Contas conclúe que o fondo do Estado polos gastos da COVID foi "suficiente" para a Xunta agás no ensino

Pedro Sánchez e Núñez Feijóo (na altura, presidente da Xunta), nos actos do Día da Constitución de 2020, marcados polas restricións da pandemia CC-BY-SA Xunta

A denuncia dunha suposta aldraxe do Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos cara a Galicia e o seu Executivo foi unha constante nas múltiples intervencións do ex-presidente Alberto Núñez Feijóo durante os primeiros tempos da pandemia da COVID-19. O actual líder estatal do PP aseguraba que a Xunta era discriminada de múltiples formas, dende o reparto de material sanitario á distribución de fondos extraordinarios para afrontar os gastos por mor do virus, cuxos criterios atribuía a intencións partidarias.

O ente fiscalizador conclúe que os 735 millóns achegados polo Estado foron dabondo para afrontar os gastos sanitarios, sociosanitarios e doutros eidos pola COVID, pero que faltarían 3 millóns para compensar tamén os educativos

O Consello de Contas, órgano encargado de fiscalizar as finanzas da Xunta, entregou este 29 de xullo ao Parlamento once informes que vén de elaborar referidos a diversos ámbitos. No caso da Administración galega, céntranse en 2020 e entre eles destaca o referido á aplicación do coñecido como fondo COVID do Estado e a súa suficiencia. É dicir, o que tiña como propósito avaliar se os cartos remitidos polo Estado para afrontar a pandemia, 735 millóns de euros naquel ano, foran ou non dabondo para a Xunta. E a resposta é que si cunha única excepción, o ensino.

O traballo de Contas comezou analizando os criterios de reparto do fondo, cuestionadísimos por Feijóo, o seu partido e o seu goberno. Lembra que se repartiron en catro tramos: os dous primeiros "en función de criterios poboacionais e sanitarios de incidencia da pandemia (número de pacientes ingresados, na UCI e probas feitas), o terceiro por gasto educativo e o cuarto, pola caída de ingresos a través de impostos a causa da propia pandemia. Nos primeiros fondos, detalla, Galicia foi a sétima autonomía en fondos recibidos pola "menor incidencia relativa da pandemia" que noutros territorios.

Fronte á suposta aldraxe sinalada por Feijóo, constata que Galicia recibiu menos fondos que outros territorios ao comezo da pandemia pola "menor incidencia relativa" do virus daquela

No que atinxe á perda de ingresos, sinala o ente fiscalizador, a Xunta deixou de ingresar 125,64 millóns naquel ano a causa da COVID, perda que se viu "compensada co significativo incremento das transferencias" do Estado, especialmente os 735 millóns deste fondo. Dentro dese total, explica, 510,75 milóns foron "destinados ao financiamento dun maior gasto directo e indirecto inducido pola pandemia" e outros 224,10, a "compensar a perda de ingresos". No remate daquel 2020, a Xunta executara 517,62 millóns de "gasto COVID" e contabilizaba outros 93 millóns sen "regularizar", polo que "podería entenderse" que, en cifras redondas, gastara todo o recibido.

Tendo en conta estas cifras, razoa, "cabe deducir a suficiencia global dos recursos" do fondo COVID do Estado "para financiar os gastos COVID-19 identificados" pola Xunta, "así como para compensar a perda de ingresos ocasionada pola pandemia" naquel ano. Nesta liña, enfatiza, "ao final do exercicio 2020, os fondos dos tramos asignados segundo criterios de incidencia da pandemia terían sido suficientes" para "financiar o impacto orzamentario sobre o gasto sanitario e sociosanitario", o que "máis impacto sufriu" polo virus.  

Contas sinala que a baixada de ingresos duns 125 millóns de euros foi "compensada co significativo incremento das transferencias" do Estado

Non en van, chegaron do Estado uns 418 millóns para afrontar gastos extra por 303 millóns "en termos de obrigas recoñecidas" e outros 90,26 "a outros gastos COVID" que "teñen que ver cos impactos económicos e sociais da pandemia distintos dos sanitarios, sociosanitarios e educativos.  Mentres, os fondos educativos pola pandemia foron "lixeiramente insuficientes", porque o Estado achegou 93 millóns e a Xunta gastou 96,20. A Xunta non formulou alegación ningunha contra estas conclusións.

Este informe cínguese ao exercicio 2020, polo que aínda non aborda -farao noutro traballo posterior- o fondo COVID-19 do Estado para 2021, que no caso galego supuxo ingresos por importe de algo máis de 828 millóns de euros, segundo datos do Ministerio de Facenda. Como informou Praza.gal, a finais de 2021 diversos organismos da Xunta tiñan sen gastar 14 millóns dese fondo e por iso os trasladaran a 2022.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.