O pasado 29 de decembro, a Xunta celebrou o seu derradeiro Consello de 2021. Como é habitual, o Goberno daquela presidido por Alberto Núñez Feijóo completou oficial nese Consello de fin de ano o trámite para levar ao exercicio económico seguinte, o de 2022, "créditos que non amparen compromisos de gastos debidamente adquiridos", isto é, fondos que non foron gastados no ano que finaliza son retidos para, ao ano seguinte, seren recolocados nas mesmas partidas ou noutras distintas, segundo corresponda.
Tan habitual coma o trámite é o feito de que a Xunta non o faga público na referencia que divulga sobre os asuntos tratados no Consello. Así sucedeu tamén desta volta. Non obstante, si ten que acabar dando conta ao Parlamento ao informalo das modificacións orzamentarias do mes de decembro, o cal vén de suceder contra o remate deste mes de maio -con máis demora do habitual-.
No caso dos fondos xestionados directamente por consellerías, os cartos que pasaron a 2022 por non seren gastados o pasado ano ascenden a 176,3 millóns de euros, un 40% menos que o ano anterior. Pero nas coñecidas como "entidades instrumentais", organismos do Goberno galego con personalidade xurídica propia alén das propias consellerías, os fondos sen gastar foron máis do duplo que un ano antes, cando ascenderan a uns 132 millóns. Desta volta foron algo máis de 270 e dentro deles atópanse case 14 millóns de fondos transferidos polo Estado para facer fronte ás consecuencias da pandemia do coronavirus, os coñecidos como fondos COVID.
As consellerías trasladaron ao 2022 un total de 176,3 millóns de euros que deixaron sen comprometer en 2021, un 40% menos que un ano antes. Nas entidades instrumentais do Goberno galego, os fondos non gastados superaron os 270 millóns, máis do duplo que no exercicio previo
O reparto e administración destes fondos COVID foi un dos motivos de disputa máis habitual entre o ex-presidente Feijóo e o seu gabinete co Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos, alegando tanto insuficiencia como inxustiza na súa asignación entre comunidades autónomas. Segundo datos do Ministerio de Facenda, a Galicia correspondéronlle 828,38 millóns destes fondos en 2021. En 2020 foran 735, segundo a mesma fonte. Esta controversia contrasta coa devandita documentación remitida ao Parlamento, segundo a cal quedaron sen gastar un total de 13,99 millóns de euros de Fondos COVID transferidos polo Estado á Xunta e xestionados a través das entidades instrumentais, o que equivalería ao 1,6% do achegado o ano pasado.
Dentro deste montante global, o departamento que transferiu un maior volume de fondos COVID para recolocalos en 2022 foi o Sergas (8,16 millóns) seguido do Instituto Galega de Promoción Económica (o Igape, que canalizou o groso das axudas e rescates para os diferentes sectores afectados pola crise sanitaria). Nas restantes entidades dependentes do Goberno, os fondos COVID non gastados foron cantidades moi inferiores.
O Igape, entidade que rematou 2021 máis fondos sen comprometer
Alén dos fondos COVID, o Igape tamén destaca na suma total de fondos que deixou pendentes de gasto en 2021. Esta entidade dependente da Vicepresidencia económica do Goberno galego (daquela Vicepresidencia Segunda, agora Vicepresidencia Primeira) partiu nese exercicio cun orzamento total de 262 millóns de euros, incluíndo 30 millóns de fondos de recuperación React-EU e ao remate tiña sen comprometer algo máis de 82 millóns.
O Instituto Galego de Promoción Económica tiña sen comprometer ao rematar o ano 82 dos 262 millóns do seu orzamento
Algo máis da metade deses cartos sen gastar eran fondos propios da Xunta (46,2) millóns que, como marca a normativa, pasaron a finais de ano á partida de gastos imprevistos para seren reasignados no inicio de 2022. En 2021, como amosa o gráfico sobre estas liñas, o Igape deixara sen gastar uns 23 millóns de euros.
Por tras do Igape sitúase a Axencia Galega de Infraestruturas, que segundo a documentación remitida ao Parlamento rematou o 2021 con case 57 millóns sen comprometer do seu orzamento, que contaba con algo máis de 254 millóns de euros. Sempre segundo esta información enviada ao lexislativo, tamén neste caso o montante máis relevante dos fondos sen gastar (53 millóns) eran fondos propios da Xunta.
A maior distancia nestas partidas económicas trasladadas ao ano seguinte por falta de gasto están a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (25,1 millóns de euros, 16 deles de fondos europeos), o Sergas (25,1 millóns) e a Axencia Galega de Innovación (23,4 millóns de euros). Despois deles, sitúanse a Axencia Turismo de Galicia (10,5 millóns), o Instituto Enerxético de Galicia (9 millóns) e o Instituto Galego de Vivenda e Solo (8,5 millóns).
Os fondos trasladados, como norma xeral, non se perden. Son reasignados no exercicio seguinte para as mesmas ou outras funcións
Como explica a propia Xunta no expediente deste trámite, no caso dos fondos propios da Administración galega, o que sucede con estes remanentes e final de ano é que son traspasados ao programa de gastos imprevistos. "Coa finalidade de manter as taxas correctas de cofinanciamento", agrega, unha vez feito este trámite tamén se poñen "en situación de non dispoñibilidade" os "fondos externos" que se puidesen ver afectados para financiar os mesmos proxectos pendentes.
No caso dos fondos europeos, a propia lei de orzamentos fixa que "para conseguir o máximo grao de execución posible", os créditos que quedan sen gastar "poden ser reasignados a outras actuacións, da mesma ou distinta consellería ou organismos", sempre que entren dentro das finalidades previstas nos plans polos que foron asignados. Esa recolocación é realizada, habitualmente, nos primeiros meses do ano seguinte.