Beneficios disparados na AP-9: 45 millóns en seis meses cun 41% máis de fondos públicos

Un treito da autoestrada AP-9, nunha imaxe divulgada por Audasa canda os seus resultados do primeiro semestre de 2025 © Audasa

Os ingresos por peaxes da AP-9 aumentan un 9% nos primeiros seis meses do ano, ata os 105 millóns, e as ganancias da concesionaria soben por riba do 12% mentres o tráfico se incrementa un 5%

O negocio da concesionaria da Autoestrada do Atlántico segue a velocidade de cruceiro. Coa pandemia da COVID e os seus puntuais números vermellos xa no esquecemento, as contas de Audasa continúan disparadas e alleas ás eventuais consecuencias da ilegalidade que a Comisión Europea, agora definitivamente, detecta na prórroga coa que o Goberno de José María Aznar lle permitiu seguir explotando a AP-9 ata 2048 mediante a prórroga da concesión que debía finalizar o 18 de agosto de 2023.

Segundo os resultados entregados á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) este 1 de agosto, nos primeiros seis meses de 2025 Audasa gañou case 45 millóns de euros. Foron, concretamente, uns beneficios despois de impostos por importe de 44,57 millóns, un incremento interanual superior ao 12% para un semestre no que os ingresos de fondos públicos por diferentes conceptos aumentaron por riba do 40%.

Sempre segundo a información fornecida pola propia Audasa, estes significativos beneficios semestrais chegan nun período no que os ingresos por peaxes aumentaron algo máis dun 9%, ata os 105,6 millóns de euros. Ambos indicadores, beneficios e ingresos, aumentan moi por riba do que o fai o tráfico: unha media diaria de 26.013 vehículos, isto é, algo máis dun 5% por riba do rexistrado entre xaneiro e xuño de 2024.

As persoas usuarias da autoestrada achegan 3 millóns menos que no mesmo período do ano anterior e as arcas públicas, 12 millóns máis ata un total de 41,6

Se estas magnitudes de ingresos e beneficios son significativas, non o son menos a proporción de fondos públicos no total facturado pola compañía nestes seis meses. Dentro deste total de 105,6 ingresos por peaxes (resultado de restar aos 111 millóns efectivamente cobrados os 5,92 de descontos comerciais que aplica a empresa en certos) ata 41,6 millóns son transferencias de fondos públicos. É un 41% máis que no primeiro semestre do ano pasado e xa teñen un peso do 36% dentro do total de ingresos de Audasa, dez puntos máis que hai un ano.

Dentro desas inxeccións de fondos públicos ingresadas pola concesionaria da AP9 a partida máis relevante, de 33 millóns de euros (tres de cada dez euros ingresados nestes seis meses), é a que recibe do Ministerio de Transportes para financiar os descontos de ata o 75% dos que se benefician as persoas usuarias que empregan telepeaxe por viaxes recorrentes. Outros 6,5 millóns corresponden aos treitos con peaxe na sombra, os 9,1 quilómetros do treito Vigo - O Morrazo e os 5,1 da Coruña á Barcala nos que non se paga peaxe ao circular e o Goberno de España compensa a posteriori en función do tráfico.

Outros 2 millóns de euros de fondos públicos son tamén unha achega estatal para compensar as limitacións ás subas de tarifas impostas á concesionaria en 2022. En síntese, as persoas usuarias da autoestrada AP-9 achegan case 3 millóns de euros menos que no primeiro semestre de 2024 e as arcas públicas, 12 millóns máis.

Os 28 millóns que Audasa paga en impostos xa son menos que as achegas públicas que recibe no mesmo período. A compañía non transmite desacougo ningún sobre eventuais consecuencias da ilegalidade detectada pola UE na prórroga concedida por Aznar ata 2048

A empresa, pola súa banda, considera "conveniente destacar" os "importes abonados en concepto de impostos, tributos" e cotizacións sociais". "Representaron un importe de 28,5 millóns de euros" neste período, subliña. É dicir, 13 millóns menos das achegas de fondos públicos que recibe.

Todas estas cifras e consideracións comunícaas Audasa aos mercados financeiros e ao seu accionariado nun contexto no que non transmite desacougo ningún a respecto da posibilidade de perder a concesión por mor do proceso en marcha na Unión Europea. Tampouco fai referencia ningunha a un eventual traspaso de competencias dende o Goberno de España á Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.