informe sobre os resultados para Galicia do sistema de financiamento das comunidades autónomas entre 2009 e 2021, unha análise que como xa veñen sinalando outros estudos similares constata que a Xunta recibe menos cartos do Estado que o que custan os servizos que presta á cidadanía. 

O informe insta a actualizar o sistema actual -aprobado en 2009 durante o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e que debía ser revisado cada cinco anos, polo tanto caducado desde a presidencia de Mariano Rajoy- de xeito que teña máis en conta as necesidades reais de gasto en Galicia pola súa dispersión e envellecemento. Tamén recomenda que a Xunta mellore a súa capacidade tributaria e a transparencia das súas rebaixas e bonificacións de impostos.

Recomendación de Contas á Xunta para que mellore a transparencia das súas rebaixas de impostos CC-BY-SA Praza Pública

O informe de contas comeza constatando que o actual modelo de financiamento autonómico "leva caducado desde o ano 2014" e malia que nos últimos anos unha comisión de expertos recomendou alternativas e o Ministerio formulou unha proposta de novo modelo, este segue sen concretarse.

A análise de Contas sobre o financiamento desde 2009 sinala que a Xunta vén recibindo a través do sistema vixente unha media de 7.420 millóns de euros ao ano, o 84% dos ingresos totais da comunidade autónoma sen ter en conta ingresos financeiros ou préstamos. 

Pero á hora de financiar servizos fundamentais as variables poboacionais empregadas para o reparto de recursos, "como a poboación protexida (38%) ou a poboación en idade escolar (20,5%), non representa o peso real dos gastos destes bloques competenciais, situado ao redor do 45% e 25%, respectivamente, do gasto autonómico". 

"Tampouco a dispersión como variable non poboacional ten un tratamento adecuado para dar resposta aos sobrecustos que presenta esta realidade en Galicia, nin o factor do envellecemento un tratamento diferenciado acorde cos custos reais que xera", engade Contas. Así, "descontando outro financiamento específico recibido á marxe dos recursos do sistema, o déficit de financiamento acumulado" dos servizos fundamentais sería de "1.075 millóns de media anual".

Reunión da Xunta e outras comunidades autónomas a finais de 2021 para analizar a reforma do sistema de financiamento autonómico CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Sobre a marxe de manobra da Xunta nos tributos cedidos, Contas sinala que en Galicia en 2021 e 2022 "os beneficios fiscais superan as medidas de incremento da recadación"

O informe tamén analiza a capacidade que teñen as comunidades autónomas para elevar ou reducir os tributos cedidos, sinalando que en Galicia en 2021 e 2022 "os beneficios fiscais superan as medidas de incremento da recadación". Sobre esa cuestión da capacidade tributaria propia, Contas recomenda á Xunta "mellorar a información sobre o efecto das medidas adoptadas (capacidade tributaria á alza ou á baixa e incentivos fiscais) na recadación e no cumprimento dos obxectivos da política fiscal, e publicala no portal de transparencia". 

A Xunta alegou a esa recomendación que non considera "oportuno" publicar ese tipo de información no portal de transparencia porque, di, "xa vai ser obxecto de publicación na Conta Xeral e no Orzamento de beneficios fiscais" que tamén se publican nese portal. Porén, Contas, que leva anos criticando que a Xunta non avalía os efectos dos seus beneficios fiscais, e así o lembra agora novamente, reitera que a información que o Goberno galego ofrece ao respecto "preséntase de forma moi incompleta, sen que tampouco os documentos aludidos suplan esas carencias".

O informe de Contas tamén analiza a proposta de reforma do sistema de financiamento autonómico lanzada polo Ministerio de Facenda e di que "aproxima as ponderacións e a definición das variables poboacionais ao gasto dos distintos bloques competenciais autonómicos e, polo tanto, ás necesidades reais de gasto". "Porén", engade, "factores como o escaso peso dos tramos de maior idade na ponderación da poboación protexida, a consideración de usuarios potenciais en vez de reais no ámbito educativo, ou a non ponderación dos custos de servizos sociais atendendo aos graos de dependencia son aspectos que a Xunta alega que prexudican ao financiamento da Comunidade".

Esquema do novo financiamento autonómico proposto polo Goberno de España hai dous anos e comparación co anterior, caducado en 2014 © Ministerio de Facenda

Como resumo, Contas recomenda "defender un modelo baseado na suficiencia global de recursos, na nivelación total e distribución en proporción ás necesidades reais de gasto" e unha "revisión do novo cálculo da poboación axustada proposta polo Ministerio en base a un estudo rigoroso do custo da prestación dos servizos.". Igualmente, á Xunta pídelle "mellorar a información sobre as medidas tributarias adoptadas e valorar o impacto sobre a suficiencia e a equidade de escenarios definidos polos posibles incrementos da capacidade fiscal".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.