O ente de control eleva o seu reproche e lembra que tamén a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) reclama unha planificación estratéxica das bonificacións fiscais, que o Goberno galego se nega a facer
O Consello de Contas quere que a Xunta avalíe os efectos das súas rebaixas de impostos, pero ante a negativa a facelo está a incrementar o seu grao de reproches en cada informe anual que emite sobre as contas públicas galegas. Primeiro constatou que a Xunta non fixa obxectivos nin indicadores de cumprimento cando aproba unha bonificación fiscal. Despois recomendou que o faga. E agora, tras a negativa expresa do Goberno galego, Contas lémbralle que non é só unha petición súa senón tamén unha reclamación da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), órgano que vela pola sostibilidade das contas públicas ao que o ex-presidente Feijóo adoitaba recorrer para criticar decisións económicas do Goberno de España pero cuxa petición de maior control sobre as rebaixas de impostos é agora obviada.
O Consello de Contas vén de facer público o seu informe sobre as contas da Xunta en 2020. Como en anos anteriores constata que a Xunta non establece obxectivos e indicadores de cumprimento cando aproba novos incentivos ou bonificacións fiscais ou rebaixas de impostos nin elabora estudos sobre os efectos dos mesmos “nas políticas económicas e sociais ás que van destinados”. En 2020 as rebaixas fiscais vixentes supuxeron que a Xunta deixase de ingresar uns 450 millóns de euros, algo máis do 4% dos seus orzamentos totais. Pero o Goberno galego non só non avalía os seus efectos senón que se nega expresamente a facelo.
Ata o seu informe sobre as contas da Xunta do ano 2017 o Consello de Contas limitábase a constatar a ausencia nelas dunha “xustificación que avale o establecemento e mantemento dos beneficios fiscais e a avaliación da súa eficacia e eficiencia”. No informe sobre as contas de 2018 engadiuse unha recomendación explícita para que a Xunta o fixese. No de 2019 reiterouse esa recomendación, pero inicialmente Contas considerou por erro que a Xunta a admitira e xa estaba a traballar nela, algo que o propio Goberno galego negou. A Xunta remitiu a Contas unha alegación expresa para deixarlle constancia de que non aceptaba esa recomendación.
E agora, no informe correspondente a 2020, Contas volve reiterar a petición, a Xunta xa nin se molestou en alegar contra ela e o ente fiscalizador engadiu ao seu documento que a súa recomendación “é a mesma que sinala a Airef para o Estado e o resto de comunidades autónomas cando alude á ausencia dunha planificación estratéxica vinculada ás políticas úblicas con indicadores que permitan avaliar a eficacia destes instrumentos”.
A Xunta constata que non hai unha planificación estratéxica xeral dos beneficios fiscais de toda a Xunta senón que cada un dos seus órganos decide os seus
Segundo a Xunta, “a determinación dos indicadores e obxectivos non corresponden en todos os casos á Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) senón ao órgano competente por razón da materia”. Isto é, constata que non hai unha planificación estratéxica xeral dos beneficios fiscais de toda a Xunta senón que cada un dos seus órganos decide os seus. E limítase a argumentar que en cada caso “o beneficio social procurado vén implícito no propio beneficio fiscal implantado”.
Segundo a análise que Contas fai dos orzamentos iniciais da Xunta, os beneficios fiscais pasaron de 430 millóns previstos en 2019 a 451 en 2020
No informe de Contas sobre 2020, o primeiro da pandemia, déixase claro que os aprazamentos e fraccionamentos no pagamento de impostos aprobados para ese ano dificultan dar unhas cifras claras do efectivamente recadado máis alá dos dereitos devengados nese ano. Pero Contas si analiza as previsións iniciais recollidas nos orzamentos da Xunta para ese ano, no que o Goberno galego implantou novas rebaixas en impostos ás herdanzas e á compra de segundas residencias en parroquias que considera "rurais", e constata que os beneficios fiscais pasarían de 430 millóns de euros en 2019 a 451 millóns en 2020.
A cifra aproxímase aos 500 millóns de euros en que a propia Xunta cifrou hai uns meses o que deixa de ingresar polos recortes de impostos, contía reflectida nun informe sobre os beneficios fiscais vixentes elaborado polo Goberno galego no marco do debate sobre un futuro novo modelo de financiamento autonómico.