Nas últimas semanas, ao fío da campaña electoral en Castilla y León, o PP incrementou a intensidade das súas acusacións ao Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos a respecto da distribución dos fondos europeos de recuperación para paliar os efectos da pandemia. Diversos dirixentes dos conservadores, dende Pablo Casado ata líderes territoriais como Alberto Núñez Feijóo, veñen mantendo que a asignación destes recursos ten como principal criterio a cor política dos gobernos autonómicos, primando os territorios con presidencia socialista.
Ao fío destas acusacións, o Executivo central vén de decidir publicar os criterios que rexeron durante 2021 as distribucións do oficialmente denominado Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), un total de case 11.300 millóns de euros. Xunto a eles, divulga un resumo das cantidades asignadas por comunidades autónomas. No caso galego, a achega suma 681,48 millóns, o cal supón un chisco máis do 6% do total, a sexta maior porcentaxe e levemente máis do que pesa Galicia sobre a poboación total do Estado.
Como amosa o cadro sobre estas liñas, ningunha das tres autonomías que recibiron unha maior porcentaxe dos fondos distribuídos durante 2020 teñen no goberno ao PSOE ou a UP: en Andalucía goberna o PP coligado con Ciudadanos e con apoio parlamentario de Vox, en Catalunya o Executivo está encabezado por ERC xunto a Junts e na Comunidad de Madrid, o poder é dos populares con soporte parlamentario de Vox. Si gobernan os socialistas na Comunitat Valenciana, en coalición con Compromís.
O Ministerio de Facenda publica os criterios que rexeron as distribucións de fondos europeos de recuperación durante 2021, que segundo a dirección central do PP e dirixentes territoriais do partido como Feijóo responden a motivacións partidarias do PSOE e UP
Segundo este documento, elaborado polo Ministerio de Facenda, dentro deses algo máis de 11.200 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación distribuídos durante o pasado ano, un total de 8.831 foron distribuídos a través das diferentes conferencias sectoriais, isto é, os órganos nos que participan as comunidades autónomas xunto ao Ministerio correspondente. Foi o caso, por exemplo, de 947,5 millóns para mobilidade sostible e innovación en materia loxística, que tiveron como criterio o peso poboacional de cada autonomía.
O mesmo aconteceu con 118,22 para "transformación dixital e modernización das comunidades autónomas", tamén repartidos en función da poboación. Outros fondos non atenden só ao criterio poboacional. Por exemplo, 115,39 millóns para "impulso da transición ecolóxica da agricultura e da gandaría" e mais para a "mellora do sistema agroalimentario" ante pragas e enfermidades emerxentes réxense polo número de instalacións destinatarias coas que conte cada autonomía, a superficie de cultivo en cada territorio ou o volume dos investimentos na materia que se rexistrou nos dous anos previos. [Consulta aquí o documento enteiro]
O informe agrega tamén que os fondos distribuídos "a través doutros instrumentos como concesións directas ou convenios", os máis criticados polo PP, sumaron o pasado ano 2.415,5 millóns de euros. Durante 2021 esta foi a vía para distribuír un total de 27 convocatorias de diferentes materias, dende a política social ata a ciencia ou o turismo.