O último Plan de Rescate pra autónomos e empresas pola COVID conta con 134,4 millóns, os que quedaron sen executar do anterior, que só repartiu 100
O prazo de presentación de solicitudes do cuarto Plan de Rescate da Xunta para autónomos e empresas afectadas pola COVID finalizou este pasado luns. Conta cunha dotación de 134,4 millóns de euros, que son os que quedaron sen executar do anterior plan, que só repartiu 100 millóns de euros dos 234,4 que o Estado transferiu a Galicia do total de 7.000 millóns de axudas directas repartidos ás autonomías o pasado mes de marzo.
Xa que logo, en Galicia pouco máis do 40% dos cartos enviados polo Goberno central para paliar os efectos da COVID chegaron a autónomos e pemes nunha primeira fase, o que obrigou a Xunta a impulsar outro plan. Era o cuarto que anunciaba a Xunta (baixo a denominación de IV Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19) , aínda que nos dous últimos a Administración galega limitouse á xestión dos fondos que recibiu do Estado.
Porque durante meses, tras a chegada da pandemia, a Xunta mantívose como unha excepción, sen outorgar axudas directas aos autónomos que na maioría de comunidades aprobaron xa ás poucas semanas do inicio do confinamento de marzo. As primeiras axudas directas chegaron cerca do Nadal de 2020, aínda que desde aquela son xa catro os plans postos en marcha.
Só o 42% dos fondos estatais para axudas directas chegaron a autónomos e empresas no terceiro plan, o que obrigou a Xunta a impulsar outro
En total, suman algo máis de 416 millóns, 182 deles con fondos da Xunta a través dos dous primeiros, e 234,4 máis procedentes de fondos estatais, máis do 56% do total xestionado pola Administración autonómica. Polo momento, só 282 millóns chegaron a autónomos e empresas (sobre o 68%), arredor dun terzo deles axudas directas transferidas polo Goberno central.
Co terceiro plan, finalizado o prazo o pasado 30 de setembro, "tan só se recibiron 5.912 solicitudes, que representan aproximadamente o 42% dos fondos previstos", polo que foi "necesario realizar unha nova convocatoria co obxectivo de que a totalidade do orzamento chegue ao tecido produtivo de Galicia", aseguraba a Consellería de Emprego, que culpaba do "fracaso" ás "condicións ríxidas e restritivas impostas" polo Executivo central á hora de regular as axudas, "especialmente pola obriga de destinar as mesmas ao abonamento de débedas".
Críticas parecidas, pero repartidas coas autonomías, levou a cabo este luns a Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), que denunciou que as comunidades terán que reintegrar ao Estado máis de 2.500 millóns dos fondos COVID deste terceiro rescate, aínda que obviou que, como no caso de Galicia, algunhas comunidades lanzaron outra liña de axudas cos fondos non executados desa primeira partida. "Ata que se debulle toda a información e teñamos os datos, non se podería avaliar cal foi a execución total", aclaran fontes da Consellería de Emprego.
No entanto, desde UPTA advirten de que os datos son "semellantes" en todas as autonomías e sitúan Andalucía "na cola da repartición dos fondos, con menos do 40%", seguida doutros territorios no que denominan o "ránking da vergoña".
O Goberno central realizou ata tres modificacións no decreto inicial e acabou permitindo que as axudas puidense tamén destinarse a compensar custos fixos
"A planificación destas axudas foi un auténtico despropósito, desde a súa concepción por parte do Ministerio de Asuntos Económicos ata as adaptacións que se desenvolveron nos gobernos autonómicos", di UPTA, que cre que o proceso "é un exemplo de como non se debe desenvolver a planificación e execución dos fondos que chegarán desde a UE nos vindeiros meses". En 15 das 17 comunidades (todas agás Balears e Canarias nas que se incluíron maiores facilidades) as administracións van ter que devolver "entre o 50% e o 60% dos fondos recibidos", insistiu a entidade.
Un dos problemas, segundo explican tamén profesionais autónomos, veu pola condición de que os aspirantes ás axudas se atopasen "ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social". Isto excluíu a moitos posibles beneficiarios. Pero sobre todo, o feito de que, nun principio, non se puidesen destinar as axudas a compensar custos fixos (alugueiros, electricidade...) non cubertos e só abranguese as débedas.
"Ese foi o principal problema porque as axudas non acababan de ser efectivas", di Rafael Granados, presidente da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) de Galicia, que cre que "a redacción do real decreto deixou coas mans atadas ás autonomías".
A Xunta xa destacara que fora "a insistencia de comunidades, autónomos e empresarios" a que levara o Goberno central a realizar ata tres modificacións do decreto inicial, entre elas ampliando o período para imputar as débedas ás que se poden destinar as axudas, que deben ter sido contraídas entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de setembro de 2021; e establecendo que os cartos se poidan destinar a compensar custos fixos non cubertos nos que se incorreu nese período, e non só a débedas.
A Consellería de Emprego foi máis aló e asegurou que no primeiro e segundo plans da Xunta, con fondos autonómicos, xestionáronse un total de 80.000 solicitudes "grazas á súa axilidade e fácil tramitación".
Persoal autónomo admite que "houbo moita xente que quedou fóra", pero tamén que son "axudas boas e rápidas: nós quitamos de diante o crédito ICO", exemplifican
Con todo, non todas as opinións coinciden. Profesionais autónomos consultados por Praza.gal e que foron beneficiarios das axudas directas do terceiro plan entenden as queixas porque "houbo moita xente que quedou fóra", pero destacan tamén a súa "eficiencia". "Son boas axudas e rápidas; nós quitamos de diante o crédito dos ICO e non temos xa débedas", conta un hostaleiro.
Entre os beneficiarios, as persoas traballadoras autónomas que tributen por módulos poden recibir unha axuda máxima de 3.000 euros, mentres que o resto de persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas que teñan unha caída do volume de facturación de mais dun 30% no ano 2020 respecto do 2019 oscilan entre un mínimo de 4.000 euros e un máximo de 200.000.