Audasa pasa a pagar 7,5 millóns de IBI, o 9% dos seus beneficios, e non pode compensalo con máis peaxes

Concellos polos que pasa a AP-9, que aumentarán de 380.000 a 7,5 millóns o IBI que cobran a Audasa CC-BY-SA Imaxe: Audasa | Montaxe: Praza Pública

Os concellos polos que pasa a autoestrada ingresaban ata agora un total de 380.000 euros, pero coa fin da exención que dera o franquismo á empresa recalcularon o imposto e agora cobrarán 20 veces máis

En 1973, un ano antes de que se outorgase a concesión da AP-9 a Audasa, o franquismo aprobou que as autoestradas poderían beneficiarse dunha rebaixa do 95% do imposto local, daquela a Contribución Territorial Urbana e o hoxe o Imposto de Bens Inmobles (IBI). Grazas a esa rebaixa, da que Audasa puido beneficiarse ata hai un ano, a concesionaria viña pagando aos concellos polos que pasa a autoestrada uns 380.000 euros

Agora, rematada esa exención, os concellos veñen de liquidar o imposto xa ao 100%, o que eleva o cobro a preto de 7,5 millóns de euros, o 9% dos beneficios de Audasa durante o pasado ano. Porén, a empresa non poderá subir as peaxes para compensar esa redución de beneficios.

Audasa desfrutou da exención do 95% do IBI ata o 18 de agosto de 2023, hai un ano, cando debía rematar a concesión da AP-9 se en 2000 non fose prorrogada polo Goberno de José María Aznar outros 25 anos máis, ata 2048. Esa prórroga está a ser posta en cuestión pola UE, xa que foi outorgada sen un concurso público e tres anos despois o mesmo goberno privatizou a que daquela era unha empresa estatal.

Aquela prórroga, a cambio de que se acelerase a ampliación da autoestrada ata Ferrol, si incluíu un matiz a respecto das características previas da concesión. A cláusula vixésima estableceu que se manterían "todos e cada un dos beneficios tributarios" da concesión "a excepción" do IBI, "do que a sociedade concesionaria non poderá desfrutar a partir do 19 de agosto do ano 2023, inclusive".

A prórroga da concesión en 2000 estableceu que a exención do IBI remataría o 19 de agosto de 2023 CC-BY-SA Praza Pública

A fin da exención do IBI, publicada no BOE en 2000 e en vigor desde hai un ano, forma parte das condicións da concesión, o que impide que Audasa poida propoñer ao Estado, que é quen as autoriza, unha suba da peaxe

Ese requisito, publicado no Boletín Oficial do Estado, forma así parte xa das condicións da concesión, o que impide que a concesionaria poida propoñer ao Estado, que é quen as autoriza, unha suba das peaxes para compensar ese novo cobro. Isto é, o aumento do IBI non pode ser esgrimido pola concesionaria como un feito sobrevido que afecta ao equilibrio económico-financeiro da concesión xa que foi unha condición para a prórroga da concesión coñecida polos compradores cando se privatizou a empresa e despois cando as súas accións foron cambiando de mans.

Agora, rematada a exención, o IBI vén de ser recalculado polas cidades polas que pasa a AP-9 e as deputacións da Coruña e Pontevedra nas que delegan a recadación de impostos os concellos máis pequenos. O resultado é que Santiago, o concello coa maior superficie do seu termo municipal afectada pola autoestrada, pasará de cobrar 35.000 a 665.000 euros. Un incremento que se notará especialmente en concellos pequenos, con orzamentos reducidos que verán incrementados notablemente grazas á suba do IBI. É o caso de Vilaboa ou Valga, con menos de 6.000 habitantes, que pasarán de ingresar uns 20.000 euros a 435.000.

Para Audasa o IBI supón o 9% dos seus beneficios, pero concellos como Vilaboa ou Valga, con menos de 6.000 habitantes, pasarán de cobrar 20.000 euros a 435.000

Canto ao efecto do remate da exención nas contas de Audasa, este será limitado. O pasado ano, no que acadou un novo récord de beneficios, estes ascenderon a 82,6 millóns de euros despois de impostos, e 110,14 millóns antes de impostos. Isto é, os 7,5 millóns que agora pagará por IBI serán só o 9% dos beneficios despois de impostos e o 6,8% dos beneficios antes de impostos. Uns beneficios que no primeiro semestre deste ano seguiron aumentando, con 39,5 millóns só na primeira metade do exercicio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.