A fin da exención concedida pola ditadura propiciou que a AP-9 pasase de pagar apenas 380.000 euros anuais en IBI a 7,5 millóns en 2024
Tres anos antes da morte de Francisco Franco, en 1972, a ditadura aprobou que as autoestradas tivesen un desconto do 95% na daquela chamada Contribución Territorial Urbana, o actual Imposto de Bens Inmobles (IBI). Ao ano seguinte, Audasa recibiu a concesión para construír e explotar a Autoestrada do Atlántico e, daquela, comezou a beneficiarse dunha rebaixa da que gozou ata o 19 de agosto de 2023, data fixada polo Goberno do PP de José María Aznar cando prorrogou a concesión da AP-9 ata o 18 de agosto de 2048.
A fin do privilexio franquista disparou a recadación polo IBI da AP-9 en todos os concellos polos que pasa. Duns 380.000 euros a 7,5 millóns no ano 2024, o primeiro completo sen o desconto, segundo os cálculos dos concellos das cidades e mais das deputacións da Coruña e Pontevedra, que teñen delegada a recadación tributaria dos municipios de menor dimensión.
Unha vez instalada a normalidade tributaria en torno ao IBI da autoestrada, unha das institucións implicadas nela, a Deputación coruñesa, procura novas vías para poder cobrarlle máis. Así o comunicou este pasado luns o seu presidente, Valentín González Formoso, aos concellos baixo a súa competencia polos que discorre a autoestrada.
A Deputación da Coruña reclama a Audasa os "atrasos" dos catro meses e medio de 2023 nos que xa non dispuña do desconto do 95% do IBI e negocia co Catastro para que a concesionaria da AP-9 pague "o mesmo que calquera veciño ou veciña" por este imposto
O máis inmediato, avanza Formoso, é reclamarlle a Audasa "os atrasos do IBI correspondentes aos meses que van do 19 de agosto de 2023" ata o remate dese ano. Son catro meses e medio que, nos 18 concellos con recadación delegada na institución provincial (todos da provincia coa AP-9 no seu territorio agás A Coruña, Santiago e Ferrol), supoñen 1,3 millóns de euros.
Pero esta non é a única vía que perseguen os concellos e que a Deputación tamén di estar en condicións de explorar. Avanza Formoso que o ente provincial vai "negociar co Catastro" unha "actualización" dirixida a "revisar as cantidades que Audasa paga" polo IBI.
"Estamos en conversas para tentar facelo de xeito consensuado", sinala o socialista. Do que se trata, mantén, é de "cobrarlle á empresa que xestiona a autoestrada o mesmo que paga calquera veciño ou veciña". O pasado 2024 os devanditos 7,5 millóns de euros que Audasa tivo que pagar polo IBI equivaleron a apenas o 9% dos seus beneficios.