A finais do pasado 2021, a Xunta pechaba o prazo de solicitudes da cuarta edición do denominado Plan de Rescate para empresas e profesionais autónomos afectados pola crise da COVID-19. O programa, xestionado pola Consellería de Emprego, estaba dotado con 134,4 millóns de euros. Eran os que quedaban sen executar do anterior, co que o Goberno galego distribuíra uns cen millóns dos 234,4 que o Estado lle transferira para esta finalidade.
A achega estatal ao plan foi, no caso galego, de 234 millóns de euros. No anterior plan asignáranse 100 millóns e agora, uns 66
Naquel momento, sumando todos os plans, dos algo máis de 416 millóns de euros dispoñibles para estas axudas -o 56% de fondos estatais e o resto, achegados pola propia Xunta-, uns 282 chegaran a empresas e autónomos. Finalmente, dos 234,4 millóns da achega estatal, foron executados 166 millóns, en torno a un 70%. Os fondos restantes, case 70 millóns, van ter que ser devoltos polo Goberno galego ao estatal..
Esta circunstancia foi admitida este mércores no Parlamento pola propia conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, en resposta a unha pregunta formulada polo propio PP para propiciar que fixese balance do plan. Mantén a conselleira que se "quedaron sen executar o 30% dos fondos" foi por que os requisitos fixados polo Estado foron "difíciles de cumprir" e traían consigo demasiada "sobrecarga burocrática".
Asegura a Xunta que fixo grandes "esforzos" para dar gastado o total dos 234 millóns pero dispuña de "escasa marxe de manobra". Ese, di, é un dos argumentos que expuxo en senllas cartas remitidas ás ministras de Economía e de Facenda, Nadia Calviño e María Jesús Montero, para pedir que "reasignen" á Xunta os cartos que quedaron sen gastar, pero con novas condicións. Entre os requisitos que censura a Xunta figura o feito de que as axudas se enfocasen a profesionais e empresas que tivesen débedas ou pagamentos pendentes.
A Xunta defende que se "quedaron sen executar o 30%" dos fondos transferidos polo Estado para o plan de rescate foi porque viñan con requisitos "difíciles de cumprir"
Na convocatoria que vén de finalizar, sostén, a Xunta recibiu 15.061 solicitudes de axudas. No anterior plan, o terceiro, foran algo menos de 6.000. O plan autonómico (182 millóns), contrapón, tiña outras condicións e recibiu unhas 80.000 solicitudes.
Dende o lanzamento dos primeiros plans, os departamentos estatais accederan a mudar parte das súas condicións en ata tres ocasións. Así, por exemplo, ampliara o período para imputar as débedas ás que podían destinarse as axudas -tiñan que ir do 1 de marzo de 2020 ao 30 de setembro de 2021- e permitiu que os cartos se destinasen a compensar custos fixos non cubertos nese período e non só a débedas.
Mediante este plan, as persoas traballadoras que tributan polo sistema de módulos puideron recibir ata 3.000 euros. O resto de autónomos e empresas podían optar a achegas de entre 4.000 e 200.000 euros, dependendo de aspectos como a caída da súa facturación en 2020 a respecto de 2019.